Home » CAMPAMENTOS » Currently Reading:

400 rapaces da provincia participarán este verán en Coruña nos campamentos deportivos da Deputación

junio 6, 2018 CAMPAMENTOS No Comments

Catrocentos rapaces e rapazas dos 93 concellos da provincia participarán este verán nos campamentos deportivos da Deputación que celebrarán na Coruña.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade (ambas incluídas) e desenvolveranse no centro Calvo Sotelo, no concello da Coruña, en catro quendas; do 1 ao 6 de xullo, do 8 ao 13 de xullo, do 15 ao 20 de xullo e do 22 ao 27 de xullo.

O prezo do campamento é de 85 euros e inclúe transporte interno, estadía, manutención en residencia e todo gasto que ocasionen as actividades programadas. O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de xuño.

Durante a súa estadía, os rapaces contarán cun amplo programa de actividades que inclúe dende a práctica de equitación, actividades náuticas, equitación, sendeirismo, ademais de practicar fútbol, tenis, voleipraia, voleibol, baloncesto, aeróbic ou baile ata visita a centros de interese cultural na comarca e na cidade da Coruña.

O programa cultural complétase con veladas nocturnas nas que os nenos e nenas desenvolverán actividades e xogos que fomenten a comunicación, a convivencia, o intercambio de experiencias e o respecto polos demais.

En cada quenda participarán un total de 100 rapaces, que estarán supervisados en todo momento por 10 monitores titulados e un director de campamento. Os rapaces e as rapazas terán que incorporarse o domingo antes de cear e estarán de regreso o venres despois de comer.

 

Catro quendas en xullo para cubrir os 93 concellos

Na primeira quenda, do 1 ao 6 de xullo, participarán nenos e nenas de Abegondo, Ares, Betanzos, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Irixoa, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Paderne, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.

Na segunda quenda, do 8 ao 13 de xullo, será o turno para os rapaces e rapazas de Aranga, Arteixo, Arzúa, Bergondo, Boimorto, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Frades, Melide, Mesía, O Pino, Oleiros, Ordes, Oroso, Oza- Cesuras, Sada, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar.

Na terceira quenda, do 15 ao 20 de xullo, participarán os nenos e nenas de Ames, A Baña, Boiro, Boqueixón, Brión, Dodro, Lousame, Negreira, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, e Vedra.

Na derradeira quenda, dos 22 ao 27 de xullo, os rapaces e rapazas que participarán serán os dos Concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, A Coruña, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Outes, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

Comment on this Article:

Suscríbete a la web por email

Introduce tu correo electrónico para suscribirte a este web y recibir notificaciones de nuevas entradas.