Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local traslada ao Pleno unha moción para reclamar á Xunta fondos na terceira convocatoria de axudas para as estratexias DUSI, para localidades e agrupacións de municipios que aínda non teñan accedido

junio 5, 2017 coruna No Comments

O grupo que sustenta ao Goberno local levará á vindeira sesión plenaria, que se celebra hoxe, unha moción relativa ao financiamento das estratexias de desenvolvemento sostible e integrado (DUSI) e dirixida a instar á Xunta a achegar fondos na terceira convocatoria de axudas para a selección de estratexias, de maneira que as cidades, vilas e agrupacións de localidades galegas que aínda non accederon ou quedaron excluídas teñan unha nova oportunidade de optar a eles. A petición formúlase unha vez que A Coruña xa ten conseguido 15 millóns de euros para o seu proxecto na segunda convocatoria e tras o anuncio, por parte do Goberno central, dunha terceira convocatoria DUSI, que podería incluír transferencias de axudas propostas polas comunidades autónomas que manifesten o seu interese en facelo (como xa fixo a comunidade valenciana). Segundo recolle o documento, “de cumprir co anunciado, e se a Xunta colaborase, as localidades galegas que aínda non resultaron beneficiarias, ou mesmo agrupacións de concellos con vontade de construír proxectos en común, gozarían dunha nova oportunidade” unha circunstancia que, como se pon de relevo, ocorre na área metropolitana da Coruña.

A moción lembra que o pasado 18 de maio, o Ministerio de Facenda notificou a concesión de 15 millóns de euros de fondos europeos á Coruña para desenvolver nos próximos anos a súa estratexia de desenvolvemento, ao resultar beneficiaria dunha axuda do Ministerio de Facenda co-financiada mediante o programa operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020. Como se fai notar, o proxecto do goberno municipal, destinado á construción dunha cidade de proximidade e articulado en tres liñas de traballo –como son a cidade sostible, cidade intelixente e cidade integradora– recibiu case a metade dos 35,6 millóns asignados ás cidades e vilas galegas nesta segunda convocatoria. Non obstante, a cidade de Ourense non ten acadado fondos desta convocatoria (o concello non se presentou e a proposta da Deputación foi dúas veces rexeitada) e na mesma circunstancia se atopan ducias de vilas e localidades galegas, que non concorreron ou ben foron excluídas, como lle ocorreu ao Consorcio das Mariñas ou Abegondo, ou non acadaron a puntuación mínima, caso do Concello de Cambre, Cangas ou Carballo.

Neste sentido, a iniciativa chama ao pleno a acordar instar á Xunta a achegar fondos na terceira convocatoria de axudas para a selección de estratexias de desenvolvemento sostible integrado, e, de igual xeito, a instar ao Goberno do Estado a dotar de fondos para Galicia esta terceira convocatoria, “sexa cal sexa a decisión do Goberno autonómico”. Por último, propón dar traslado dos acordos anteriores aos grupos con representación no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados.

Por outra banda, o grupo trasladará ao pleno, en seguimento do acordo subscrito esta mesma semana polos gobernos municipais da Coruña, Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, outra moción sobre o transporte e a mobilidade metropolitana, para solicitar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha reunión para poder avanzar na coordinación do transporte urbano e metropolitano co obxectivo de formalizar unha autoridade única que xestione o transporte na Área Metropolitana da Coruña, tal e corresponden “nunha relación institucional normalizada”. A iniciativa, que cada un dos gobernos locais levará ao seu respectivo pleno, pide tamén o respaldo dos grupos municipais do plenario para solicitar ao presidente da Xunta que reprobe a actitude da conselleira de Infraestruturas, “por rachar o marco de relación institucional entre dúas administracións con competencias en transporte metropolitano e na cidade da Coruña”, ao non ter recibido aos e á representante municipal dende o 22 de febreiro de 2017, tal e como se lle solicitou por escrito. Os alcaldes e a alcaldesa asinantes deste documento de acordo básico, que agora chega aos plenos en forma de moción, tamén esixen á Xunta “lealdade institucional para cos concellos integrantes de todo o proceso de constitución dunha área metropolitana da

Coruña, así como colaboración co proceso de desenvolvemento no que están integrados”.

Benestar animal

O grupo municipal que sustenta ao Goberno presenta unha terceira moción, dirixida a “impulsar unha verdadeira política de benestar animal e de convivencia cidadá, ao respecto do proxecto de Lei de Benestar Animal de Galicia”. Nela, pídese o acordo do pleno para instar á Xunta a consignar “os recursos orzamentarios necesarios para garantir a correcta aplicación da Lei de Benestar Animal de Galicia, así como o apoio técnico preciso aos concellos para implementar as súas disposicións”. “A Xunta ten a obriga de apoiar as administracións que están a asumir a práctica totalidade da batalla contra o abandono e o maltrato, para a cal non se consignan suficientes recursos nos Orzamentos”, advirte. Tal e como se recolle no texto, a defensa dos animais precisa de investimentos, “porque só cunha muda profunda da conciencia cidadá se poderán afrontar cambios de calado como a aposta polo sacrificio cero –unha máxima que o Goberno coruñés ten como obxectivo desde a súa chegada en 2015–, a publicación de campañas e medidas de sensibilización (nesta cidade se fixeron máis nestes últimos dous anos que en décadas anteriores) ou o soporte aos colectivos e entidades protectoras”. Nese sentido, recorda que as últimas axudas a colectivos en defensa dos animais datan de 2010 (60.000 euros para toda Galicia), polo que chama tamén a esixir á Xunta a convocatoria de liñas de axuda para asociacións protectoras e en defensa dos animais “coa suficiente consignación económica” para apoiar o seu labor. Por último, a iniciativa propón instar á Xunta a convocar unha mesa de diálogo cos municipios “para afrontar aplicabilidade da Lei e desenvolver campañas preventivas contra o abandono e o maltrato cara aos animais”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...