Home » coruna » Currently Reading:

O grupo de goberno leva a Pleno unha moción para declarar A Coruña ‘Cidade Libre de Desafiuzamentos’ e instar a Xunta e executivo central a protexer ás familias afectadas por execucións hipotecarias

abril 9, 2018 coruna No Comments

O grupo de goberno local levará á próxima sesión ordinaria do Pleno municipal, que se celebrará este luns, dúas mocións, unha que pretende que A Coruña se declare Cidade Libre de Desafiuzamentos e outra en apoio das reivindicacións das nais e pais do IES Elviña, que solicitan á Xunta de Galicia, como organismo con competencia na materia, que manteña o horario que viña sendo habitual até o pasado febreiro na cafetería do centro educativo.

De forma conxunta cos grupos municipais de PSOE e BNG, o executivo local levará á Cámara plenaria unha moción, realizada a petición do colectivo Stop Desafiuzamentos, que solicita que, no marco das competencias que lle corresponden, o Concello da Coruña non facilite, “salvo orde xudicial expresa”, medios humanos ou materiais para apoiar accións de desafiuzamento. Ademais, o texto propón que a administración local se comprometa a poñer os recursos municipais dos que dispoña “ao servizo da resolución satisfactoria das familias afectadas por estes procesos”. O Concello elaborará, para tal fin, un protocolo de actuacións en caso de desamparo para unidades familiares que garanta a cobertura das súas necesidades básicas e preste especial atención a situación de menores, persoas con diversidades, víctimas de violencias machistas ou familias en risco de exclusión social. Por outro lado, a moción, que manifesta o compromiso do Concello co dereito a unha vivenda e a necesidade de promover actuacións que garantan o seu cumprimento, propón instar ao Parlamento galego e ás Cortes a adoptar “medidas legais dirixidas a loitar contra a desocupación permanente de vivendas”. Do mesmo xeito, a moción insta ao Parlamento galego, a cortes xerais, á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado “a adoptar accións de protección, seguridade e amparo” das familias afectadas por procedementos de execución hipotecaria que afecten as súas vivendas habituais.

Dereito á educación

Por outro lado, os e as concelleiras do executivo local levarán ao Pleno unha segunda moción en apoio ás reivindicacións que sobre o servizo de cafetería do IES de Elviña fan as nais e pais do alumnado. O texto da iniciativa recorda “o dereito á educación recollido na Constitución e a obriga dos poderes públicos de minimizar os obstáculos que impiden ou dificulten a igualdade real e efectiva”. En base a isto, a moción cualifica de “inexplicable” que o pasado febreiro “se anunciase, a través da web do centro, o peche do servizo de comedor, unha decisión levada a cabo sen someterse a un debate do consello escolar”. “A Consellería de Educación di que non pecha ningún comedor porque non existe, pero dende o Concello temos a constancia de que a cafetería do instituto de Elviña daba de comer a unha media de 40 alumnos e alumnas cada día lectivo, unha maioría, ademais, beneficiarias das bolsas comedor municipais”, defende o texto da moción, que expresa o apoio da Corporación a nais e pais e insta á Xunta a recuperar o horario habitual do servizo de cafetería, garantindo por tanto o mantemento do comedor.

Comment on this Article:







*