Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local presenta o anteproxecto para a rehabilitación das cubertas de Riazor que “garante a seguridade estrutural, cobre unha maior superficie de bancada e renova a imaxe do estadio”, cun investimento de 8,2 millóns

junio 4, 2017 coruna No Comments

Os concelleiros de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron en rolda de prensa as liñas xerais do anteproxecto de rehabilitación das cubertas do estadio de Riazor, de titularidade municipal e que explota o Deportivo da Coruña. Segundo destacaron os representantes municipais, a actuación deseñada “garante que o procedemento de licitación se levará a cabo con total seguridade”, fronte ás “inseguridades” que introduciu o proxecto deseñado polo anterior Goberno local. A este respecto, Sande salientou que “o compromiso do Concello con esta obra é e sempre foi total, cousa que podemos ver non só no empeño de garantir en todo momento a solvencia da mesma, para non poñer parches temporais, senón tamén no investimento, que supera amplamente o previsto polo Goberno do PP”. Ao respecto, o titular de Deportes recordou que nun principio realizouse unha previsión orzamentaria para a obra de 7 millóns de euros, que vén de ampliarse até superar os 8,2 millóns de euros debido ao calado das obras. “Unha cantidade moi superior fronte aos 2,5 millóns de euros do anterior proxecto”, resaltou. “A principal motivación en todo este proceso é garantir a seguridade estrutural dunhas cubertas que se atopaban nun estado precario tras décadas de desleixo”, engadiu o concelleiro de Rexeneración Urbana.

En concreto as obras consisten en substituír as dúas cubertas máis deterioradas do estadio e reparar e rehabilitar o resto. Ao fío, introduciranse máis melloras, como a cubrición da metade da grada de preferencia inferior, actualmente á intemperie. “Se non se puido contemplar finalmente a cubrición total foi debido á complexidade técnica e o aumento orzamentario que suporía o reforzo de toda a estrutura de formigón, ademais da afección que a obra tería sobre os palcos”, destacou Varela, que salientou que esta decisión, así como o conxunto das mesmas, foi sempre falada co Deportivo. “Ademais, a obra comprende tamén o pechado dos fondos superiores das catro bancadas, que até o de agora estaban abertas, algo que non axudaba á conservación da estrutura debido ao ambiente mariño e o salitre que confire a presencia do mar”, apuntou.

O anteproxecto tamén trata, no seu conxunto, de “renovar a imaxe do estadio”, xerando unha imaxe máis unitaria da cuberta, tanto no que se refire á xeometría como aos acabados e mellorando substancialmente a visibilidade interior do estadio. “Grazas á cubrición da cuberta, unha lámina que se situará enriba da estrutura e que combinará chapa con policarbonato, haberá máis luminosidade”, destacou Xiao Varela.

Por outro lado, o concelleiro destacou que a obra prevista no anteproxecto facilita a conservación e mantemento das instalacións e a propia estrutura, “unha medida especialmente aplaudida polo propio club, e que mellora en moito a accesibilidade da que dispón á hora de poder abordar estas tarefas”, xa que a estrutura da cuberta será accesible sen medios auxiliares. “A solución que plantexamos é, por un lado, permitir que a cubrición da cuberta se poida pisar, con bandas de chan transitable; ademais as cubertas permiten accesibilidade por dentro, de cara a poder reparalas e revisalas, e contemplamos a rexeneración dunha galería de servizos no anel perimetral interior, co cal se pode acceder, por exemplo, tanto aos focos como ao cableado”, comentou. “Todas estas actuacións están contidas nese anteproxecto que prevé un investimento de máis de 8,2 millóns”, insistiu. Varela recordou ademais que a licitación do proxecto e a obra abordaranse de forma conxunta, co que se acurtarán prazos. “O que buscamos foi, por todos os medios, evitar que se puideran repetir os problemas que houbo na licitación levada a cabo polo Goberno local anterior en base a un proxecto que presentaba deficiencias”, observou.

No que atinxe aos prazos, os concelleiros recordaron que o inicio da licitación terá lugar este mes, para que proxecto e obra poidan estar adxudicados a final do presente ano, de acordo coa folla de ruta marcada polo Goberno local e acordada co propio Deportivo. “O inicio das obras está marcado para maio de 2018, segundo os tempos do parón de xogo. Aproveitaremos ese tempo para, en tres meses, cambiar as cubertas longas do estadio, que é o traballo de carácter máis invasivo que requirirá da ocupación do céspede”, manifestou Varela, que apuntou que o anteproxecto prevé tamén o cambio do céspede que poida quedar afectado polas obras. “Posteriormente, e até maio de 2019, realizaremos as reparacións dos fondos e cambio da cubrición, pero compatibilizando sempre as obras cos partidos. É un calendario asumible que será en todo momento consensuado co Deportivo da Coruña”, dixo.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...