Home » coruna » Currently Reading:

O programa ‘Ao meu xeito!’ posibilitou en 38 centros de ensino da cidade 105 actividades “participadas pola comunidade e adaptadas ás necesidades reais do alumnado”

enero 30, 2018 coruna No Comments

O programa Ao meu xeito!, promovido pola Concellería de Xustiza Social e Coidados, permitiu na súa primeira edición a posta en marcha de 105 accións educativas nun total de 38 centros de ensino da cidade. Como explica a concelleira desta área municipal, Silvia Cameán, as máis dun centenar de actividades programadas partiron das propostas da propia comunidade educativa, tanto das direccións dos centros como das asociacións de nais e pais, “seguindo o espíritu do programa de favorecer o autogoberno dos centros”. Así, organizáronse concertos, obras de teatro, contacontos, obradoiros, charlas e conferencias e actividades extraescolares e deportivas por valor de 65.688 euros achegados pola concellería nesta primeira edición do programa. “O obxectivo agora é continuar a estender a iniciativa entre os centros da cidade, para que poidan articular espazos de autonomía e adaptar os proxectos educativos, participados pola comunidade, ás necesidades reais do alumnado”, indicou Cameán.

Como pon de relevo a responsable municipal, as comunidades dos centros educativos que participaron desta primeira edición escolleron actividades moi variadas que van dende festas clásicas como o magosto e outras accións máis habituais nos centros como contacontos, elaboración de xogos artesanais, animación á lectura ou concertos até obradoiros sobre plantas medicinais, construción bioclimática, sesións de formación no uso de impresoras 3D, en robótica, charlas sobre cultura urbana ou talleres de rap, grafittis ou poesía. Outras actividades están máis orientadas a promover unha alimentación saudable ou formar aos rapaces e rapazas sobre a educación asistida con animais como medio de inclusión para o alumnado con e sen necesidades educativas especiais e/ou diversidade funcional.

O programa municipal Ao meu xeito! está dirixido a favorecer participación e o autogoberno dos centros educativos, para que todos e todas as axentes do ámbito escolar –nais, pais, estudantes, docentes e equipos directivos– poidan deseñar accións educativas e poñelas en práctica contando co apoio económico e de asesoramento do Concello. “No modelo de cidade que promovemos, o da Coruña Próxima, os centros docentes son auténticas escolas de democracia onde a reflexión, a deliberación e os acordos consensuados deben de ser unha estratexia habitual na construción da Educación”, incidiu a concelleira. O programa, para o que estiveron dispoñibles ata 100.000 euros neste curso, vai destinado a escolas infantís municipais (EIM), colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP), centros de Educación Especial (CEE), centros integrados de Formación Profesional (CIFP), institutos de Ensino Secundario (IES), conservatorios de danza (CDAN), conservatorios de música (CMUS), escolas de arte (EASD), centros públicos de Educación e Promoción de Adultos (EPAPU) e escolas de música (ESMU). As accións que se poden propoñer poden estar enfocadas a implicar á comunidade educativa na mellora do centro ata a realización de actividades educativas complementarias ou extraescolares.

Comment on this Article:







*

A %d blogueros les gusta esto: