Home » coruna » Currently Reading:

O programa da Escola de Empoderamento Feminista consolídase tras esgotar todas as prazas ofertadas da segunda edición

octubre 31, 2018 coruna No Comments

A Escola de Empoderamento Feminista do Concello da Coruña consolídase na súa segunda edición, que comezou o pasado día 15, ao esgotar todas as prazas ofertadas para este trimestre. O programa, impulsado pola Concellería de Igualdade e Diversidade, naceu na primavera deste ano como unha proposta que sitúa o feminismo como eixe de transformación social, de cara a incrementar a participación activa das mulleres en todos os eidos sociais así como proporcionar coñecemento e sensibilización ao redor da igualdade entre as persoas participantes. Así, participando activamente en distintos obradoiros, a veciñanza pode ser parte, dende o empoderamento individual e colectivo, da acción pola igualdade, o fomento da corresponsabilidade e a creación de redes de apoio.

A Escola, cuxa inscrición é gratuíta, ofrece este trimestre oito propostas formativas diversas, vinculadas ao empoderamento a través das artes, os coidados ás persoas coidadoras, xénero e discapacidade, ou autodefensa fronte as violencias machistas, entre outras cuestións. Nesta segunda edición, cubríronse as 140 prazas ofertadas, tras recibir case 200 solicitudes de inscrición, “o que afonda na consolidación dun programa dotado dunha especial carga transformadora e que pretende expandir a conciencia feminista entre a cidadanía da Coruña”, segundo apunta a edil de Igualdade, Rocío Fraga. A este respecto, a responsable municipal lembra que nesta ocasión a Concellería fomentou a descentralización da iniciativa, ademais de ofrecer un servizo de canguraxe ou de interpretación de lingua de signos, “o que favoreceu sen dúbida o aumento de participación”. “É un sinal de que, cando o Concello pon ferramentas á disposición da veciñanza, esta fai uso das mesmas, o que repercute, finalmente, nunha cidade máis accesible, plural e igualitaria”, apunta.

Precisamente a concelleira asistiu, xunto ao alcalde, Xulio Ferreiro, a un dos talleres que se están a desenvolver esta semana e que forman parte da programación da EEF. En concreto, visitaron na Cidade Vella o obradoiro ​Masculinades e paternidades corresponsables,​ unha proposta que conta con 17 participantes e que nace como unha aposta polo traballo directo con homes no ámbito da igualdade, co obxectivo de repensar as masculinidades dominantes, fomentando un trato en positivo, e desterrando as violencias machistas.

Pola mañá, a titular da área de Igualdade achegouse até o centro cívico Novoboandanza, no que se desenvolveu o obradoiro ​Coidar coidándonos,​ dirixido a mulleres maiores de 16 anos que traballan como coidadoras de persoas dependentes.

Comment on this Article: