Home » coruna » Currently Reading:

Xustiza Social asinará dous convenios con ACLAD e o Centro Social da Sagrada Familia por valor de 255.000 euros, destinados ao fomento de actividades que favorecen a inserción social e a prevención das adiccións

julio 12, 2018 coruna No Comments

A Xunta de goberno local dará luz verde este venres a dous convenios por un montante total de 255.000 euros que o Concello asinará con dúas entidades sociais sen ánimo de lucro: o Centro Social da Sagrada Familia e a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (ACLAD). Ambas as dúas, segundo destaca a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, “levan xa moitos anos traballando por facer desta unha cidade máis inclusiva e máis igualitaria”. “Os convenios que establecemos, e que axudarán ao mantemento de entidades cuxo traballo a prol da inclusión, o envellecemento activo e a prevención de condutas adictivas é moi notable, dan mostra do traballo que o executivo municipal está a desenvolver co tecido social desta cidade”, dixo.

En concreto, a Xunta de goberno local aprobará un convenio por valor de 75.000 euros co Centro Social Sagrada Familia destinado ao mantemento das actividades que desenvolve esta entidade e que contribúen á inclusión de toda a veciñanza do barrio coa realización de distintas actividades de tempo libre e formación, ademais doutras relacionadas co ámbito do deporte. Do mesmo xeito, tamén se dará o visto e prace a outro convenio de colaboración con ACLAD, neste caso por unha cantidade de 180.000 euros e que ten como obxectivo “o mantemento das actividades de unidades asistenciais de atención a enfermos drogodependentes”. Cameán salientou a “estreita colaboración do Concello e, en concreto, do departamento de Xustiza Social con esta entidade coa que desenvolvemos talleres e actividades de prevención da drogadicción e outras condutas adictivas nos centros educativos da cidade”. A concelleira salientou, ademais, que “o traballo a prol de hábitos de conduta saudables que desenvolve ACLAD non só se leva a cabo cos rapaces e rapazas dos colexios, senón que se estende as súas familias”.

Cameán destacou, ao fío, que ACLAD é unha das entidades sociais presentes no Consello Local de Inclusión Social, “un ente consultivo realmente innovador que foi posto en marcha por este goberno local e que confirma un espazo de participación, escoita e traballo en rede entre o Concello e as entidades sociais da cidade de cara a deseñar políticas de melloren a calidade de vida da veciñanza”.

Comment on this Article: