Home » COMER » Currently Reading:

Máis de 70 establecementos participan nunha nova edición do Concurso de Tapas Picadillo

agosto 30, 2018 COMER No Comments

​O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou a XV edición do Concurso de Tapas Picadillo, que comezará o próximo sábado, día 1, e se prolongará até o día 16 deste mesmo mes a través dos 71 establecementos participantes. Nunha das grandes citas gastronómicas da cidade, presentaranse a concurso un total de 91 tapas elaboradas de xeito artesanal. Nunha rolda de prensa na que tamén participou a xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, o edil e tamén presidente do ente dependente do Concello, salientou a tradicional cita gastronómica como “unha mostra do atractivo da cociña coruñesa e o seu potencial como polo de xeración turística e económica”. O responsable municipal incidiu ademais en que este ano o concurso de tapas complementarase con distintas actividades ao longo do outono e o inverno que teñen como nexo denominador á figura do alcalde Puga y Parga, Picadillo, ao cumprise cen anos da súa morte. As mesmas van dende o cinema, até xornadas gastronómicas de degustación de bacallau, concursos en redes sociais e visitas guiadas. “A grandeza da gastronomía nesta cidade é que constitúe un atractivo máis da mesma, ligada á súa historia e identidade, como podemos ver na propia figura do alcalde Picadillo, e relacionada directamente co noso espazo público”, comentou Lema. O edil avanzou tamén que se está a ultimar unha publicación sobre a figura de Puga y Parga que recolle “elementos da súa vida e da actual gastronomía coruñesa”. Tal e como explicou a xerenta do Consorcio de Turismo, ao coincidir a presente edición do concurso de tapas centenario da morte de Manuel María Puga y Parga, alcalde, gastrónomo, escritor, e un dos grandes persoeiros do imaxinario colectivo da Coruña, o certame incluirá nesta XV edición unha categoría extraordinaria: o Premio Especial Centenario, que distinguirá a mellor tapa que “reinterprete unha das receitas do seu libro​ La cocina práctica”​ ​.

Á marxe desta, o concurso contará, coma sempre, con varias categorías nas que se proporán un total de 91 tapas, cincuenta das cales serán de categoría tradicional e as 49 restantes participarán en categoría creativa. Existirán ademais 22 tapas en categoría maridaxe que se ofertarán cun viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. As tapas deberán ser elaboradas con produtos galegos. Nunha primeira fase, un xurado de expertos pertencentes ás escolas de hostalaría avaliarán as ofertas gastronómicas en todos os establecementos durante os días de concurso e elixirán ás cinco mellores tapas en cada unha das dúas categorías. Na segunda fase, un xurado de expertos, no que participará a neta de Picadillo, Chau Fernández-Gago Puga, seleccionará os mellores pratos e na categoría de maridaxe, un grupo de prestixiosos e prestixiosas sumilleres da Asociación Galega de Sumilleres.

Entre os galardóns ​figuran o premio á mellor tapa creativa e á mellor tapa tradicional, dotados cada un con 1.000 euros, e o recoñecemento á mellor maridaxe con viños, que consistirá nunha visita e cata a bodegas da D.O Ribeira Sacra, colaboradora nesta edición do evento gastronómico.“A entrega de premios celebrarase o día 30 coincidindo co centenario do pasamento de Picadillo”, indicou Calatayud, quen agradeceu a colaboración da familia de Puga y Parga.

Repetirase tamén o premio para a tapa por votación popular, premio ​Cidade da Coruña​. Habilitaranse furnas e cupóns de votación nos establecementos participantes, que recibirán un galardón de 500 euros. Ao remate do concurso haberá un sorteo de diferentes premios entre todos os votantes, como xantares e ceas en restaurantes gañadores, oito bonos Termaria en Familia, premios para unha ruta en veleiro e por primeira vez, haberá premio con voos ​Coruña vista de paxaro. Co obxectivo de facilitar a degustación das tapas, o concurso deseñou “catro rutas ubicadas en distintos barrios da cidade”, indicou Calatayud. “Unha será Cidade Vella, Monte Alto e Zalaeta, con 20 establecementos; outra da zona céntrica de viños, con 23; unha terceira na zona en praza de Galicia, Vigo e Juan Flórez e unha cuarta onde están establecementos ubicados nos Mallos, Catro Camiños ou Matogrande”, explicou.

O Picadillo tamén dedicará, como é habitual, un espazo para os máis novos. Será nunha nova edición dos talleres infantís Pequepincho, que se celebrarán os días 7 e 15 de setembro no mercado de San Agustín. Os nenos realizarán todo o proceso de elaboración con produtos galegos da man da cociñeira Mayte Fernández. A inscrición abrirase hoxe na páxina webwww.tapaspicadillo.es

O programa de actividades relacionadas coa figura de Picadillo e en homenaxe a súa figura, prolongarase durante os próximos tres meses e estará integrado tamén por un ciclo de cine e gastronomía, celebrado no Fórum Metropolitano e que se prolongará ao longo de todo o mes de setembro. Proxectaranse catro películas que relacionan as dúas facetas, viaxando desde os clásicos a filmes do século XXI. As datas das sesións serán:

6, 7 e 8 de setembro: ​El Gatopardo, ​de Luchino Visconti.
13, 14 e 15 de setembro:​ El guateque​, de Blake Edwards
20, 21 e 22 de setembro: ​El cocinero, el ladrón, su esposa, y su amante​, de Peter Greenaway 27, 28 e 29 de setembro: ​18 comidas, ​de Jorge Coira

En outubro, entre os días 5 e 21, terá lugar o Concurso ​A Miña mellor receita Galega de Culler,que celebra a súa primeira edición. Será unha homenaxe a obra de Picadillo ​Pote Aldeano. O concurso farase a través de redes sociais (Instagram, Facebook e Twitter). Xa en novembro, entre os días 1 e 18, celebraranse as Xornadas Gastronómicas do Bacallau, que tamén lembrarán a Picadillo e en especial a súa obra ​36 maneras de guisar el bacalao​. Neste caso, a actividade estará máis centrada nos restaurantes e a súa maneira de reinterpretar as propostas gastronómicas de distintos establecementos sobre este produto.

As actividades terán a súa continuación ata decembro. O día vinte está previsto o remate as visitas guiadas que se celebran dende o pasado mes de marzo, todos os xoves ás 17.00 horas nunha actividade de balde aínda que con reserva (​www.visitasguiadas.coruna.es​) a actividade consta dun recorrido pola Praza de María Pita na que Picadillo, que fora alcalde da cidade entre os anos 1915 e 1917, mostra os segredos e anécdotas do consistorio.

Comment on this Article: