Home » coruna » Currently Reading:

O traballo das mulleres artistas galegas chega até o Colón co documental “Arte+Muller+Galicia”

abril 10, 2018 coruna No Comments

O Teatro Colón acollerá este mércores, 11 de abril desde ás 20:00 horas, a estrea do documental ARTE+MULLER+GALICIA, unha perspectiva sobre o papel clave das artistas mulleres na Arte Contemporánea galega. O filme, dirixido pola historiadora da Arte e crítica Rosario Sarmiento, foi un dos proxectos culturais galardoados no I Concurso de Ideas ‘Luísa Villalta’ de Iniciativas Culturais pola Igualdade, convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.

A peza documental foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; a deputada de Igualdade, Ánxela Franco; e directora do documental, Rosario Sarmiento.

O documental ARTE+MULLER+GALICIA, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da Arte Contemporánea en Galicia. A través das biografías, as obras e fundamentalmente os testemuños destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais, ARTE+MULLER+GALICIA debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadoras.

Reflexión sobre os factores de desigualdade, tamén na arte

O feito de ser muller marcou para moitas delas o desenvolvemento da súa traxectoria profesional e, sobre todo, a súa presenza e protagonismo nos espazos de poder e decisión. “Recoller as súas opinións, como mulleres e como artistas, supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade: a falta de seguridade en si mesmas e o seu traballo, as dificultades para conciliar a vida persoal e profesional e, especialmente, a eterna necesidade non só de mostrar senón de demostrar as propias capacidades profesionais”, recalcou Rosario Sarmiento.

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura de Deputación, Goretti Sanmartín sinalou que “o documental de Rosario Sarmiento é unha maneira acaída de dar a coñecer os nomes e as obras das mulleres artistas que, tristemente, son case descoñecidas”, e destacou o impulso que o Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña supuxo para o desenvolvemento de proxectos culturais pola Igualdade. Ao seu ver, “a historia invisibilizou o traballo das mulleres en múltiples ámbitos e é hora xa de rescatalo do silencio de volver a escribila con lentes lilas, cunha visión feminista que saque do esquecemento traxectorias brillantes e ignoradas” e, nese sentido, apuntou ao traballo de Rosario Sarmiento á hora de proxectar a obra das artistas a través de exposicións, textos e agora o sorporte audiovisual.

Pola súa parte, a Deputada de Igualdade, Ánxela Franco, fixo fincapé na necesidade dunha acción política pola igualdade con carácter transversal, traballando en todos os ámbitos en que a presenza das mulleres foi ocultada. “Os Premios Luísa Villalta son unha modelo de colaboración necesaria na área, desta volta traballando man a man co departamento de Cultura xa que é imposíbel pensar na igualdade coma un departamento estanco”, explicou. Para Ánxela Franco, os Premios Luísa Villalta permitirán ver a luz traballos e historias descoñecidas, promover as voces das mulleres, as súas obras, a súa historia, cun traballo que, segundo explicou “sitúase en paralelo con outras áreas de actuación como é a que estamos a desenvolver no ámbito do deporte, co fin de promover a súa práctica entre as mulleres, darlle valor ás que teñen o durísimo obxectivo de dedicarse profesionamente a esta actividade ou mesmo recuperando a historia das deportistas pioneiras”.

Figuras clave na Arte Contemporánea galega

O documental ARTE+MULLER+GALICIA divídese en dúas partes, un primeiro percorrido histórico a través da vida e a obra de diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que realizan por primeira vez os seus estudos superiores en Galicia, trala creación da Facultade de Belas Artes en 1990. Un percorrido que reflexiona sobre cuestións como o seu insignificante protagonismo nos movementos de Vangarda anteriores á Guerra Civil, a Posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra do seu país; a chegada da Democracia e a Autonomía; o impulso dinamizador das artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.

Na segunda parte toman a palabra, nos seus obradoiros, oito creadoras que participaron na exposición ‘Mulleres do silencio’: Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal. De diferentes tendencias artísticas e xeracionais, relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia.

Estrea do documental e coloquio sobre arte e muller

A estrea do documental ARTE+MULLER+GALICIA terá lugar este mércores, 11 de abril, ás 20 horas, no Teatro Colón da Coruña. As entradas serán gratuítas e pódense recoller nas propias taquillas do teatro ou ben en www.ataquilla.com.

Á proxección do filme seguirá un coloquio arredor das circunstancias da muller na arte. Un debate aberto ao público no que participarán varias das artistas que protagonizan este documental: Elena Colmeiro, María Xosé Díaz, Soledad Penalta, Fina Mantiñán e Tatiana Medal.

Proxección noutras cidades galegas

Tras a súa estrea na Coruña, ARTE+MULLER+GALICIA proxectarase en distintas cidades galegas. O vindeiro 20 de abril, presentarase no Ateneo de Ferrol; o 23 de abril, no Museo Provincial de Lugo; o 25 de abril, no Museo de Pontevedra; e o 3 de maio, no CGAC en Santiago de Compostela.

Poden ver un adianto do documental en:

https://www.youtube.com/watch?time_continue=9&v=G4qtUeuiVFY

A entrada a proxección é de balde,previa retirada dos tickets na billeteira do Teatro Colón o una web Ataquilla.com.

Poden facer a súa reserva na seguinte ligazón:

http://www.teatrocolon.es/evento/artemullergalicia/

Comment on this Article:







*