Home » coruna » Currently Reading:

O grupo de goberno local leva a Pleno mocións para que A Coruña sexa un “territorio libre de caza” e para instar a Fomento a incrementar a operatividade do aeroporto de Alvedro

julio 2, 2018 coruna No Comments

O Pleno municipal debaterá este luns dúas mocións impulsadas polo grupo de goberno para que A Coruña sexa un “territorio libre de caza” e para que o Ministerio de Fomento, a través de AENA, incremente a operatividade do aeroporto de Alvedro, ante os bos datos de crecemento que rexistra.

A primeira iniciativa, que será defendida pola concelleira de Medio Ambiente, María García, insta á Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para suspender a ordenación dos denominados “dereitos cinexéticos” no termo municipal da Coruña, tanto por motivos de interese xeral, como porque o Tecor (Terreo Cinexéticamente Ordenado) San Fernando-Vicente, próximo aos núcleos de Mesoiro e Novo Mesoiro, non conta coa superficie mínima esixida pola lei de caza de Galicia. “Na Coruña, dende hai décadas, contamos cun tecor, o que antes se denominaba coto de caza, que afecta pola súa proximidade a distintos núcleos de poboación. Nunha cidade onde escasean as zonas verdes e as zonas de recreo, a caza é unha actividade excluínte, xa que moitas persoas non se achegan até o monte por medo a sufrir algún accidente”, comenta a titular municipal, que tamén recorda que a caza, en si mesma, “cuestiona os principios do benestar animal”.

A moción tamén explicita que a caza ten unha compoñente contaminante “xa que deixa na nosa cidade milleiros de perdigóns de chumbo, responsables do envelenamento e morte de aves e dos seus predadores”. “Por se todo isto fora pouco, ademais de pola alarma veciñal que xera este espazo a unha parte da veciñanza, o tecor da Coruña non conta coa superficie mínima e contínua de 2.000 hectáreas esixidas pola Lei de Caza de Galicia de 2013, o cal non só aumenta a súa perigosidade, senón que constitúe un argumento máis para cesar coa actividade cinexética”, apunta a moción. “A Xunta, dende logo, non pode mirar cara a outro lado cando ten un espazo que non se adapta a súa propia normativa e que, ademais, non ten en conta o crecemento e a evolución dos barrios da cidade”, resume a titular de Medio Ambiente.

Por outro lado, o grupo de goberno local tamén levará a Pleno outra moción para instar tanto ao Fomento como a AENA, en calidade de xestor aeroportuario, a “aumentar e revisar á alza os horizontes previsibles da súa estimación de crecemento para Alvedro, tanto en pasaxeiros como en operacións” de forma que se revise o seu Plan Director e con el, as previsións de actuación. En concreto, segundo explica o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, “é preciso incluír no Plan Director do aeroporto o compromiso de execución das medidas necesarias para incrementar a operatividade da pista da terminal”. Por outro lado, o edil indica que “o aeroporto debería dotarse dunha conexión directa coa AP-9, así como ampliar e mellorar o servizo do bus lanzadeira, axustándoo ao sistema xeral de mobilidade da área metropolitana”.

“A pesar das melloras para o aeroporto que recolle do Plan Director de AENA, como por exemplo a previsión de ampliar a terminal de pasaxeiros ou a plataforma de aviación en xeral, este documento non recolle ningunha medida que supoña, realmente, un verdadeiro aumento da operatividade da pista, de cara a adaptala ás necesidades de aeronaves con maior capacidade de carga, o cal limita o crecemento da terminal, así como as rutas e destinos superiores ás tres horas de voo as que pode optar”, salienta Lema.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...