Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local presenta o proxecto para a reforma do mercado de Santa Lucía e empraza á Xunta a comprometer, antes dun mes, un novo centro de saúde para o barrio

noviembre 26, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou nun acto público no mercado de Santa Lucía, o anteproxecto do Concello para a renovación deste histórico espazo, que contempla a posibilidade de que o equipamento conte cun centro de saúde xunto cun mercado completamente renovado e modernizado. Non obstante, debe ser a Xunta de Galicia, por ter as competencias sobre o Sergas, a que decida se o espazo sanitario pode ubicarse, tal e como demanda a veciñanza, nesa localización. Así, o responsable municipal anunciou a intención do executivo municipal de trasladar ao goberno autonómico a súa proposta de cara a obter unha resposta no prazo máximo dun mes. O rexedor, que salientou que o anteproxecto conta co deseño do arquitecto e autor do proxecto do actual mercado, Manuel Gallego, Premio Nacional de Arquitectura, incidiu en que “o plantexamento que facemos é viable tecnicamente e permite desenvolver usos diferenciados e contiguos aos do mercado”. “O centro de saúde que plantexamos conta cun equipamento cómodo, ben comunicado e accesible. Por iso queremos que a Xunta se decida dunha vez e permita que este barrio conte con dous equipamentos que lle son especialmente necesarios” explicou o primeiro edil, que recordou que, non obstante, a administración local tamén ofreceu á Consellería de Sanidade en agosto do ano unha parcela alternativa no Paseo das Pontes. “Para o centro de saúde reservamos máis de 1.500 metros cadrados, que é o que segundo os estándares da Xunta necesita esta zona para ter cobertura suficiente”, declarou Ferreiro. “O que queremos é que a Xunta se decida, xa que cidadanía non pode ser furtada deste servizo. Debe decantarse ou ben por Santa Lucía, que é a localización que máis convence tanto á cidadanía como a Concello, ou ben por Paseo das Pontes ou outro emprazamento, pero debe dar unha resposta”, explicou. Ao fío, o rexedor aclarou que “no caso de que o Sergas rexeite traer o centro de saúde a Santa Lucía, o Concello daralle outros servizos a ese espazo, usos cívicos que tamén serán moi útiles para toda esta zona e que servirán para dinamizar o comercio e actividade do barrio”.

“Somos conscientes da necesidade de que o centro da cidade conte cun centro de saúde. Dende o primeiro momento, o Concello propuxo á Xunta que este se ubicase en Santa Lucía, de feito, ao longo do ano pasado trasladamos diversas alternativas, de forma que o centro sanitario e o mercado fosen complementarios. Ao longo dese tempo, a Xunta pasou de considerar imprescindible o protocolo de colaboración asinado entre as dúas administracións a non asistir ás xuntanzas co Concello e pedir novos requirimentos de xeito sorpresivo, como a súa disposición horizontal sobre o mercado, algo que o arquitecto que elabora o proxecto considerou tecnicamente inviable e non desexable”, recordou Ferreiro, que insistiu en que o prazo dado esta xornada á Xunta “responde a necesidade de que renovación do mercado non se demore máis pola súa causa”.

“O proxecto que hoxe presentamos pretende dotar a este barrio dun novo mercado e un novo centro de saúde. O goberno local cumprirá cos seus compromisos, como fixemos até agora coa elaboración deste proxecto técnico e procuraremos comezar canto antes as obras, nun ano aproximadamente. Con todo, debemos ter en conta que o mercado depende nós, o centro de saúde non. Para que o barrio teña un centro de saúde é necesario que a Xunta, que non inclúe este centro nos seus presupostos para 2018, dea un paso adiante e rectifique. Levamos moito tempo agradando, tempo perdido, e non podemos agardar máis, temos que pasar á seguinte fase da tramitación deste proxecto con urxencia, para que a reforma do mercado non se atrase máis”, explicou. O alcalde coruñés insistiu en solicitar á Xunta “que non prive ao barrio dun proxecto coma este: estamos a falar dun centro de saúde e un mercado modernizado, dous equipamentos indispensables que se complementan e que van funcionar como elementos de atracción e dinamización para toda a veciñanza, ademais de cubrir as súas necesidades básicas”, explicou.

Un mercado fundamental na dinamización do barrio

Ferreiro subliñou a importancia de impulsar canto antes a reforma do mercado. “Estamos a falar dun equipamento chave. Entendemos que é unha peza fundamental na dinamización do barrio que debe converterse, por tanto, nun espazo clave, aberto á veciñanza e á rúa”, comentou. “Nun barrio de alta densidade, que historicamente non está sobrado de zonas verdes e de esparexemento, a nosa intención é que o mercado pase a ser o corazón deste entorno” , dixo. Debido a esa concepción, o anteproxecto deseñado polo goberno municipal contempla o mercado como o espazo máis pegado á rúa, polo que se propón crear unha praza na fachada principal, gañando un espazo de encontro entre as rúas Doutor Flemming, Rosalía de Castro e Alfonso VII, con presenza de árbores e espazo público. “Tamén por iso, o proxecto municipal entende que a fachada do mercado debe ser o máis transparente posible, de forma que o mercado gañe espazo libre e que tanto postos como produtos gañen en visibilidade”, indicou o alcalde, que tamén sinalou que a intención do executivo municipal á hora de deseñar este espazo “foi que os usos de mercado das praceiras e praceiros fosen compatibles con outras actividades como mercadiños puntuais de produtos de proximidade que contribúan a dar vitalidade á praza e ao barrio”. “O mercado contará tamén con espazos para uso cidadán, porque a nosa intención é que este sexa o mercado da veciñanza”, dixo.

A este respecto o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, recordou que o anteproxecto elaborado polo Concello ten un orzamento estimado de 6,6 millóns de euros, sendo a partida destinada para a reforma do mercado de 4,1 millóns de euros e de 2,5 millóns para o espazo contiguo que, como se propón, podería albergar o demandado centro de saúde.

O edil, que estivo presente xunto co alcalde e o concelleiro de Emprego no encontro coa cidadanía do barrio, explicou que o proxecto para a rehabilitación do mercado busca “manter e potenciar as virtudes do edificio orixinal, impulsando o modelo de mercado no que cre este goberno, un espazo de proximidade, cunha sorte de praza cuberta que actúe como lugar de contacto co barrio”. “Dende un principio pensamos que a planta do mercado tiña que estar a nivel de rúa, do mesmo xeito que ocorre xa noutros espazos rehabilitados en todo o Estado como o caso da Boquería, en Barcelona, que tamén funciona como unha sorte de praza cuberta”, aludiu.

Segundo o proxecto básico, o corpo baixo do edificio estará ocupado polo mercado e por un espazo destinado a usos cívicos, que permitirán un maior aproveitamento por parte da veciñanza. O corpo vertical estará reservado, segundo a proposta que se lle fai á Xunta de Galicia, para o centro de saúde.

“No que atinxe ao exterior do mercado, na parte frontal, que dá a rúa Dr. Flemming, prevese a retirada dos corpos que foron engadidos e que bloqueaban a conexión do mercado co exterior. A nosa idea é facer o máis transparente posible a fachada. Ademais, ao retirar eses locais, créase nesa esquina unha pequena praza que contará con árbores e que conectará a vía con Inés de Castro e Alfonso VII”, describiu. “No interior increméntase a cantidade de espazo libre, de cara a conseguir que adquira ese carácter de praza cuberta, de lugar aberto. Para que sexa máis diáfano tamén se prevén corredores máis amplos, así como espazos destinados a acoller eventos, sempre relacionados cos mercados e a alimentación”, incidiu, á vez que recordou a previsión de contar con dúas salas de usos polivalentes.

Por outro lado, a proposta municipal para o espazo que podería albergar o centro de saúde proxecta o seu desenvolvemento en vertical, na parte alta do edificio. Este espazo contaría con cinco andares, dos que os catro superior serían para acceso público e o inferior para unha área administrativa, baixa a que estarían os almacéns. A entrada estaría localizada no lateral, pola rúa Inés de Castro. “Ao levantarse por enriba do mercado, este espazo disporía de iluminación natural e unha boa ventilación, mellor que na alternativa que nalgún momento barallou a Xunta”, evidenciou Varela. Segundo explicou, unha vez que a Xunta indique a súa vontade de participar ou non no espazo, será necesario abordar a redacción do proxecto definitivo, para pasar, posteriormente, a fase de informes sectoriais e de patrimonio, previa a acometer a licitación e adxudicación da obra.

Espazo aberto ao público

Pola súa banda, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, responsable de Mercados, salientou que este é un proxecto “de cidade”, xa que “representa a imaxe que temos dos mercados, non só como simples prazas de abastos, senón como espazos públicos de encontro e dinamización dun barrio”. “Dende o minuto un da nosa chegada a María Pita comezamos a traballar nun espazo que se deixara practicamente abandonado. Non tivemos ningunha información ao respecto por parte dos nosos predecesores. Non obstante, as actuacións que puxemos en marcha evitaron que este histórico espazo quedase pechado ao público. Non podemos comprender por que a Xunta de Galicia rexeitou de pleno un proxecto co que si estaba de acordo coa anterior corporación municipal, sobre todo, cando nos deron unha negativa sen contar con ningún informe de viabilidade que o avalase”, relatou. “Cremos que os mercados, non só este, senón o resto dos da cidade, deben ser ter un importante carácter social, e nesa liña é na que estamos a traballar”, dixo, á vez que anunciou que a cidade acollerá en breve un congreso sobre mercados “no que se analizará o futuro e os usos posibles que poden albergar estes significativos espazos, de cara a dinamizalos e achegalos máis á poboación”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...