Home » coruna » Currently Reading:

O Pleno insta a Xunta e Estado a revisar os convenios urbanísticos de 2004 e a retomar e negociar a proposta de cooperación feita polo Concello en relación ao futuro do bordo litoral

mayo 8, 2018 coruna No Comments

​O Pleno municipal aprobou este luns unha moción presentada polo grupo que sustenta o goberno local e que insta á Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento, a Autoridade Portuaria da Coruña e Puertos del Estado a deixar sen efecto o protocolo asinado o pasado 18 de abril e retomar “a proposta de diálogo e cooperación realizada polo Concello da Coruña para a constitución dun consorcio público” co que definir, da man da cidade, o futuro e os usos dos terreos portuarios que se irán desafectando nos próximos anos. A moción, aprobada coa única oposición do PP, solicita tamén ás administracións e organismos apelados que participen nunha reunión antes de finalizar o mes de maio na que se retome a negociación e se proceda tamén á “imprescindible revisión” dos convenios aprobados en 2004.

“Estamos ante un acordo, o asinado no pasado mes de abril de costas á cidade, que non suma senón que exclúe. Deixa fóra á Coruña e ás e aos seus representantes lexítimos”, salienta o texto da moción aprobada, que reclama “que se deixe sen efecto esa sinatura a porta pechada e se inicie unha etapa de diálogo e cooperación que, sobre a revisión dos convenios de 2004, impulse unha nova ordenación para estes terreos”. Así, o texto pide acordar unha ordenación baseada “en equipamentos dotacionais e espazos libres, públicos, así como en usos produtivos portuarios, asegurando a titularidade e a xestión públicas do conxunto do borde litoral portuario”. O primeiro paso sería, por tanto, a convocatoria da Comisión de Seguimento que modifique os convenios asinados hai 14 anos e se axuste tamén o Convenio de Normalización Financeira da Autoridade Portuaria. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, reprobou “a deslealdade institucional e a falla de respecto á veciñanza que amosaron o presidente da Xunta e o ministro de Fomento, así como os presidentes da Autoridade Portuaria e Puertos del Estado, por excluír e marxinar á cidade, ás súas institucións e aos seus representantes públicos dos asuntos que afectan ao futuro da súa fachada marítima”.

En relación ao futuro dos peiraos interiores da cidade, o Pleno tamén aprobou unha moción do grupo socialista que, na mesma liña, solicita a convocatoria da comisión de seguimento do cumprimento dos convenios de 2004 sobre a reordenación urbanística dos peiraos da Coruña. Non saiu adiante, por contra, unha moción do PP que instaba ao goberno municipal a adherirse ao convenio asinado hai dúas semanas entre APAC, Puertos del Estado, Fomento e Xunta.

Por outro lado tamén foi aprobada, por unanimidade, unha moción conxunta de BNG, Partido Socialista e grupo de goberno que solicita tanto ao goberno estatal como a Xunta de Galicia que activen un calendario de actuacións para “o inmediato inicio das obras do Plan de Rexeneración da Ría do Burgo” que teña en conta a recuperación dos bancos de marisqueo, así como o dragado e o tratamento de limpeza. Este calendario, do mesmo xeito, debe ir acompañado, tal e como se solicita, da dotación das partidas económicas correspondentes nos orzamentos xerais do Estado. A moción tamén insta a consignar as partidas necesarias para o restablecemento dos convenios coas agrupacións de mariscadoras co obxectivo de acometer labores de rexeneración mentres non poidan desenvolverse con normalidade as actividades de marisqueo.

Contra as Violencias Machistas

Por outro lado, tamén saíu adiante por unanimidade a segunda moción do grupo de goberno, na que se insta ao Executivo central a dar cumprimento aos compromisos acadados dentro do Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero. Esta iniciativa parte dos acordos acadados polos concellos que a principios de mes participaron en Madrid no Foro de Municipios polo Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero, que reclamaban a necesidade de que “as administracións locais reciban a axuda e as ferramentas necesarias para poder dar respostas á cidadanía”.

O Pacto de Estado, que establece vías directas de financiamento coas administracións locais, prevé que os presupostos xerais destinen por esta vía un incremento anual de 20 millóns de euros aos concellos durante os próximos cinco exercicios, algo que non se recolle no proxecto orzamentario para este ano. “Esta é unha das medidas que reclamamos na moción, así como a modificación da lei de racionalización e sustentabilidade na administración local, de forma que a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención das violencias machistas sexa unha competencia municipal que non poida estar suxeita a recortes nin contencións”, explicou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga.

Ao fío, tamén recibiu o apoio de toda a Cámara unha moción do grupo socialista que, nunha liña similar, solicitaba ao Estado o cumprimento do orzamento comprometido para desenvolver as medidas que contempla o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Ofimático

Entre as mocións presentadas polo grupo municipal do PP foi aprobada, cunha emenda de substitución do PSOE, unha iniciativa que solicita a axilización dos trámites pendentes para outorgar canto antes as licenzas de primeira ocupación no Ofimático. A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, recordou as actuacións levadas a cabo polo goberno local para facilitar a concesión das primeiras licenzas de primeira ocupación. Ao fío, o concelleiro recordou que, nestes momentos, as obras de urbanización imprescindibles necesarias para facilitar estas licenzas están executadas ao 95% á espera de que Unión Fenosa Distribución (cuxos convenios xa están asinados) realice as actuacións pendentes para facilitar a subministración eléctrica. “Nunca, dende a súa xestación no ano 1991, o Ofimático estivo tan perto de ser un barrio máis da cidade, unha zona habitable”, salientou.

“Neste tempo tivemos que facer fronte a situacións que ían poñendo numerosos atrancos no camiño, tendo en conta que os grandes promotores solicitaron a paralización das obras e ameazaron con impugnar as licenzas de primeira ocupación. Nós, sabendo perfectamente de que parte estamos, tratamos de atender a todas as partes e buscar o equilibrio nun proceso que ten moitas partes afectadas, tanto os e ás propietarias da marxe dereita, do núcleo de Elviña, que tiveron que sufrir no pasado os desaloxos, como os pequenos propietarios, os promotores forzosos, para quen buscamos unha vía para permutar cotas de urbanización por edificabilidade, liberándoos dunha carga descomunal”, subliñou. “Este venres veremos con quen está a señora conselleira no tema do Ofimático, nós sabemos onde estamos”, reiterou.

En canto á solicitude da Xunta de Galicia para construír un edificio de vivendas do Instituto Galego de Saúde, Varela advertiu que “o goberno galego ten que cumprir a lei como calquera”. “O ano pasado e sabendo que, en virtude do protocolo asinado cos promotores e coa propia Xunta, non se concederían licenzas até que as obras da separata non estean acabadas, a Xunta presentou un proxecto ao que o Concello lle fixo unha serie de requirimentos necesarios. Neste momento, a tramitación está pendente da autorización da servidume aeronática de AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea), que non depende, como ben saben, do Concello”, comentou o edil.

O grupo municipal do PP presentou tamén unha moción na que solicita a convocatoria da xunta local de seguridade para analizar “a última oleada de roubos e adoptar medidas coordinadas”. A iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno e o BNG e a abstención do PSOE. A este respecto, a concelleira con competencias en Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, quixo destacar o traballo que desenvolve a Policía Local da Coruña, se ben recordou que o traballo de seguridade propio neste tipo de asuntos é competencia da Policía Nacional. “Apoiamos e recoñecemos o traballo dos e das profesionais deste corpo, aínda que, coma noutras ocasións xa temos feito, reivindicamos que é necesario que o goberno do Estado facilite os medios materiais e humanos necesarios para o correcto cumprimento do seu traballo, en vez de recortalos cada vez máis, polo menos na nosa cidade”, dixo. Fraga, que recordou que a comisión de Seguridade Cidadá se convocará en breve “xa que é o seu tempo”, pediu “non crear pantasmas, nin alarmismos que non existen”. “A Policía Local ten reforzos durante as noites, durante as vésperas de festivos e en todos os eventos destacados. Estamos axudando ademais á Policía Nacional, aínda que sabemos que é preciso que o goberno estatal cumpra os seus compromisos con este corpo”, dixo.

Por outra banda, foi aprobada unha moción do BNG, cunha emenda do PSOE, que insta ao goberno galego a desestimar a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación da concesión mineira de San Rafael (a mina de Touro), así como a realizar unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente da citada explotación. A moción insta tamén a unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro. Entre as mocións do grupo nacionalista, tamén foi aprobada por unanimidade outra en apoio ás reivindicacións das e dos traballadores do Instituto Oceanográfico da Coruña. O texto da iniciativa tamén solicita á Xunta de Galicia a que demande ao Estado español o traspaso de competencias para que a xestión administrativa e económica quede en mans da administración autonómica.

Comment on this Article:







*