Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local traslada á oposición as súas demandas ao proxecto de orzamentos da Xunta, “co obxectivo de chegar a un posicionamento común para emendar unhas contas que maltratan á cidade”

noviembre 11, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, aproveitou a celebración da Xunta de Goberno Local, aberta desde o presente mandato á presenza da oposición municipal, para trasladarlle ás voceiras e ao voceiro dos grupos con representación no Pleno a intención do goberno local de chegar a un posicionamento común de toda Corporación sobre os orzamentos que a Xunta de Galicia ten reservados para a cidade. “Con ese obxectivo, esta mesma tarde pasaremos ao resto de grupos municipais unha proposta elaborada polo executivo, que está aberta a achegas. A nosa idea é poder discutila na xunta de portavoces da semana que vén”, explicou o rexedor nunha comparecencia esta mañá ante os medios. “O que pretendemos é chegar a un posicionamento conxunto para, posteriormente, trasladar emendas ao proxectoorzamentarioqueaíndadebeseraprobadonoParlamentogalego”,comentou.

Ferreiro indicou a necesidade de emendar o proxecto orzamentario do goberno galego dado “o nulo compromiso que a Xunta está a amosar coa cidade da Coruña”. “Non se trata de algo opinable, senón que é unha cuestión de datos”, sinalou. Así, o primeiro edil destacou que o investimento previsto por habitante da administración autonómica para a cidade é de 24,3 euros, un terzo do que se consigna para Ourense e menos dunha décima parte do que recibe Vigo. “A media das sete cidades, 142,2 euros por habitante, tamén deixa ás claras o agravio que isto supón para A Coruña e a súa veciñanza”, dixo.

Segundo salientou o rexedor, “malia que os gastos de capital consolidados que prevé a Xunta se incrementan en máis de 97,2 millóns de euros, o investimento na cidade da Coruña se reduce un 29,9% con respecto a 2017, e case un 55% con respecto a 2016”. “Cun orzamento 45 veces superior ao do Concello da Coruña, o goberno autonómico ten previsto investir o ano vindeiro na nosa cidade menos dunha sexta parte do que investimos en 2017 dende María Pita, onde temos un orzamento moito máis modesto”. “Nun presuposto autonómico no que o gasto non financeiro medra por enriba dos 265 millóns de euros en termos consolidados, non existe ningunha xustificación para semellante maltrato. A Coruña é, xunto con Ferrol, a cidade peor tratada no proxecto presupostario da Xunta”, censurou.

Cidade Vella e centros escolares

O mandatario local incidiu en que a intención do goberno coruñés “non é só denunciar esta situación, senón facer unha serie de achegas en clave propositiva, para darlle ideas tanto á Xunta de Galicia como aos grupos do Parlamento”. Así, explicou que, “coincidindo co proceso de peonalización da Cidade Vella, propoñemos ao executivo galego un proxecto de rehabilitación de vivenda e de rexeneración comercial desta zona”. “Concretamente, e por poñer un exemplo sobre as actuacións ás que nos referimos, poderiamos falar do antigo edificio de Capitanía, que está parcialmente recuperado como Centro Cívico, pero que entendemos que pode ampliar os seus usos en toda a parte non reformada”, dixo. “Para iso propoñemos unha dotación dun millón de euros para a súa rehabilitación e tamén que poida dar cabida a un albergue xuvenil ou de peregrinos na nosa cidade, xa que son infraestruturas que non existen aquí”, apuntou.

O alcalde tamén incidiu en que as contas do goberno galego seguen a manter un déficit histórico cos centros de ensino da cidade. “Mentres que o Concello cumpriu todos os seus compromisos, pendentes unicamente duns trámites coa propia Xunta para acometer unha última obra no CEIP San Francisco Xavier, a Consellería de Educación acumula atrasos en Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta”, enumerou o rexedor, que cifrou a necesidade de aumento presupostario para esta partida en, cando menos, un millón de euros; unha cantidade que, ademais, o executivo municipal eleva, xa que entende que son precisos outros 2,8 millóns de euros para que a Xunta acometa obras de mellora nos centros escolares públicos da cidade, que son da súa competencia. “Por outro lado, e con respecto ao futuro CEIP de Novo Mesoiro, que se asentará sobre uns terreos cedidos polo propio Concello, tamén cremos moi importante que, tal e como pide a comunidade educativa do barrio, conte cun servizo de comedor propio, para o que reclamamos outra partida de 200.000 euros”, apuntou.

Centro de Saúde

En relación ás demandas da cidadanía coruñesa, o executivo municipal tamén incide en que o proxecto presupostario da Xunta, malia a comprometer, ano tras ano, a construción do demandado centro de saúde na zona centro, “non inclúe ningunha partida específica para a súa construción”. Ferreiro salientou o feito de que “o goberno galego non recolle este investimento, aínda a pesar de que o Concello puxo a disposición da Xunta tanto un espazo suficiente no mercado de Santa Lucía, onde prevé levar a cabo unha ambiciosa obra de mellora e rehabilitación, como outra parcela no Paseo das Pontes”.

Así, e con respecto á execución de anuncios, o rexedor tamén apuntou á necesidade de que a Xunta plasme nos orzamentos o seu compromiso coa construción na cidade dunha nova residencia para maiores. “En febreiro deste ano, a través dos medios de comunicación, soubemos da intención da administración autonómica de acometer a construción deste centro antes de 2020. Até o día de hoxe, o Concello da Coruña non recibiu ningunha chamada por este tema, nin ningún informe”, dixo, para incidir na necesidade de que, se existe, “este proxecto debe contar cun calendario efectivo de investimentos”.

En canto as políticas ambientais e de benestar animal, o responsable municipal salientou que, mentres o Concello da Coruña inviste ao ano máis de 200.000 euros na roza de parcelas e camiños, “nos orzamentos só está previsto que a cidade reciba da Xunta en 2018 algo menos de 2.000 euros a través dun convenio para a prevención de incendios forestais”. “E todo isto mentres que a renovación do convenio marco entre Consellería de Medio Ambiente da Xunta e Ecoembes, destinado a sufragar a recollida e tratamentos dos residuos de envases, reduce un 15% o prezo da tonelada de envases e, polo tanto, tamén o importe que Ecoembes ten que pagar ao Concello da Coruña, ao Consorcio das Mariña e á concesionaria da planta de tratamento”, recordou.

Entre as reclamacións que o goberno local lle fai ao proxecto orzamentario da Xunta tamén se atopa “a execución subsidiaria do selado do vertedoiro de Nostián, así como a dotación de 1,7 millóns de euros para obras na EDAR de Bens que axuden a optimizar o proceso de depuración co peche das entradas de auga salgada e a instalación dun transformador eléctrico supletorio para os casos de avaría”. En relación coas políticas de benestar animal, o alcalde reclamou entre outras cousas e como feito simbólico, “cando menos, 40.000 euros para campañas de adopción, identificación e esterilización de cans e gatos”.

Por outro lado, o grupo de goberno tamén reclama que as contas autonómicas reserven unha partida para a creación dun consorcio entre distintas administracións co que xestionar e garantir o uso público do bordo litoral da cidade, proxecto este que conta co respaldo da maioría do Pleno coruñés. “Tanto a Xunta, como o Ministerio de Fomento e a Autoridade Portuaria están chamadas a participar da construción deste consorcio. É por isto que debería aparecer consignada nos orzamentos de 2018 a primeira achega de capital a este ente público”, apuntou Ferreiro, que manifestou que a achega, aínda que fose simbólica, “non debería de resultar menos que a reservada en 2017 polo Concello da Coruña para a adquisición dos terreos da Solana, que era de 1,4 millóns”.

Novos investimentos

Noutra orde de asuntos, o alcalde referiuse tamén, durante a súa intervención, aos asuntos trasladados nesta xornada á Xunta de goberno local, entre eles, o novo paquete de investimentos que o goberno local levará a Pleno a vindeira semana para desenvolver unha serie de proxectos por valor de máis de nove millóns de euros durante o ano que vén en asuntos, “moi necesarios para a cidade, e que ademais, suporán un aforro para as arcas municipais a medio e longo prazo, por tratarse de cuestións de eficiencia enerxética e de xestión, que melloran os servizos que recibe a cidadanía, en distintos ámbitos”, e que se costearán cos remanentes do ano 2016. “Do que se trata é de que poidamos utilizar ese diñeiro que non houbo oportunidade de gastar o ano pasado no que debe ser gastado, que son servizos e investimentos o ano pasado”, considerou. En concreto, as accións que se executarán o vindeiro ano teñen que ver coa mellora da eficiencia enerxética e alumeado , por 3,6 millóns euros, en zonas como o Parque Europa, o barrio do Castrillón, Monte Alto, a rolda de Outeiro, un tramo da rolda de Nelle, o polígono de Agrela, a zona dos Rosais e Labañou e en Matogrande. O plan inclúe igualmente proxectos en infraestruturas por valor 2.118.297 euros, como a reurbanización da Rúa Casares Quiroga (526.353,07 euros), a renovación e rehabilitación de firmes na rolda de Outeiro, no tramo entre a avenida de Arteixo e a do Ferrocarril (240.892,49 euros) ou a renovación do firme da práctica totalidade de rúas do polígono dos Rosais, un proxecto orzamentado en 1.151.965,34 euros. Como explicou o primeiro edil, o goberno contempla tamén proxectos da área de Medio Ambiente, como o destinado á incorporación de novos equipos dentro das instalacións da planta de Nostián para incrementar a eficiencia da separación dos elementos valorizables dos residuos, por 2,1 millóns de euros, pero tamén a substitución de dúas bombas da estación de bombeo de San Roque (266.771,56 euros), ou a creación dunha rede de bocas de rego (395.945 euros), ademais de accións noutros ámbitos, como os investimentos previstos para a adquisición de software para servizos municipais, e en concreto para o Servizo de Atención a Domicilio, e outras actuacións de mobilidade, da área de mercados, ou reparacións menores na Torre de Hércules.

Subvencións ao deporte

De igual xeito, a Xunta de goberno local deu este venres luz verde á convocatoria pública de subvencións de deporte deste 2017, destinada a entidades sen ánimo de lucro, e dotada nesta edición con 320.000 euros, o que supón, segundo fixo notar o alcalde, un incremento sensible respecto ao ano pasado, no que contaba con 120.000 euros”. Entre as novidades, Ferreiro subliñou o aumento da porcentaxe de actividade que pode ser financiada con fondos municipais, que ascende ata un máximo do 95% –ata agora, do 85%–, “o que permite ás entidades ter máis capacidade para organizar actividades”. Ademais, nesta edición elimínase o teito máximo de subvención, que estaba establecida nun máximo de 4.000 euros, e se contempla reducir os trámites e os prazos para presentar as solicitudes, ata os 15 días naturais. Deste xeito, as subvencións destinadas a participación en competicións ascenden nesta convocatoria ata os 240.000 euros, fronte aos 49.200 do ano 2016, mentres que as relativas a actividade física elévanse dos 25.200 a 28.800 euros; as vinculadas coa discapacidade, medran dos 24.000 a os 28.800 euros, as de deportes autóctonos ou vinculados coa natureza quedan en 3.200 euros e as de organización de eventos, en 19.200 euros.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...