Home » coruna » Currently Reading:

O Laboratorio Cidadán da Coruña abordará a situación da veciñanza de idade avanzada a través do proxecto ‘Soidade’

noviembre 3, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Participación e Innovación Democrática, a través do Laboratorio Cidadán da Coruña, impulsará nos meses de novembro e decembro a posta en marcha do proxecto de innovación social Soidade, que, a través de diferentes encontros, abordará a situación das persoas de idade avanzada da cidade que pasan tempo soas, “unha problemática presente en Galicia”, segundo sinala a edil Claudia Delso. “Soidade abrirá diferentes espazos de reflexión colectiva nos que, a través de metodoloxías creativas, exploraranse retos e novas ideas para diminuír estas circunstancias na cidade, así como proxectar no futuro o reto demográfico local que ten especial incidencia en sociedades como a galega”, explica. “O proxecto desenvólvese nun momento no que tanto servizos públicos como as entidades sociais reciben unha forte demanda de necesidades asistenciais do colectivo, e propón abrir un proceso de deseño colaborativo para achegarse aos retos presentes e futuros sobre a temática, así como reflexionar sobre o papel que as cidades terán nesta problemática social ao longo do século XXI”, afirmaaconcelleira.

Os espazos de reflexión colectiva, nomeados Encontros da Soidade , celebraranse en tres semanas consecutivas (os días 7, 14, 15 e 21 de novembro) en distintos centros cívicos da cidade. Estas reunións permitirán, a través de metodoloxías creativas e dinámicas áxiles, “identificar retos e xerar ideas e posibles solucións de futuro”, sinala Delso. A primeira delas terá lugar o 7 de novembro, entre as 17.00 e as 20.00 horas, no centro cívico da Cidade Vella. De seguido, os días 14 e 15, realizaranse encontros reservados a persoas de avanzada idade en diversos equipamentos municipais da cidade e, finalmente, terá lugar un último encontro o día 21, tamén na Cidade Vella, entre as 09.00 e as 14.00 horas.

Unha vez finalicen estas xuntanzas, o centro Ágora acollerá o 12 de decembro a xornada pública Foro de Soidade, na que participarán persoas expertas no eido e se visibilizará unha mostra de experiencias relacionadas cos retos identificados nos Encontros da Soidade . Esta primeira parte terá lugar entre as 10.00 e as 14.horas. Xa pola tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas, realizarase unha posta en común das principais conclusións do proceso de traballo desenvolvido nestes meses. Tal e como destaca a responsable municipal, todos estes encontros ”pretenden favorecer o debate interdisciplinar e queren reunir axentes vinculados profesional ou persoalmente á temática da soidade en maiores, pero tamén calquera persoa que se sinta interpelada a participar no proceso, tanto para analizar os retos como para participar na xeración de propostas dende novas perspectivas”. Para asistir tanto aos Encontros como ao Foro do proxecto Soidade é preciso formalizar a inscrición, previamente, en i.gal/soidade .

Presentación de ‘participAGRA’

Por outra banda, esta tarde terá lugar a presentación pública de participAGRA , proxecto de innovación social que tamén se desenvolverá este ano no marco do Co-Lab. Tal e como salienta a concelleira, que asistirá ao acto de hoxe no Centro Ágora ás 19.00 horas, participAGRA pretende atopar espazos de convivencia no Agra do Orzán “para aproveitar a intensa vida do barrio e dotar de uso aos esquecidos patios interiores das mazás”. “A Agra conta cunha densidade de poboación excesiva (688.87 habitantes/ha), o que pode xerar un impacto negativo sobre un barrio con gran diversidade. Fronte a iso,a iniciativa propón crear novos espazos de convivencia, aínda por delimitar e significar, que sirvan como desacougo dos cidadáns e polo tanto unha mellora da convivencia”, sinala a responsable municipal. Para máis información sobre esta iniciativa así como do resto de propostas que se desenvolverán no marco do Laboratorio Cidadán da Coruña este ano, pódese visitar a páxina web colab.coruna.gal .

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...