Home » Conciertos » Currently Reading:

O Teatro Colón acolle esta fin de semana dous concertos de María do Ceo

mayo 10, 2018 Conciertos No Comments

A área de Cultura da Deputación da Coruña programa para esta fin de semana no Teatro Colón dous concertos da artista luso-galaica, María do Ceo, un coa súa tradicional vertente fadista e outro cunha compoñente didáctica, dirixido aos máis cativos. O sábado repasa a súa traxectoria de 20 anos a través dunha viaxe con “De Portugal a Galicia Fado” e o domingo ofrece un concerto didáctico en “Cancións para nenas e nenos”

Este sábado 12 ás 21h, María do Ceo fará un repaso pola súa traxectoria de vinte anos de carreira musical co concerto “De Portugal a Galicia Fado”, unha viaxe musical entre Portugal e Galicia interpretando cancións dun e doutro lado do Miño, que acercará ao público do Teatro Colón á Lisboa do Bairro Alto.

Neste concerto, que toma o nome do seu último disco, María do Ceo recolle a esencia das súas dúas patrias para converter a súa voz nunha ponte entre a tradición lusa e a galega, interpretando fados tradicionais e modernos en portugués, enlazándoos con poemas clásicos da nosa literatura, nos que hai textos de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez ou Álvaro Cunqueiro e temas que son composicións propias da artista.

E o domingo 13 ás 12h, María do Ceo, desta volta acompañada de A Rum Rum Teatro, afástase do seu rexistro habitual para ofrecer aos máis cativos unha nova sesión das matinais do Colón con “Cancións para nenas e nenos”. Pezas didácticas para que os rapaces e rapazas de 3 a 12 anos aprendan escoitando temas que falan de respecto, amizade, liberdade, diversidade ou solidariedade.

A través da apresurada vida de dúas amigas dunha grande cidade, de calquera cidade galega, en “Cancións para nenas e nenos” descubriremos grazas á música de María do Ceo e ás letras das súas cancións o bo que é ás veces pararse a respirar e volver ao rural; á casa da avoa, á aldea. Onde o tempo corre doutra maneira. Escoitar ao Cuco pola mañá, dar de comer á vaca cachena ou a Galiña azul, celebrar o aniversario. En definitiva, un concerto ameno para grandes e pequenos onde aprender desde razas galegas de animais a cantas linguas se falan na Península.

Nada na cidade portuguesa do Porto, María do Ceo trasladouse a Ourense cando contaba dez anos e nesa cidade viviu desde entón. Embaixadora da cultura galega en todo o mundo, cunha intensa actividade nos escenarios de Alemaña, Francia, Suíza, Uruguai, México ou Arxentina, a súa destacada carreira internacional está enraizada no fado como inspiración básica e mostra esa identidade cultural luso-galaica que María do Ceo representa, quizá, mellor que ninguén.
As entradas para estes espectáculos pódense mercar en ataquilla.com ou na billeteira do Teatro Colón. Os horarios de apertura están dispoñibles en www.teatrocolon.es/entradas

Comment on this Article:







*