Home » coruna » Currently Reading:

O Plan de Acceso a un Hábitat Digno traballa con 23 familias beneficiarias de programas para a consolidación da súa inserción laboral, despois de realoxar a medio cento de persoas da Pasaxe en 15 meses

junio 10, 2018 coruna No Comments

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, fixo balance esta xornada do traballo desenvolvido nos dous últimos anos dentro do Plan de Acceso a un Hábitat Digno, un proxecto transversal impulsado polo seu departamento, así como polas áreas de Xustiza Social, Medio Ambiente e Igualdade, e destinado a dar alternativas habitacionais a persoas residentes en asentamentos precarios da cidade. O responsable municipal salientou “o inxente traballo realizado dende 2016, cando se iniciou a constitución do denominado Equipo Hábitat (consolidado en marzo de 2017), destinado a levar a cabo tarefas de inclusión social, habitacional e laboral para os residentes da Pasaxe, O Portiño e As Rañas”. O edil fixo fincapé “no paso dado na zona da Pasaxe ao longo deste tempo, no que non só se fixo efectivo o derrubo da antiga nave da Toxa, senón que, o máis importante, a través de labores de acompañamento levadas a cabo dende a completa discreción conseguiuse dar unha alternativa habitacional, no espazo de 15 meses, a 47 persoas, 25 adultos e 22 menores pertencentes a 14 unidades convivenciais”. “Un número que esperamos seguir aumentando ao longo deste ano, no que continuarán os realoxos así como as melloras nas condicións socio-laborais de familias reubicadas nos anteriores mandatos”, apuntou, á vez que quixo destacar e agradecer o traballo levado a cabo pola entidade Arquitectura Sen Fronteiras, “asociación con ampla experiencia e recoñecemento no traballo pola inclusión da veciñanza dos asentamentos precarios”, que foi a encargada da redacción no ano 2016 do primeiro plan municipal para o Acceso ao Hábitat Digno, un documento estratéxico que que puxo as bases para a formación do Equipo Hábitat.

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, insistiu, a este respecto, no traballo de acompañamento de todos os realoxos que se produciron e se producen, “algo que diferencia claramente o traballo serio que desenvolve o goberno local co que se levaba a cabo noutras épocas, nas que non se conseguiu un resultado axeitado. Agora as familias, ademais de ter recoñecidos os seus dereitos, asumen tamén compromisos e deberes, como o pago de parte do aluguer e os subministros da vivenda, en función das súas posibilidades económicas”. “Ademais do traballo de realoxo de familias residentes en asentamentos precarios, o Equipo Hábitat tamén realiza labores de seguimento e consolidación de procesos de realoxo anteriores, nas que se busca a inserción social das familias participantes que foron beneficiarias de solucións habitacionais de carácter temporal”, indica a edil. “Con moitas familias o proceso de acompañamento vai máis alá, xa que se procura a súa estabilización. Neste momento estase a traballar neste ámbito con 23 familias, das cales, catro xa conseguiron recursos habitacionais máis estables”, comentou.

Ao respecto da formación para conseguir a integración social, pero tamén laboral desta parte da veciñanza, a titular de Igualdade, Rocío Fraga, recordou iniciativas como o convenio que o seu departamento mantén co colectivo Mulleres Colleiteiras, que busca non só o empoderamento destas veciñas, senón o desenvolvemento dun posto estable relacionado coa economía circular, a reciclaxe e e o aproveitamento do aceite doméstico. Ademais, como responsable de Seguridade Cidadá tamén fixo notar o traballo desenvolvido polos efectivos da Policía Local “debido ao coñecemento histórico dos asentamentos e polo traballo de mediación desenvolvido para facilitar o traballo co Equipo Hábitat”.

Varela, pola súa parte, recordou como ao longo destes dous anos, “e máis alá do traballo da Pasaxe, quizais o máis evidente”, os efectivos do Equipo Hábitat realizaron unha diagnose eficaz de cada asentamento, ademais da situación na que se atopa un grupo de familias antigas habitantes de Penamoa. “Ademais da diagnose de necesidades, tamén se estableceron estratexias globais de traballo particulares para cada asentamento, se levaron a cabo tarefas de aprobación de censos, e se traballou en coordinación con outras áreas do municipais, como Emprego, para tratar de buscar itinerarios de inserción”, comentou o concelleiro de Rexeneración Urbana, quesalientouaencomendadogobernolocalaEmpresaMunicipaldeVivenda(EMVSA), cun financiamento de 400.000 euros, para poñer un funcionamento un banco de vivendas de alugueiro con destino a colectivo con dificultades de acceso á vivenda.

Por outro lado, o traballo desenvolvido ao longo destes dous anos no Plan de Acceso a un Hábitat Digno tamén ten un importante eixo de recuperación ambiental. En concreto, só na zona da Pasaxe, a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe María García, procedeu á retirada de máis de 5.300 toneladas de residuos. Con anterioridade a estas labores de limpeza e rexeneración tamén se actuou nos asentamentos no Portiño e nas Rañas, onde, en distintas intervencións, se levaron a cabo non só tarefas de retirada de residuos, senón tamén actividades de sensibilización e educación ambiental sobre a xestión de residuos, así como tarefas de normalización dos puntos de recollida de residuos e a instalación de novos espazos de contenerización.

Comment on this Article: