Home » coruna » Currently Reading:

Xustiza Social abre o prazo de solicitude para participar no programa de apoio ‘Respiro para as persoas coidadoras’, que pretende favorecer o benestar “dun colectivo exposto a una situación de vulnerabilidade”

octubre 25, 2018 coruna No Comments

A Concellería de Xustiza Social e Coidados vén de abrir o prazo de solicitude para participar nunha nova edición do programa ​Respiro para as persoas coidadoras,​ unha medida de apoio dirixida a favorecer o benestar das veciñas e veciños que teñen, ao seu cargo, a responsabilidade dos coidados de persoas que se atopan en situación de dependencia. O programa, tal e como explica a edil Silvia Cameán, consiste nunha sesión de termalismo urbano “que pretende axudar a paliar a sobrecarga emocional e física que leva aparellada o coidado das persoas maiores ou dependentes, e que normalmente se sitúa na súa contorna máis próxima, a familia”.

“As persoas coidadoras asumen acotío unha importante carga de tarefas que poden supoñer unha fonte de tensión, o que incrementa non só o risco de padecer, a medio prazo, problemas físicos, senón tamén emocionais. Esta medida diríxese precisamente para ofrecer un espazo de respiro ou alivio, de tempo, a un grupo de persoas que están expostas a unha situación constante de vulnerabilidade”, sinala a responsable municipal. Así, o programa ofrece a posibilidade de obter unha sesión de dúas horas de duración de talasoterapia e/ou masaxe local para a persoa coidadora, na que se pode levar acompañante, ou ben unha sesión de masaxe completa neurosedante.

Poderán optar a participar na iniciativa, que se realizará nas instalacións de Termaria Casa del Auga, todas aquelas persoas familiares que teñan ao seu coidado persoas dependentes, solicitantes ou beneficiarias do Servizo de Axuda a Domicilio do Concello da Coruña. As prazas, que se poderán solicitar até o 30 de outubro na Oficina Municipal de Dependencia, Maiores e Diversidade –situada na rúa Doutor Enrique Hervada, 4– adxudicaranse por orde de entrada da solicitude, e terán preferencia aquelas das persoas que non participaran en ningunha das convocatorias anteriores. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981.189.871.

Comment on this Article: