Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local volve pedir “diálogo” á Xunta e lamenta que “teime en facer oídos xordos ás demandas dos concellos da Coruña” ao respecto do Transporte Metropolitano

mayo 19, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, pediu de novo “diálogo, lealdade institucional e talante democrático” á Xunta de Galicia e en especial á conselleira de Territorio, Ethel Vázquez, ao respecto do Plan de Transporte Metropolitano que “o goberno autonómico quere impoñer sen chegar acordos cos concellos”. O edil “lamenta” que desde a Xunta “teimen en facer oídos xordos ás demandas municipais, como o proba o feito de que rexeitase a gran maioría das alegacións que presentamos ao seu Plan”. “A consellería de Territorio presentou no mes de xaneiro por segunda vez un plan de accesibilidade cuxa primeira versión, do mes de agosto do 2016, tivo que retirar polas deficiencias e imprecisións detectadas no documento. Para completar e mellorar esta segunda versión, o Concello da Coruña redactou e acordou varias alegacións coa maior parte dos consistorios da área metropolitana. Non obstante, a Xunta segue a optar pola imposición e a unilateralidade e rexeitou de xeito completo ou parcial 9 das 11 alegacións, entre elas as que tiñan un contido de maior relevancia para a ordenación e análise do transporte na área”, indica o responsable municipal.

“A Xunta péchase ante cuestións centrais que lle expuxemos, como a carencia do estudo básico das conexións de orixe e destino dentro da área metropolitana; a ausencia de información sobre o xeito de facer o seguimento da implementación do plan; a carencia dun cronograma de traballo completo ou a interferencia do Plan co proxecto da Estación Intermodal”, asegura o edil de Mobilidade da Coruña, que engade que “a Xunta só aceptou alegacións sobre dúas cuestións menores, como que os buses regulen os seus tempos nas paradas fóra do centro da cidade, ou que se revise información con deficiencias en canto a número de autobuses escolares que fan uso das paradas propostas dende a Dirección Xeral de Mobilidade”.

Segundo o edil coruñés, “esta situación vén agravada pola falta de comunicación e desprezo institucional que os concellos estamos a recibir por parte da Xunta. Os alcaldes da Coruña, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, e alcaldesa de Bergondo, solicitaron por correo unha xuntanza con Ethel Vázquez o pasado 22 de febreiro para tratar como tema único o futuro do transporte urbano e interurbano, solicitude que aínda non foi respondida cando xa pasaron practicamente tres meses. Dada a ausencia de resposta dende Territorio, os rexedores enviaron o 2 de maio unha solicitude de xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sen obter tampouco resposta a día de hoxe a pesar de que o titular do Goberno autonómico cualificou de ‘clave’ a cuestión do transporte público na área metropolitana durante a súa última xuntanza co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...