Home » Noticias » Currently Reading:

A Concellería de Xustiza Social e Coidados incrementa en máis dun 50% as bolsas comedor para o vindeiro curso, ata as 1.529

septiembre 21, 2017 Noticias No Comments

A Concellería de Xustiza Social e Coidados, que ten as competencias municipais na área de educación, trasladará á vindeira Xunta de Goberno local, que se celebra este venres, a proposta de ampliación de crédito do programa de comedores escolares para o curso 2017/2018, que permitirá incrementar estas bolsas nun 53% respecto ao ano precedente, ata acadar as 1.529 no inicio de curso. O Concello destinará a este programa un orzamento total de 1.180.000 euros, ao sumar aos 950.0000 euros destinados como orzamento inicial aprobado para este curso outros 230.000 euros –que se reparten en 169.000 euros para este ano e 161.000 para o vindeiro–. Como salienta a responsable municipal desta área, a concelleira Silvia Cameán, a cifra supón supón un “aumento máis que relevante” respecto aos anos precedentes, nos que se destinaron 772.000 euros (en 2016/2017), 720.000 euros (en 2015/2016), 595.000 euros (en 2014/2015) e 475.000 (2013/2014). “Seguimos incrementando o esforzo neste programa, co obxectivo que ningún neno e ningunha nena que o necesite quede fóra deste servizo, que busca dar cobertura ás familias en situación de vulnerabilidade social, independentemente do centro onde cursen os seus estudos. Por iso elevamos o orzamento, para atender o aumento da demanda e o maior número de familias que cumpren os requisitos para seren beneficiarias”, subliña Cameán, que destaca que o orzamento para o curso 2017/2018 duplica o do último curso do anterior goberno local, “o que indica as prioridades de cada quen”. “Para este goberno local e para esta concellería, o prioritario é poñer por diante ás persoas e destinar os recursos que sexan necesarios para crear igualdade de oportunidades e facilitar a vida das veciñas e veciños desta cidade”, salienta.

O programa municipal de bolsas comedor está destinado a apoiar as unidades familiares con menores ao seu cargo e que teñen imposibilidade ou grave dificultade para prestar a atención adecuada. Vai dirixido a persoas empadroadas no Concello da Coruña, matriculadas en centros públicos ou concertados con servizo de comedor que non teñan cumprido os 18 anos e cuxa renda per cápita non supere os 6.000 euros anuais (ademais de axustarse ao baremo establecido). Na valoración da situación familiar téñense en conta tres factores diferenciais, como son a situación laboral, a situación económica das unidades familiares e a situación socio-familiar da ou do solicitante, na que se analizaron situacións como a pertenza a unha familia numerosa, casos de discapacidade na unidade familiar, e grao do mesmo. Para este curso, ademais, o Concello vén de introducir unha serie de novidades no programa, como é que o principal criterio a ter en conta para a súa adxudicación será o económico, na busca de axudar a aquelas familias que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade, e a introdución de criterios relativos á saúde dos e das rapazas, de maneira que se terá en conta, na valoración, o feito de que o alumnado teña algunha intolerancia alimentaria. Como indica a titular de Xustiza Social, estes cambios para o curso 2017-2018 foron acadados “en consenso coas educadoras de todos os centros, e coa participación e opinión de todas as técnicas implicadas directa e indirectamente neste recurso”.

Tipos e axuda

A gratuidade da bolsa pode ser total para aqueles e aquelas menores que cursan estudos nun centro público que teña servizo de comedor, ou dun máximo de 80 euros ao mes no caso de alumnado matriculado nun centro sostido parcialmente con fondos públicos (concertado), unha contía que pode elevarse ata os 98 euros en casos excepcionais, atendendo á situación económica dos e das participantes. En concreto, no cálculo de puntos para poder optar ás bolsas comedor tense en conta de maneira principal a situación económica das familias solicitantes, cun máximo de 10 puntos por este motivo (no que os 10 son para as rendas per capita de menos de 3.000 euros anuais e 0, para as de máis de 6.000 euros). Ademais, nesta anualidade o teito económico creceu de 4.500 a 6.000 euros, de acordo cos indicadores do IPREM. Á marxe dos criterios económicos, tamén se ten en conta a situación laboral das e dos proxenitores, como é o feito de que ambos traballen e a incompatibilidade horaria, así como a situación social (monoparentalidade, familias numerosas, familias que sufriron situación de violencia de xénero).

Comment on this Article:







*

Suscríbete a la web por email

Introduce tu correo electrónico para suscribirte a este web y recibir notificaciones de nuevas entradas.