Home » EVENTOS » Currently Reading:

A Deputación da Coruña anima a participar no III Certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar

mayo 29, 2018 EVENTOS No Comments

A área de Cultura da Deputación da Coruña lanza por terceiro ano consecutivo o certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar, coa intención de animar a rapazada e a mocidade que está a dar os seus primeiros pasos no mundo da música para que coa axuda das  mestras e mestres enchan as rúas con cancións na nosa lingua.

O certame musical Quero Cantar consta de dúas categorías, unha primeira para rapazada de ata 12 anos e outra segunda para mozas e mozos de entre 13 e 16 anos e ofrece como incentivos a posibilidade de participar nun disco e de gravar un videoclip, así como premios de 1500, 1000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados en cada categoría.

O prazo para presentación de cancións para a terceira edición do concurso remata o 19 de outubro e despois será un xurado formado por persoas profesionais quen decidirá que cinco cancións de cada categoría pasan a formar parte do disco e, de entre estas, as tres de cada modalidade que pasan á gala final que se ha celebrar o día 17 de novembro no Teatro Colón da Coruña.

O certame chega a esta nova edición consolidado, en especial, despois do grande éxito que tiveron as cancións gañadoras da edición anterior, tanto “Son muller” do grupo Máis boas cás patacas de Teo como “Quero xogar” de Os nenos da vella da Coruña.

Os dous grupos colaboran agora na promoción do concurso, convidando a nenos e nenas a participar nesta terceira edición e transmitindo a boa experiencia que foi estar no Quero Cantar, en especial, como aprendizaxe e encontro con outros grupos ademais de ter a oportunidade de defender a canción na final do Teatro Colón e noutros ámbitos desde onde recibiron convites despois de se faceren co primeiro premio do certame.

“A segunda edición do Quero Cantar supuxo un paso adiante moi importante na consolidación do proxecto, en especial, porque as cancións gañadoras conseguiron  que foran cantadas por moita xente, principalmente nenos e nenas, con mensaxes moi interesantes, tanto na defensa da igualdade como do dereito a xogar”, explica Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña que anima a nenas e nenos a montar os seus grupos musicais e participar no Quero Cantar, unha experiencia inolvidábel, ao dicir das bandas que gañaron a última edición.

As persoas interesadas en participar poden consultar as bases ou poñerse en contacto coa organización a través da páxina web do proxecto, www.querocantar.gal.

Comment on this Article: