Home » coruna » Currently Reading:

O Pleno aproba unha moción conxunta do grupo de goberno, o PSOE e o BNG que lle esixe á Xunta a paralización do proxecto da planta de residuos industriais de Santa Icía

septiembre 12, 2017 coruna No Comments

No Pleno do Concello da Coruña celebrado foi aprobada unha moción conxunta dos grupos da Marea Atlántica, o PSOE e o BNG para esixirlle á Xunta de Galicia a paralización da planta de residuos industriais proxectada no lugar de Santa Icía, en Arteixo. Foi aprobada cos votos a favor dos tres grupos que impulsaron a proposta, e a abstención do Partido Popular, que presentou unha emenda que non foi adiante. Así, a moción rexeita que se instale unha planta de almacenamento e valorización de residuos industriais e urbanos no lugar de Teixoeira – Santa Icía, en Arteixo, a menos dun quilómetro de Novo Mesoiro, Feáns e a Urbanización Breogán, “por non ter en conta ningún tipo de medida respectuosa co medio ambiente”, ademais de “omitir as repercusións que terá a súa posta en marcha nas condiciónsdevidadaveciñanzadaspoboaciónsmáispróximas”.

A iniciativa conxunta lembra, ademais, que tanto o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 como o Programa de Xestión de Residuos da Construción e Demolición de Galicia 2013-2016 sinalan que é innecesaria unha nova instalación deste tipo, e que o proxecto xa recibiu o rexeitamento por parte de diversas entidades veciñais e ambientais, “o que pon en cuestión tanto a necesidade desta planta como da súa adecuación aos canons ambientais pertinentes”.

Por outro lado, tamén foi rexeitada, cos votos en contra do grupo de goberno, PSOE e BNG unha moción presentada pola agrupación municipal do Partido Popular na que acusaba ao executivo municipal de estar a realizar “prácticas de amiguismo”. A este respecto, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, defendeu “a transparencia, limpeza e exemplaridade dos procesos de contratación e concorrencia competitiva” que leva a cabo o grupo de goberno. “Non somos como vostedes”, dixo, en alusión aos procesos xudiciais relacionados con supostos casos de corrupción do Partido Popular.

Foron aprobadas tamén dúas mocións, presentadas polo BNG e polo grupo de goberno da Marea Atlántica, que reclaman a recuperación do Pazo de Meirás como espazo de titularidade e uso públicos, así como o cumprimento da Lei de Memoria Histórica, polo que debe ser o Concello de Sada e non a Fundación Francisco Franco a que xestione as visitas a este Ben de Interese Cultural (BIC). Ademais, a proposta recolle a adhesión do Concello da Coruña aos acordos adoptados pola corporación sadense o pasado 12 de agosto, así como apoiar, dentro das súas competencias, “todas as iniciativas que se desenvolvan para garantir o cumprimento do acordado”. Ambas as dúas mocións tiveron os votos favorables do grupo de goberno, o BNG e o PSOE, e a abstención do PP.

“Tanto a Xunta de Galicia como o goberno do Estado deben dar o apoio institucional necesario a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a titularidade e o uso públicos”, advirte a moción, que recorda que “a razón democrática esixe que as vítimas obteñan memoria, xustiza, respecto, recoñecemento e reparación, e esta non terá lugar mentres non se poña fin ao espolio que significou a adquisición do pazo por medio da ameaza, propiedade que seguen a detentar os descendentes directos do ditador”. Pola súa banda, o texto presentado polo Bloque Nacionalista Galego afonda tamén nestes argumentos, e engade a declaración simbólica de persoas non gratas da familia Franco no Concello da Coruña, nunha decisión análoga á que xa foi adoptada pola corporación municipal de Sada.

O Pleno municipal aprobou tamén por unanimidade unha moción do grupo socialista relativa a “fomentar o cumprimento da regulamentación municipal sobre a convivencia das mascotas en vía pública”. Nesta sesión ordinaria tamén saíron adiante dúas propostas do PP, apoiadas polo PSOE, en relación á creación dunha comisión técnica sobre a reforma e acondicionamento das pistas de atletismo do Campus de Elviña, así como á “convocatoria urxente” da comisión especial para a remunicipalización da rede de bibliotecas.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...