Home » Noticias » Currently Reading:

A Concellería de Xustiza Social colabora co proxecto Mus.e de integración a través da arte en centros educativos, unha iniciativa “que axuda a camiñar cara a unha cidade próxima”

abril 17, 2018 Noticias No Comments

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, participou esta mañá na presentación do balance do programa de integración Mus.e, que se levou a cabo o pasado ano en tres centros escolares da cidade e que continúa este ano co apoio do Concello da Coruña. “Decidimos colaborar con este proxecto porque nos axuda a camiñar cara a cidade que queremos, unha cidade próxima, onde as nenas e nenos que menos oportunidades teñen poidan acceder a elas e que fomenta a cohesión, a participación social e crea comunidade”, explicou Cameán. O proxecto, que xurde da colaboración entre as fundacións Yehudi Menuhin e Paideia, busca traballar na inclusión e favorecer a integración social, cultural e educativa a través da arte e está en marcha nos centros CEIP San Pedro de Visma -onde arrincou a experiencia na cidade hai tres anos-, no CEIP Raquel Camacho e no IES Rafael Dieste, todos eles situados moi próximos para dar continuidade ao proxecto cando o alumnado dea o paso entre os colexios e a educación secundaria.

A concelleira incidiu no valor do programa como unha maneira de “darlle a volta a esa formación que se centra só nas asignaturas e que se esquece da parte emocional, que non deixan de ser habilidades sociais para a vida”. O Concello colaborou o pasado curso nesta iniciativa, a través dun convenio de colaboración coa Fundación Yehudi Menuhin de 5.000 euros, que se mantén tamén este ano. Neste sentido, Cameán afirmou que a intención do Goberno local é seguir colaborando ca proxecto “porque está tendo moi bos resultados e que está servindo para a integración dos nenos e das nenas da cidade”.

Durante o pasado curso realizáronse 327 sesións dirixidas por tres artistas nas que participaron 390 nenos e nenas de 20 clases dos tres centros. Como indicou o director do CEIP San Pedro de Visma, Juan Manuel Pérez, nestas actividades participan estudantes “de máis de 20 nacionalidades, con moitas diversidades polo que axudan á resolución de conflitos a través da danza e das artes plásticas”. No mesmo sentido se manifestaron as directoras do centro Raquel Camacho, Rosa Mosteira, e do IES Rafael Dieste, Isabel López, que incidiron en que nestas actividades se traballa “a inclusión de maneira integradora e participativa” e axuda á tamén “resolución de conflictos e a expresar e xestionar as emocións”. “Non é só un proxecto artístico, é a introdución dunha nova metodoloxía que fomenta o traballo de valores como o respecto e a convivencia, así como o autocoñecemento”, indicou López.

Pola súa banda, o representante da Fundación Yehudi Menuhin España, Antonio Merino, explicou a orixe do proxecto, que se desenvolve tamén noutras partes do Estado, e a relevancia de que teña lugar dentro do horario lectivo “para que non sexa algo ao que só poida acceder o alumnado que pode ter actividades extraescolares”. Asimesmo, considerou que nos tres centros da cidade estase traballando un número relevante de horas “e cun alto nivel de intensidade para que o traballo de transformación” poida ter efecto. Dende a Fundación Paideia, Celia Martínez engadiu que se trata tamén dun proxecto “con visión de barrio para que que o alumnado poida seguila” ao longo dos seus estudos e agradeceu a colaboración do Concello “porque facilita a continuidade do proxecto”.

Comment on this Article:







*