Home » coruna » Currently Reading:

Xiao Varela advirte, tras a xuntanza con Puertos del Estado, de que o goberno local “vai seguir dando pasos para construír un futuro para o bordo litoral, porque a cidade gañou batallas que xa non poden volver atrás”

octubre 28, 2018 coruna No Comments

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, puxo de manifesto este sábado “a actitude positiva e construtiva” coa que o executivo municipal está a traballar co obxectivo de garantir a titularidade e o uso público dos terreos portuarios da Coruña. O edil asegurou esta mañá, nunha entrevista concedida a Radio Coruña, que o Concello “está a traballar de xeito construtivo e acorde ás competencias que ten en materia de urbanismo para a construír un futuro que está máis que asumido pola cidadanía”. Neste sentido, Varela salientou a posta en marcha do concurso de ideas para afondar no debate cívico sobre o futuro do bordo litoral, cuxo prazo de presentación de propostas rematará o 8 de novembro, unha iniciativa que cualificou como “moi produtiva e relevante para contribuír á definición colectiva do futuro dos peiraos”. As propostas gañadoras do concurso serán escollidas no mes de decembro por un xurado “moi competente”, segundo explicou Varela, conformado por representantes das administracións con responsabilidade no ámbito portuario así como membros da corporación e da Universidade da Coruña.

“O tribunal xa está confirmado no seu 70-80%. O goberno da Coruña convidou a todos os axentes implicados no ámbito. Faltará quen queira faltar”, advertiu Varela. O tribunal estará acompañado, ademais, dun comité asesor que xa conta coa confirmación de representantes da sociedade civil e de diversas entidades, así como dos sindicatos. “Seguiremos dando pasos firmes para construír, en común, ese futuro do que todo o mundo recoñece que, o que estaba previsto hai tres anos, privatizar os peiraos interiores e converter o porto en pasto de especulación, xa non é axeitado”, apuntou Varela.

A este respecto, o responsable municipal lamentou a falta de avances rexistrados na reunión mantida esta semana coa presidenta de Puertos del Estado, Ornella Chacón. Así, o edil amosou o seu “absoluto desacordo” co feito de que o Plan de Empresa de Autoridade Portuaria da Coruña, acordado co ente depende do Ministerio de Fomento, “manteña certas previsións, como é a pretensión da enaxenación dos peiraos interiores de Batería e Calvo Sotelo, así como de algúns terreos que xa non estaban enriba da mesa, como a Solana e o Hotel Finisterre, para poder ter unha previsión de ingresos a curto prazo determinada”.

“O goberno local da Coruña está absolutamente en desacordo con esta cuestión. Non se pode permitir. Esta é unha batalla xa gañada pola cidade e, no seu caso, ímonos opoñer no Consello da Autoridade Portuaria da Coruña”, aseverou Varela, quen avanzou que o executivo municipal “seguirá dando pasos e manterá unha actitude positiva e construtiva” no proceso. “Esta semana pedímoslle á presidenta de Puertos del Estado que nos axude a intermediar coas distintas partes implicadas, para que nos sentemos todas as administracións na mesma mesa, que é o que levamos pedindo tres anos: Ministerio de Fomento, Puertos del Estado, APAC, Xunta, Concello e tamén ADIF, para poder decidir entre todas o futuro do porto, poñendo cada quen da súa parte. Nós sempre dixemos que o Concello da Coruña está disposto a ser solidario coa situación financeira da APAC, e esta é unha cuestión que temos que consensuar entre todos os axentes, porque todos temos parte”, afirmou.

Maestranza

“No porto hai un traballo político moi importante para que as cousas non sexan como se pretendía en 2004 e na Maestranza pasa o mesmo. Agora na Maestranza non se pode edificar, e iso é algo que hai tres anos non era así. Facemos un traballo político co goberno central, que ademais cambiou de cor, e a pesares de todos os atrancos nas negociacións, ímolo conseguindo. Creo que iso son pasos firmes”, sinalou Xiao Varela en relación aos terreos da Maestranza e a suspensión de licenzas aprobada recentemente pola Xunta de goberno local para esa área. A ese respecto, o edil recordou que aparellado a esta decisión trae derivada unha modificación do Pepri para conseguir que ese solo sexan espazos libres, zonas verdes e aqueles usos dotacionais que a Cidade Vella necesite, “tal e como se puxo en evidencia na Mesa Cidadá da Cidade Vella”.

Ofimático

Por outra banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana abordou a situación do parque Ofimático, e lembrou que o executivo municipal “leva tres anos traballando arreo, con moitas xestións e reunións, para que os veciños e veciñas poidan entrar nas súas casas”. “Esperamos ver moi pronto os froitos deste labor”, manifestou. “O Concello xa fixo o que ten que facer, que é recibir as obras. A situación agora depende de que UFD –a compañía distribuidora– remate os seus trámites e de que as cooperativas resolvan as actuacións que lles demanda Fenosa. Os prazos non dependen nestes momentos do Concello, pero se cumpren coas previsións, creo que a entrada ás vivendas das e dos cooperativistas é inminente”, sinalou Varela.

Ampliación do CHUAC

En relación ao anuncio do presidente da Xunta de Galicia sobre a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario, o responsable municipal advertiu de que existen dúas posibilidades, como é a ampliación do complexo existente, “que podería ser unha oportunidade para mellorar a zona”, ou unha segunda que supón xerar un novo equipamento. “Necesitamos saber cales son os requirimentos e as necesidades da Consellería de Sanidade para poder abordalo”, apuntou Varela, quen sinalou que, de cara a definir o futuro do complexo, o goberno local planteou esta mesma semana ao conselleiro a constitución dunha mesa técnica, conformada polas dúas administracións, “para que non ocorra coa ampliación do Chuac o que ocorreu coa estación Intermodal, onde a Xunta non encaixou as necesidades do modelo de mobilidade da cidade”. “O que propuxemos, e que o conselleiro recibiu de forma satisfactoria, é que colaboremos desde  o inicio e poidamos ir da man para decidir cal é a opción máis favorable para A Coruña e, ademais de dialogar entre nós, escoitar tamén os distintos criterios, como estamos a facer desde o Concello estes días, sentando con todos os axentes do ámbito sanitario e todas as partes para coñecer os seus posicionamentos”, aseverou.

Conde de Fenosa

Cuestionado tamén polo proceso de mediación sobre a sentenza do edificio Conde de Fenosa, Varela amosou o seu desexo de que o procedemento sirva para “acadar a solución adecuada e máis razoable para a cidade”. “En procesos como o do Ofimático, como a Maestranza, como o porto e tamén como acontece co do Conde de Fenosa, este goberno leva tres anos traballando para buscar solucións a problemas que veñen de décadas”, puxo de relevo. .

Comment on this Article: