Home » coruna » Currently Reading:

O Pleno municipal dá luz verde de forma definitiva ao modificativo que posibilita a inclusión no Orzamento de 3,6 millóns de euros procedentes dos dividendos de Emalcsa

septiembre 12, 2017 coruna No Comments

O Pleno ordinario aprobou de forma definitiva un modificativo de crédito polo que se lle dá destino definitivo aos 3,6 millóns de euros procedentes dos dividendos de Emalcsa, a empresa municipal de augas, do ano 2016. Este cambio de destino foi aprobado de forma inicial en sesión plenaria o pasado xullo, froito dunha negociación entre o goberno local e o PSOE e en cumprimento dos compromisos acadados co grupo municipal do BNG no período de conversas anteriores á aprobación dos orzamentos municipais. Esta tarde foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno e o PSOE, a abstención do Bloque e o único voto en contra do PP. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, destacou que “a aprobación definitiva deste modificativo, por desgraza, se viu atrasada no tempo debido a que o PP decidiu presentar alegacións, unha vez máis. Neste caso, unha copia exacta das emendas que xa presentara á aprobación inicial deste modificativo e que xa lle fora rexeitada polo Pleno. Insistir así só pode explicarse se pola súa banda existe un interese deliberado de obstaculizar non só a accióndogoberno,senónaaprobacióndunmodificativofroitodanegociacióneoacordo”.

A modificación dos créditos orzamentarios que se deriva deste incremento no volume de ingresos afecta, entre outros, aos capítulos 6 e 4 do Orzamento, variando o anexo de investimentos e o de subvencións nominativas. Dentro dos 27 suplementos de crédito que se aplicarán en base a este incremento de créditos salienta a partida destinada por valor de 1 millón de euros que terá como destino o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) e a Concellería de Culturas de cara a asegurar ter cuberto por completo o gasto que se prevé acometer até final de ano no que atinxe tanto a festexos como ao conxunto das actividades culturais e de promoción da actividade cultural e artística local. Ao fío, tamén destacan os 115.000 euros incluídos nos suplementos que servirán para abordar o financiamento de actividades culturais destinadas ao público infantil durante a etapa non lectiva e para realizar accións tanto nas casas-museo da cidade, como no Castelo de Santo Antón. O servizo de bibliotecas da cidade tamén verá incrementada a súa dotación en máis de 26.000 euros por medio deste modificativo para levar a cabo distintas actuacións.

Por outro lado, 254.000 euros incrementarán a aplicación destinada a “transferencias correntes a familias e institucións sen ánimo de lucro”, e o montante reservado para o Plan de Dinamización do Comercio Local tamén contará cunha adición de case 250.000 euros, mentres que outros tantos servirán para acometer a reforma do centro asociativo García Sabell. A partida destinada ás obras de reposición en centros educativos públicos, pola súa banda e coa aprobación deste modificativo, medrará en máis de 345.000 euros, cos que se poderá facer fronte a demandas históricas das institucións públicas con colexios da cidade, como é o caso do peche do patio do CEIP Anxo da Garda así como actuacións de reparación no CEIP Labaca.

Convenios con cargo ao Plan de Axuste

A edil recordou que a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado venres un modificativo, que será sometido a aprobación inicial nun Pleno extraordinario este mesmo mes, por valor de 739.800 euros e que reforzar a dotación das entidades asociativas da cidade, principalmente aquelas que desenvolven as súas actividades nos ámbitos socio-sanitario e deportivo. Esta cantidade, sumada aos 254.000 aprobados de forma inicial no Pleno celebrado o pasado 28 de xullo, elevarán os recursos totais do Concello destinados ao financiamento deste tipo de asociacións en 5,2 millóns de euros, por encima do destinado o anterior exercicio (á marxe, ademais, dos créditos outorgados mediante procesos de concorrencia competitiva). Ademais, Vieito incidiu en que este modificativo se financiará, ademais, grazas aos aforros conseguidos coa cancelación do Plan de Axuste subscrito en 2012 polo anterior executivo.

“Unha mentira, por máis que se repita, non torna en verdade. Nós non recortamos os convenios ás entidades. No orzamento en vigor recóllense os mesmos convenios que en 2015, último ano do seu goberno”, dixo Vieito, que insistiu en que “atender as necesidades das entidades tampouco significa que renunciemos ao principio de concorrencia competitiva, que entendemos que debemos seguir implantando progresivamente. Para iso, estamos a mellorar os procedementos de xustificación ao tempo que axilizamos os trámites de concesión das subvencións para facilitar o cumprimento por parte das entidades”, indicou.

IMCE

Por outro lado, o Pleno municipal tamén deu luz verde (co voto a favor do grupo de Goberno e abstención do resto de formacións) á aprobación inicial do expediente de modificación do orzamento do IMCE de 2017 para a concesión dun crédito extraordinario por valor de 38.765 euros con cargo ao remanente líquido de tesourería para facer facer fronte a recoñecementos extraxudiciais de obrigas, na súa maioría facturas relacionadas con actividades culturais en barrios durante o ano 2016.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...