Home » coruna » Currently Reading:

O programa de actividades ‘A nosa estrela’ achegará o coñecemento do Sol aos barrios da cidade durante as Festas de María Pita, “dun modo didáctico, lúdico e seguro”

Agosto 11, 2017 coruna No Comments

A partir do 14 de agosto, e até o 9 de setembro, o coñecemento do Sol espallarase entre a veciñanza de distintos barrios da cidade a través do programa de actividades divulgativas A nosa estrela, unha iniciativa organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e que forma parte do plan municipal de apoio a asociacións e entidades culturais da cidade Cultura de barrio, promovido neste 2017 pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento para apoiar proxectos socioculturais de asociacións e colectivos da cidade e contribuír a deseñar a programación cultural nos distintos barrios e espazos da cidade. O edil José Manuel Sande valorou positivamente esta mañá “a celebración dunha iniciativa que expandirá o coñecemento científico entre a cidadanía dun modo didáctico, lúdico e seguro”. “A Coruña é unha cidade de cultura e vangarda, que conta con espazos de excelencia como os seus Museos Científicos, pero tamén con entidades culturais e de divulgación científica que realizan un fondo labor non só por transmitir o coñecemento, senón tamén a súa paixón pola ciencia e a astronomía, como é o caso de Ío”, sentenciou o responsable municipal, quen defendeu o vínculo “entre o coñecemento e o lecer”, xa que parte do programa desenvolverase durante a celebración das festas dos barrios.

A serie de actividades de carácter sociocultural e científico A nosa estrela está dirixida a dar a coñecer, a públicos de todas as idades, aquelas cuestións máis próximas e relevantes e en relación á estrela do noso sistema solar. O programa, que se inaugurará cunha conferencia na Casa das Ciencias, desenvolverase ao longo de distintas xornadas nas que membros da agrupación visitarán diferentes espazos da cidade para guiar as e aos participantes na observación astronómica solar segura mediante un telescopio solar. Estas observacións estarán acompañadas, ademais, dunha exposición itinerante que complementará a acción divulgativa. Coincidindo coa programación de actividades, o día 21 de agosto terá lugar unha eclipse parcial de sol do 12%. Para gozar deste espectáculo con seguridade, A nosa Estrela proporcionará preto da Torre de Hércules distintos recursos para observar a eclipse. Finalmente, o proxecto clausurarase o 9 de setembro cun encontro de asociacións galegas de Astronomía, na que se celebrará unha “plantada” de telescopios solares.

A nosa estrela arrancará o 14 de agosto, coa conferencia Os mundos doutras estrelas , da investigadora especializada en exoplanetas Zaira Modroño. A partir das 19.15 horas, na Casa das Ciencias, Modroño explicará como é Próxima Centauri B, o exoplaneta máis próximo á Terra. A continuación, A nosa Estrela desprazarase por distintos barrios da Coruña. Así, o día 15 de agosto, de 17.00 a 19.00 horas, o toldo da Agrupación Ío instalarase no parque Europa completando o programa de actividades das festas de Oza-Gaiteira-Os Castros. O día 18, de 11.00 a 13.00 horas, estará na praza Pablo Iglesias do Castrillón; o 22 de 17.00 a 19.00 horas no parque de Eirís e o día 26 de 18.00 a 20.00 horas en Novo Mesoiro.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...