Home » coruna » Currently Reading:

Valentín González Formoso viaxará a finais de mes a Arxentina e Uruguay para reunirse con entidades galegas no exterior

junio 13, 2018 coruna No Comments

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, viaxará a Buenos Aires e Montevideo a finais deste mes de xuño para reunirse con diversas asociacións galegas no exterior e coñecer as infraestruturas e servizos financiados con fondos provinciais, así como coñecer de primeira man as súas necesidades.

González Formoso reuniuse esta mañá con Diego Martínez Duro e Lorena Lores, presidente e a secretaria da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, que integra a unha vintena de colectivos galegos no país e dende 2005 xestiona o Museo da Emigración Galega de Buenos Aires (MEGA), onde se custodian numerosos documentos, obras de artes, obxectos históricos, fotografías e bibliografía relativa á diáspora galega.

O presidente provincial interesouse pola situación dos colectivos galegos en Arxentina e destacou o gran traballo realizado pola entidade durante os anos nos que estivo ao fronte Francisco Lores, ao que definiu “unha figura clave da emigración galega”. Formoso afirmou que a Federación “seguirá contando, coma sempre, co apoio da Deputación da Coruña para os seus proxectos e actividades, dos que se beneficia a ampla comunidade galega de Buenos Aires”.

Pola súa banda, os directivos da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina recoñeceron e agradeceron “papel determinante” da Deputación da Coruña e do expresidente Salvador Fernández Moreda para impulsar o MEGA “unha iniciativa única, na que se recolle toda a historia da nosa emigración” e explicaron que están a levar a cabo un proxecto de dixitalización dos seus fondos documentais co obxectivo de “manter este legado histórico para as vindeiras xeracións de galegos en Arxentina”.

Formoso aceptou a invitación dos responsables da Federación para visitar a sede da entidade e o MEGA na rúa Chacabuco da cidade bonarense e coñecer de primeira man as múltiples actividades que a entidade desenvolve para reivindicar a impronta galega na historia de Arxentina.

O presidente provincial ten previsto visitar tamén durante a última semana de xuño o Centro Galicia e o Fogar Galego para Anciáns de Buenos Aires e a Casa de Galicia e o Fogar Español de Montevideo (Urugay), entidades coas que a Deputación da Coruña mantén estreitos lazos de colaboración dende hai anos.

Comment on this Article: