Home » coruna » Currently Reading:

O transporte público urbano contará dende esta fin de semana co servizo de Paradas Libres na liña do Bus Búho

julio 13, 2018 coruna No Comments

A Coruña contará dende a madrugada do venres ao sábado co novo servizo de Paradas Libres, implementado dentro da liña do autobús nocturno, e que ten como obxectivo converter o servizo de transporte público nunha ferramenta que facilite ás mulleres a realización de traxectos máis curtos en caso de que perciban inseguridade, así como axudar a que poidan achegarse máis rapidamente a un espazo seguro. Desta forma, e tal e como explica o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, “a partir desta fin de semana, as mulleres que viaxen soas no Bus Búho poderán solicitar á persoa condutora unha parada baixo demanda, sempre que esta, por suposto, non supoña ningún risco para o tráfico”. “Con esta medida, A Coruña pasa a engrosar a aínda escasa lista de cidades que posúen este servizo no seu transporte público”, indicou, á vez que destacou o traballo que, de forma transversal leva realizando o goberno local para que “esta sexa realmente unha cidade libre de violencias”.

A liña nocturna do Bus Búho funciona os venres, sábados, vésperas de festivo e outras datas sinaladas en horario de 00.30 horas a 04.40 horas. Así, a partir desta fin de semana, as mulleres que viaxen soas no servizo deberán, se así o queren, avisar no momento de subir ao ou á condutora do autobús da súa intención de solicitar unha Parada Libre. Na medida do posible, quedarán na parte dianteira do vehículo durante o traxecto, para facilitar a comunicación. A baixada a demanda se efectuará pola porta dianteira.

Díaz Grandío apuntou a que “deberase avisar coa antelación precisa á persoa que conduce o autobús, que realizará a parada a petición da muller nun lugar que non supoña ningún perigo para a circulación”.

Comment on this Article: