Home » coruna » Currently Reading:

O Pleno aproba a modificación da ordenanza de rehabilitación, “que contribuirá á dinamizar e asentar a poboación na Cidade Vella e na Pescaría, así como nos núcleos tradicionais”

junio 12, 2018 coruna No Comments

O Pleno do Concello da Coruña aprobou de forma inicial a modificación da ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles, de cara a incrementar as contías máximas de axudas da administración local á cidadanía para fomentar estas actuacións na Cidade Vella, a Pescaría e os núcleos tradicionais do municipio. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, salientou que, con esta modificación “aumentaranse as contías máximas por subvención para os inmobles e os locais comerciais situados dentro da zona histórica (Cidade Vella e Pescaría), delimitada polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PepriI) e, ademais habilitarase unha axuda complementaria segundo ingresos para a rehabilitación de vivenda en toda a cidade, algo que favorecerá que non se creen zonas excluíntes nin se fomente a xentrificación”. O edil indicou ademais que os cambios na ordenanza de rehabilitación entroncan directamente co traballo que está a facer o goberno local e que derivará no proceso de rehabilitación e revitalización da Cidade Vella. “A modificación á que damos luz verde de forma inicial, que aprobamos a pasada semana en Xunta de Goberno Local, posibilita mellorar a conservación do patrimonio desta área da cidade, á vez que aporta ferramentas para solventar problemas demográficos e asentar poboación”, comentou.

As vivendas situadas na zona Pepri e nos núcleos tradicionais que estean catalogadas poderán obter ata 12.000 euros, fronte aos 5.000 actuais, para realizar obras de conservación dos elementos comúns, mentres que as edificacións unifamiliares pasarán de ter un límite de 15.000 euros tamén nestes supostos. No caso dos inmobles sen catalogación, as contías xerais para vivenda soben a 9.000 euros, mentres que para vivenda unifamiliar se fixan en 12.000 euros. Ademais, a modificación prevé un aumento das porcentaxes máximas dos edificios sen catalogación en todo o ámbito da cidade que pasan do 10% ao 30%.

Como todas as medidas impulsadas polo goberno local, esta modificación busca asentarse tamén nun principio de progresividade, dando máis facilidades a aquelas familias nunha situación máis precaria. Desta forma, a modificación aprobada inclúe a extensión dos criterios de renda como axuda complementaria en todas as categorías de subvención á rehabilitación que existen (mellora enerxética, instalación de ascensor ou adaptación á normativa en caso de non ser a residencia habitual dunha persoa con diversidade funcional). A modificación da ordenanza aumenta o máximo de axuda do 10% ao 30% como norma xeral, ademais dun complemento (que non pode superar o 80% do custo da obra) que se divide en tres tramos segundo os ingresos anuais. Por outro lado, as persoas maiores de 70 anos ou con mobilidade reducida poderán ter axudas do 50%, con 6.000 euros de límite por vivenda (9.000 se falamos de inmobles unifamiliares).

As axudas para os locais comerciais da zona Pepri tamén subirán do 25% ao 50%, cun límite de 12.000 euros. “Esta ordenanza o que busca é axudar á rexeneración urbana da cidade. Aínda que lle damos especial pulo á zona Pepri, o impulso que trae esta modificación é para toda a cidade”, destacou Varela, quen recordou que “no que se refire a axudas á rehabilitación, a Xunta de Galicia desapareceu en 2016, facendo que fosen os concellos os que tivesen que asumir a súa parte”. “Este Concello aposta de forma decidida polo acceso a un hábitat digno, cousa que o PP nunca fixo, tampouco dende o Estado. Dende o 2007, as axudas para a rehabilitación baixaron de 1.000 a 300 millóns en 2017. Esa foi a súa herdanza que esperamos que agora reverta”, subliñou, á vez que contrapuxo as axudas municipais. “Só atendendo a programas municipais, en 2016 sufragamos 314 actuacións en zona Pepri, mentres que ao longo do ano pasado se realizaron 407 solicitudes que agora estamos a tramitar”, contabilizou o titular de Rexeneración Urbana, que tamén incidiu en que o Concello está a actuar en 25 puntos da cidade neste momento.

Por outro lado, e con respecto á tramitación de licenzas, Varela advertiu de que a Xunta obterá a licenza pertinente para comezar as obras do CEIP de Novo Mesoiro tan pronto como pague as taxas correspondentes, unha actuación que poderá acometer grazas á colaboración do Concello da Coruña que, entre outras cuestións, cedeu o solo municipal para a súa construción. “O requirimento do pago de taxas que lle fai o Concello á Xunta e que, por certo, lle volveu solicitar o pasado 2 de maio, vén motivado pola aplicación do novo regulamento da Xunta de Galicia a este respecto”, evidenciou o edil. “En canto paguen as taxas, terán a licenzas, como calquera outro veciño ou veciña da cidade e en cumprimento das súas propias leis”, expuxo.

Noutras orde de asuntos, nesta sesión plenaria, na que tomaron posesión da súa acta como concelleiras Susana Pazo Meijide e Enrique de Salvador Sánchez polo grupo municipal do PP, a Cámara municipal tamén tomou coñecemento da aprobación das liquidacións do pasado ano do orzamento municipal do Concello e os entes municipais dependentes do mesmo. O Concello da Coruña pechou a súa liquidación correspondente ao ano 2017 cun superávit final axustado de 18,3 millóns de euros, fronte aos 27,4 millóns acadados un ano antes. Con esta magnitude, a administración local rematou o pasado exercicio cumprindo cos principios de estabilidade orzamentaria, así como o teito de gasto. O superávit poderá ser destinado a proxectos para a mellora da cidade, a través dos investimentos financeiramente sostibles (IFS), que o Estado permite levar a cabo a aqueles concellos que presentan unhas contas saneadas, ademais da amortización de débeda. Por outro lado, e con respecto á liquidación, a peche do pasado exercicio o Concello rexistraba unha débeda viva de 63,8 millóns de euros, a máis baixa da década, e case 10 millóns por debaixo da contía rexistrada a peche de 2016. Ademais, as contas do pasado exercicio rexistran un aforro neto de 27 millóns de euros, o que pon de manifesto a capacidade que ten a administración local de autofinanciarse a nivel de gasto corrente.

IMCE

Por outro lado, os votos negativos de PSOE e PP evitaron que o goberno local puidese aprobar un expediente de modificación do orzamento do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos) para ingresar 935.000 euros procedente dos remanentes do pasado ano, un trámite administrativo habitual nestas épocas do ano e que estaría destinado a distintos suplementos de crédito para actividades culturais tanto no propio Coliseum, como no Teatro Colón, recinto que pasará a integrarse no IMCE a partir da segunda metade do ano, así como outras actividades relacionadas coa programación cultural ou o aluguer de maquinaria e utillaxe. O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, manifestou que “o PP e o PSOE saben perfectamente, por moito que repitan discursos interesados, que se trata dun acto regular e rutinario que se fai en todos os exercicios económicos”. “Tratan de imputar un excesivo gasto en festas cando, sen ir máis lonxe, en 2014, entre orzamentos e modificativos, o IMCE contaba con máis de sete millóns e medio”, sinalou o edil, quen manifestou ademais que o goberno local está a acometer un proceso de reestruturación no IMCE, de forma que se converta nun verdadeiro ente de xestión cultural.

“Non intenten vender que o IMCE só realiza festas, porque non é así. Este goberno aposta, e así o demostra, por levar a cultural á rúa. Tamén dende o IMCE sufragamos moitas convocatorias e programas para favorecer e democratizar a xestión cultural. Este ano, ademais das axudas para as festas dos barrios, temos máis de 60 proxectos de actuación cultural e artística impulsados por acción da propia cidadanía. Non intenten falar dunha execución que non se leva a cabo porque non é así. A incorporación de remanente é un asunto de responsabilidade que, ademais, é un trámite habitual. O único que están a facer é poñer en perigo elementos culturais, a afluencia de visitantes e a xeración de economía. E votan en contra vostedes, que tanto falan sempre de que lles preocupa a economía”, argumentou.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...