Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local prepara un dispositivo de seguridade para San Xoán con 374 efectivos, “similar ao do pasado ano a pesar de non existir a ameaza dunha gran preamar”

junio 19, 2018 coruna No Comments

O dispositivo de seguridade e emerxencias da festividade de San Xoán contará con 374 efectivos que comezará o seu despregue ás 07.30 horas do día 23 de xuño e comezará a reducirse segundo o desenvolvemento da festa a partir das 06.00 horas do día 24. A concelleira con competencias en Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, explicou este luns que o Concello “mantén este ano un dispositivo de seguridade cun número de efectivos similar, só un menos, ao do pasado San Xoán pese a non existir a ameaza dunha gran preamar”. Fraga deu a coñecer esta mañá os detalles do dispositivo previsto “para unha noite na que se xuntan boa marea, bo tempo e fin de semana” e no que participarán Policía Local, o Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), Protección Civil, Policía Nacional, Urxencias Médicas do 061 e voluntariado da Cruz Vermella, que contarán tamén co apoio do centro móbil de coordinación e vídeo vixilancia. Fraga indicou que este ano se controlarán especialmente os accesos ás praias e as zonas de especial protección, como a contorna do areal de As Lapas, e se sinalizará a preamar sobre a area, que será arredor das 02.30 horas, para advertir á cidadanía do nivel máximo que acadará o mar.

Recursos humanos e materiais

Tal e como detallou Fraga, participarán no dispositivo 149 axentes da Policía Local, agrupados en 68 patrullas, que cubrirán tres quendas –mañá, tarde e noite– tanto uniformados como de paisano, e serán os e as encargadas de “realizar o control sobre as fogueiras, barbacoas e o tráfico e seguridade na zona das praias, así como noutras áreas da cidade”. O Corpo Nacional de Policía fará o reforzo durante a quenda da noite con 40 axentes, mentres que os accesos ás praias de Riazor, Orzán, As Lapas e Punta Herminia estarán controlados por 40 vixilantes de seguridade privada, que traballarán dende as 10.00 horas do día 23 de xuño ata as 14.00 horas do 24. O Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento estará conformado durante o tempo que dure o dispositivo especial por 44 persoas, das que 10 forman parte do grupo de rescate acuático, que estarán no mar cunha embarcación. Os bombeiros dividiranse en 10 dotacións, catro das cales estarán traballando nos barrios. Das restantes, catro estarán nas praias, prestando especial atención ao control da falla e no posto de mando avanzado que se establecerá na Coiraza, e dúas no parque. Os servizos de Salvamento e Socorrismo disporán de oito socorristas distribuídos nas praias de Riazor, Orzán, Lapas e Oza, ademais de dous patróns de embarcacións, dúas embarcacións, un coordinador, un médico, un auxiliar de enfermería e un técnico.

No que atinxe ao dispositivo de atención sanitaria, Protección Civil terá un posto sanitario medicalizado no Paseo Marítimo, dous puntos de atención sanitaria en Riazor e Orzán e dúas ambulancias con soporte vital nos que traballarán 30 persoas, entre persoal médico e voluntarios e voluntarias. O 061 encargarase dos traslados fóra da zona dos areais, para o que contará con dúas ambulancias medicalizadas e catro asistenciais. Pola súa banda, a Cruz Vermella despregará un equipo duns 40 profesionais que traballarán nun posto médico avanzado, un centro de coordinación, unha ambulancia con soporte vital avanzado e catro con soporte vital básico.

Horarios

O dispositivo especial de seguridade arrancará contra as 19.00 horas do día 23 e reducirase, progresivamente, a partires das 06.00 do domingo 24, hora na que se deberán desaloxar as praias para a posta en marcha do dispositivo de limpeza, se ben desde as 07.30 horas do sábado comezará a baixada do material ás praias –por parte dos servizos municipais–, e a partires das 09.00 horas instalarase o posto de mando na Coiraza, que quedará pechada ao tránsito peonil para o correcto desenvolvemento do operativo do San Xoán. Contra as 22.00 horas, e até as 09.00 horas do día 24, quedará prohibido o baño nas praias, e ás 00.00 horas terá lugar, despois do espectáculo pirotécnico, a queima da falla.

Como é habitual, ás 19.00 horas do día 23 producirase o corte total de tráfico no Paseo Marítimo e iniciarase o reparto gratuíto de madeira limpa por parte do Concello. A veciñanza poderá baixar estes e outros materiais á praia a partires das 19.30 horas sempre e cando, tal e como lembrou a concelleira, non sexan vidro, mobles ou colchóns, entre outros. A este respecto, Rocío Fraga lembrou que non se poderán empregar elementos do mobiliario urbano para o transporte de materiais aos areais.

Consellos de seguridade

De cara a unha celebración segura, a responsable municipal lembrou que non estará permitido o uso de acelerantes nin de combustibles que ardan con dificultade ou que conteñan na súa composición produtos químicos que se poden descompoñer en gases tóxicos –madeiras pintadas ou vernizadas, neumáticos, plásticos, aceites, graxas, por exemplo– nas fogueiras ou grelladas. Os servizos municipais de emerxencias recomendan non evitar o uso de madeira de obra ou mobiliario –xa que poden contar cravos, grampas ou material sintético– e de materiais lixeiros, como papeis ou teas, posto que poderían propagar o lume ou provocar queimaduras. Á vez, solicitan non tirar ao lume elementos explosivos –botes, aerosois, bidóns, latas–.

No caso das grelladas en vías públicas –que, excepcionalmente, non deberán ser comunicadas esta noite, sempre e cando non ocupen calzadas nin entorpezan a circulación de vehículos–, estas deberanse poñer a estrutura sempre sobre unha cama de area e situala a un mínimo de 15 metros de coches, fachadas, mobiliario urbano ou liñas eléctricas. Deberase asegurar sempre o paso libre para vehículos de emerxencia e dispoñer sempre dun medio de extinción nas súas proximidades, ademais de asegurar que, cando remate a celebración, o espazo empregado quede limpo, e que o lume está ben extinguido.

De cara aos fogos de artificio, que se acenderán contra a media noite, os corpos de seguridade aconsellan asistir con suficiente antelación ao espectáculo, que terá lugar na enseada do Orzán, así como evitar achegarse ao espazo no que teña lugar o disparo. De cara a previr posibles queimaduras, piden respectar o cordón de seguridade, seguir sempre as instrucións do persoal municipal e prestar atención á caída de fragmentos incandescentes. No caso que algún dos elementos caian ao chan sen explotar, deberase avisar aos servizos de emerxencias.

Queimaduras

Os servizos municipais de emerxencias lembran que, ante posibles queimaduras, deberase aplicar auga fresca na zona afectada durante un mínimo de 2-3 minutos. Non se deberán rebentar as ampolas nin aplicar pomadas, cremas nin desinfectantes, nin retirar os restos de roupa que se puideran adherir. No caso de prender lume na vestimenta, os servizos municipais piden non correr para non avivar as lapas, así como tirarse ao chan e rodar lentamente para esmagalas. Lembran tamén a importancia de tapar a cara coas mans para que as faíscas non cheguen á cara ou ao pelo, e que os gases tampouco cheguen aos pulmóns. Finalmente, piden evitar retirar a roupa pola cabeza e, en última instancia, empregar extintores.

Ante calquera tipo de dúbida, a veciñanza poderá chamar aos teléfonos de emerxencia dos distintos corpos de seguridade e emerxencia: Bombeiros (080), Policía Local (092), Policía Nacional (091) e Urxencias Médicas (061), ademais das alarmas xerais (112).

Comment on this Article: