Home » coruna » Currently Reading:

Os servizos de seguridade do Concello atenderon 35 incidencias en locais e vivendas de particulares a causa da tromba de auga

julio 2, 2018 coruna No Comments

As intensas choivas caídas no día de onte provocaron incidencias en distintos puntos da cidade, ademais de cortes de tráfico que se foron solventando ao longo da tarde. No momento no que se comezaron a producir os incidentes, o Concello puxo en marcha un dispositivo especial cuxo posto de mando se situou no parque de Bombeiros, composto por este corpo, así como por responsables da Policía Local e de Protección Civil. Ademais de solventar as incidencias de tráfico producidas pola choiva, os servizos de seguridade atenderon entre as 17.00 horas e o peche do operativo, na madrugada do sábado ao domingo, 35 intervencións tanto en locais como en vivendas de particulares, das cales, 27, se acometeron entre as 17.00 e as 20.00

horas, o tramo máis conflitivo. ​A intensidade da choiva foi tal que se rexistrou un acumulado de até 40 litros por metros cadrado ao longo da xornada. En tan só media hora, entre as 17.00 e as 17.30 horas contabilizáronse choivas que deron lugar a unha caída de 20 litros por metro cadrado.

“As consecuencias máis inmediatas da tromba de auga foron inundacións en distintos puntos da cidade, sobre todo, na zona centro, dende a avenida do Exército con Ramón y Cajal até a Mariña”, comentou a concelleira coas competencias de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, quen indicou que contra as 19.30 horas a situación “foise normalizando, quedando o operativo de tráfico restablecido contra as 20.30 horas”. O túnel da Mariña rexistrou tamén incidencias debido ao desborde dunha tubaxe.

A intensa caída de auga coincidiu coa preamar, o que derivou en que, ademais dos problemas de tráfico, se rexistraron inundacións en aparcadoiros subterráneos de praza de Vigo e Cantóns, así como noutros de persoas particulares da zona. Tamén entrou auga en locais comerciais e de hostalería na zona da Mariña, así como en Juana de Vega, Linares Rivas e Paseo Marítimo, principalmente. A auga tamén afectou a transformadores subterráneos, o que provocou afeccións na luz en vivendas e tamén no propio servizo público, especialmente na zona entre Linares Rivas e o Paseo Marítimo.

Entre outros incidentes, entre as 17.00 e as 20.00 horas, o parque de Bombeiros atendeu as seguintes incidencias: inundacións en Marchesi Dalmau, zona da Casa do Mar, San Cristóbal das Viñas, Emilio González López, Oidor Gregorio Tovar, Orzán, Ángel Rebollo, praza de Pontevedra, Monforte, rúa Nicaragua, Rego de Auga e Concepción Arenal e Marcial del Adalid. Atendéronse tamén, nese tramo horario, incidencias no aparcadoiro do Cantón Grande, así como en Fernández Latorre. Os rexistros tamén recollen actuacións para o desatasque de canalóns na rúa Montevideo, así como outras intervencións no Peruleiro, Don Bosco, Ronda de Nelle. Os Bombeiros tamén revisaron os sumidoiros dende Primo de Rivera até a Mariña e axudaron a unha persoa que quedara atrapada no interior do seu vehículo na rúa Río de Monelos.

“Ademais destas incidencias en particulares, os desperfectos causados en vía pública están sendo xa solventadas tanto polo propio servizo de emerxencias como polas empresas concesionarias municipais”, dixo Fraga. “Onte vivimos unha situación excepcional, derivada da caída dunha gran cantidade de auga nun momento de marea alta. Os bombeos da cidade estaban a traballar ben e estaban en perfecto estado, pero non podían absorber toda a cantidade de auga, o que provocou esas saídas e inundacións puntuais”, explicou.

Por outro lado, o temporal provocou a cancelación da Festa ​polos Dereitos e as Liberdades LGTBQI dentro da programación do Orgullo 2018 que se ía celebrar no Campo da Leña. Tamén quedaron anuladas as actividades de pintado de bancos pola visibilización LGTBQI que estaban previstas para esta tarde nos xardíns de Méndez Núñez.

Fraga quixo destacar, en nome de todo o goberno local, “o agradecemento tanto ao corpo de Bombeiros, como ao resto de servizos de seguridade municipais polo traballo desempeñado, xa que a normalidade se restableceu nun tempo récord”.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...