Home » coruna » Currently Reading:

O grupo de goberno levará a Pleno un modificativo que destina cinco millóns de euros a investimentos financeiramente sostibles “que mellorarán a vida na cidade e crean emprego”

noviembre 21, 2017 coruna No Comments

O Pleno municipal debaterá de novo, en sesión extraordinaria, a proposta do goberno local para destinar fondos procedentes do remanente líquido de tesourería de 2016 a realizar durante o vindeiro ano investimentos financeiramente sostibles na cidade a través de proxectos que incidirán directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza. Se ben a intención inicial do executivo municipal era destinar nove millóns de euros a este concepto, a proposta que se levará mañá á cámara (e que hoxe contou co ditame favorable da comisión de Facenda cos votos a favor do grupo de goberno e PSOE e a abstención de BNG e PP) reduce por esixencia do PSOE até os cinco millóns a partida destinada a investimentos na cidade, mentres que incrementa de medio a 4,5 os millóns adicados ao pago de débeda. Esta maña, ante a prensa, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou que o equipo de goberno chegou a un acordo co grupo socialista de forma que a aprobación desta proposta estea garantida.

“Cremos que o diñeiro debe estar na rúa, abordando estes proxectos que son sostibles, que melloran a vida da cidadanía e que, ademais, xeran traballo”, salientou o rexedor. “Aínda que a nosa vontade dende un principio era poder investir os 9 millóns, entre esa cantidade e a nada, tivemos que aceptar as demandas do PSOE, que querían que a partida que finalmente se destinase a amortización fose de 4,5 millóns”, comentou o alcalde. “Non entendemos moi ben esta postura xa que o Concello da Coruña non só presenta na actualidade unhas contas saneadas, senón que, ao longo deste ano, xa amortizou débeda tanto pola vía ordinaria, como pola extraordinaria, con 5 millóns de euros derivados da cancelación dos créditos ligados ao Plan de Axuste”, apuntou o rexedor, que indicou que, non obstante, a prioridade do goberno local “é poder actuar”.

Todo isto prodúcese logo de que a pasada semana, a cámara municipal tombase a proposta do grupo de goberno para dar luz verde a un modificativo que posibilitase levar a cabo os investimentos financeiramente sostibles. Os votos en contra de PP e PSOE imposibilitaron aprobar a proposta presentada polo grupo de goberno aínda a pesar de que, na busca de chegar a consenso, este rebaixou até os sete millóns a partida destinada a investimentos, aumentando até os 2,5 millóns a cantidade que se destinaría á amortización de débeda.

Reparación de firmes, asfaltado e iluminación

Con respecto aos investimentos que finalmente poderá abordar a cidade cos cinco millóns de euros previstos no modificativo que mañá se debate en Pleno, o alcalde salientou que “a vontade do executivo foi, a pesar do recorte, priorizar todas as accións que teñen que ver coa reparación dos firmes e co asfaltado”. “O resto de actuacións que tiñamos previsto levar a cabo cos IFS non se perden nin se abandonan, senón que haberá que ver como se poden levar a cabo, e como se poden incluír noutras partidas, tendo en conta que o ano que vén tamén contaremos con remanente”, explicou.

A proposta de investimentos financeiramente sustentables levada hoxe á Comisión de Facenda destina 1.151.965 euros á renovación do firme no polígono dos Rosais, así como 240.892 euros á renovación e rehabilitación de calzadas na Rolda de Outeiro, en concreto no denominado tramo II, que vai dende a Avenida de Arteixo á Avenida do Ferrocarril. Tamén se reservarán importantes partidas no que atinxe á mellora da iluminación en distintas partes da cidade: en concreto, 1.532.161 euros serán para actuacións neste ámbito nos Rosais, Rolda de Outeiro, Manuel Murguía e avenida de Labañou, mentres que 186.064 euros de destinarán ao proxecto de mellora da iluminación do Parque Europa, así como 250.000 euros á subministración e instalación de luminarias viarias de alta eficiencia na Grela Bens. Máis de 353.263 euros deste modificativo terán como destino afrontar actuacións de mellora e ampliación da iluminación pública en Matogrande, 35.879 euros para o mesmo concepto no Iglesario da Grela e 298.871 euros serán empregados en instalar sistemas de telexestión e de protección de última xeración en centros de mando de iluminación pública.

Por outro lado, contémplase un investimento de 266.771 euros para a substitución de dúas electrobombas de augas fecais na EBAR de San Roque, mentres que se adicarán 395.945 euros á implantación de novas bocas de rega e á substitución ou reparación de elementos xa existentes. En canto aos mercados, dos 234.194 euros precisos para a culminación do proxecto de acondicionamento para dotar ao mercado de Elviña de obradoiros de traballo, este modificativo reserva unha partida de 134.194 euros. Tamén se mantén un investimento de 209.330 euros para a adquisición de licenzas de software aplicadas ao programa municipal de axuda a domicilio.

O primeiro edil coruñés quixo salientar “a vontade de negociación que sempre mantivo o goberno local”. “Este goberno sempre negocia e sempre ten intención de facelo. Hai dous meses que lle presentamos ao PSOE este plan, entón investindo 9 millóns de euros. Máis alá dalgúns detalles, non advertín nese momento que fose xurdir un problema, como tampouco o pensei despois da celebración da anterior comisión de Facenda, na que non se opuxeron. Non obstante, posteriormente, produciuse un cambio no planteamento do grupo socialista. Eu sigo a pensar que o ideal é adicar todo o posible a investimentos na rúa, non aos bancos, pero esta é a opción que temos neste momento”, reflexionou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...