Home » coruna » Currently Reading:

O túnel do Parrote permanecerá pechado ao tráfico durante catro días a vindeira semana por obras no seu pavimento

mayo 6, 2018 coruna No Comments

A Concellería de Mobilidade Sostible informa dos cortes que se producirán no túnel do Parrote a vindeira semana como consecuencia das obras de reforma sobre a pavimentación que se acometerán desde mañá e ao longo de 18 días, e que suporán o peche completo deste ramal durante catro xornadas (dende as 08.00 horas do xoves día 10 e ata as 07.00 horas do luns 13). Durante o resto destas xornadas de traballo, a circulación manterase aberta en todo momento en sentido Mariña ao castelo de San Antón. As obras, que como indica o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, están promovidas pola Autoridade Portuaria e serán acometidas por Copasa, só afectarán ao ramal do Parrote, polo que non se restrinxirá ou pechará o tráfico de vehículos nos tramos da Mariña e María Pita, “e a afección ao tráfico será mínima”, sinala.

Esta actuación está encamiñada a solventar os problemas de filtracións de auga do mar e osabombamentos ​no pavimento que causa a presión do mar nesta sección do túnel. “Temos reclamado á Autoridade Portuaria, como responsable que é da obra, que actúe e acometa os traballos necesarios para atallar uns problemas de filtracións no pavimento que teñen a súa orixe na mesma construción do túnel”, indica o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. Neste sentido, o edil celebra que “a Autoridade Portuaria acometa unhas obras demandadas pola cidadanía e polo Concello, que aceptou poñer en marcha a opción que considera máis viable de entre as que propuxo a Autoridade Portuaria e sobre a que mantén a condición de que o pavimento debe manterse seco tras a actuación”.

A intervención desenvolverase en tres fases e afectarán a todo o ramal, coa excepción da rampla de acceso. A primeira comeza xa mañá sábado, 5 de maio ás 08.00 horas, e consistirá na elevación das beirarrúas para adaptalas ao novo pavimento. Durante o tempo que está previsto que dure esta fase, na que se traballará de forma continuada ata as 07.00 horas do mércores 9, só se producirá o corte dun carril de circulación, polo que se manterá sempre a circulación en sentido A Mariña-Castelo de San Antón. O xoves as 08.00 horas comezará a segunda fase, na que o ramal permanecerá completamente pechado ata as 07.00 horas do luns. Durante estes días realizaranse actuacións na calzada, que buscan diminuír a presión que exerce a auga do mar e mellorar a súa evacuación antes de que suba ata o pavimento. Durante as horas diúrnas do luns o viario subterráneo estará aberto, pero volverá pecharse entre as 22.00 e as 07.00 horas do martes día 15 para acometer a sinalización horizontal do ramal. Na última fase abordarase a adaptación de sumidoiros e outros elementos ao novo pavimento e levaranse a cabo tarefas de limpeza, traballos que se realizarán en horario nocturno, das 22.00 ás 07.00 horas, entre os días 15 e 22 de maio.

Tanto o sentido único que manterá o ramal do Parrote durante as obras como o corte total por catro días estarán sinalizados tanto na rotonda de Veramar, para que o tráfico en sentido A Mariña poida desviarse polo túnel de María Pita, como na praza de Ourense e en Linares Rivas.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...