Home » coruna » Currently Reading:

O Programa de Lecer do Fórum Metropolitano e do Ágora ofrecerá 3.555 prazas para 113 obradoiros

enero 6, 2018 coruna No Comments

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abrirá a semana que vén o prazo de preinscrición para participar no Programa de Lecer de Primavera do Centro Ágora e do Fórum Metropolitano, que terá lugar entre os meses de xaneiro e maio do presente exercicio. A partires do vindeiro día 29, comezarán 113 obradoiros de temática variada, dirixidos a distintas franxas de idade, e que abranguen aspectos como cine, cociña, artes plásticas, historia, música, literatura, ilustración, astronomía, arquitectura, teatro ou fotografía, entre outros, co obxectivo de impulsar a formación entre a veciñanza con accións que empreguen a cidade e os recursos que esta ofrece, á vez que se promove a convivencia e a sociabilidade das persoas participantes.

En total, ofreceranse 3.555 prazas para cursos nos que a veciñanza se poderá achegar á historia oculta da Coruña ou a súa relación co mar, á música tradicional, á escritura creativa e literatura actual. Outras propostas que se impartirán serán as relacionadas coa interpretación, o papel da muller na gran pantalla ou os grandes clásicos do cinema. Tamén haberá espazo para actividades de creatividade manual, de mindfulness ou específicas tanto para nenas e nenos menores de 12 anos, como para persoas maiores de 70 anos. Ademais, no caso do Ágora, o centro acollerá 10 iniciativas diferentes vinculadas á cociña, así como obradoiros de actividade física e danza.

O prazo de preinscrición na programación sociocultural comezará a vindeira semana, e terán prioridade todas aquelas persoas que asistiron, como mínimo, ao 50% das sesións do Programa de Lecer de Outono. Así, a inscrición de continuidade poderase realizar do día 8 ao 10 de xaneiro nas conserxarías tanto do Fórum coma do Ágora, no horario de atención ao público, de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Para formalizarla, será necesario aboar, en efectivo, o importe do obradoiro correspondente, 30 euros, agás no caso das persoas maiores de 65 anos, cuxa cota é de 21 euros.

Os días 11 e 12 de xaneiro terá lugar o período de novas preinscricións no Programa de Lecer. Poderase realizar na conserxaría dos centros, no horario de atención ao público, ou ben por vía telemática –entre as 09.00 horas do día 11 e as 20.00 horas do día 12–, a través da páxina web municipal www.coruna.es/cultura . A Concellería lembra que cómpre escoller, unicamente, unha das dúas opcións –xa que, en caso de atopar preinscricións duplicadas, estas anularanse–, e que todas as solicitudes telemáticas enviadas fóra do horario sinalado non serán tramitadas.

Á hora de realizar a preinscrición de forma presencial, adxudicarase directamente un número para o sorteo. No caso da inscrición telemática, este adxudicarase ao remate de cada unha das franxas horarias presenciais. Neste caso, o número non se enviará por correo electrónico, senón que se publicará o día 15 de xaneiro, ás 09.00 horas, xunto á lista de preinscricións telemáticas — co seu número de sorteo ordenado por DNI–. A este respecto, a Concellería convida á veciñanza a realizar unha copia dixital da inscrición no momento da realización da preinscrición telemática para que, no caso de que se produza algún erro durante o proceso, se poida emendar.

As persoas interesadas en participar no Programa de Lecer poderán solicitar a preinscrición até en catro obradoiros, e deberán ter en conta que, á hora da adxudicación, respectarase a orde de preferencia fixada pola persoa solicitante, e que esta non se poderá modificar despois do sorteo, que se realizará o luns 15 de xaneiro, ás 10.00 horas, nas conserxarías do Ágora e do Fórum. A partir do número extraído no mesmo, asignaranse as prazas en cada obradoiro, e outorgaráselle ao maior número de persoas posible, cando menos, un taller. A lista de adxudicacións publicarase o mércores 17 de xaneiro, a partir das 09.00 horas, tanton os centros, como na web municipal e no servizo telefónico 010.

Formalización da inscrición

A inscrición poderase formalizar os días 17 e 18 nas conserxarías dos dous equipamentos municipais no horario de atención ao público, e será necesario pagar en efectivo o importe do obradoiro correspondente. A Concellería lembra que as prazas adxudicadas só poderán ser ocupadas polas persoas agraciadas no sorteo.

No caso das persoas que se atopen na lista de agarda, estas terán preferencia á hora de obter as prazas que non se formalizaran, que serán adxudicadas pola orde do sorteo. Ademais, terán preferencia aquelas persoas que non obtiveran, previamente, ningunha praza. A Concellería contactará o día 22 de xaneiro coas solicitantes que, no caso de estar interesadas, deberán formalizar a inscrición o día 23. Realizarase unha segunda rolda de contactos a partires do día 24 e, no momento que remate o proceso, as prazas vacantes ofreceranse ao público en xeral, que se deberán inscribir nas conserxarías dos centros durante o horario de atención ao público.

Comment on this Article:







*