Home » Noticias » Currently Reading:

As Escolas Infantís Municipais reciben 773 solicitudes para novas incorporacións o vindeiro curso, no que se ofertan 402 prazas vacantes

mayo 7, 2018 Noticias No Comments

​A Concellería de Xustiza Social e Coidados recibiu 773 solicitudes de prazas para alumnos e alumnas de nova incorporación á Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM), que oferta 402 vacantes o próximo curso, unha vez se pechou o prazo de renovación da matrícula para o alumnado actual. Porén, foron 1.169 as peticións cursadas no prazo para cubrir as vacantes, xa que en 396 casos as unidades familiares solicitaron praza en dúas escolas municipais, o límite que permiten as bases que regulan o proceso.

Os nove centros municipais dispoñen dun total de 829 prazas, divididas en tres niveis. Para as 122 prazas que se ofertan para nenos e nenas que non teñan cumprido o ano de idade presentáronse 197 solicitudes. No seguinte nivel, entre un e dous anos, das 309 prazas totais saíron 185 para novas incorporacións, que recibiron 637 peticións. Do último grupo dispoñible, o dirixido a alumnado de entre dous e tres anos, existen 400 prazas totais, das que 95 saíron ofertadas como vacantes e para as que se presentaron 335 solicitudes.

A publicación das listas provisionais de nenos e nenas admitidos está prevista para o 14 de maio, unha vez se reúnan os consellos escolares e a comisión de escolarización. Abrirase entón un prazo para a reclamación, entre o 15 e o 29 de maio, no que non será admitida nin valorada documentación que non fose presentada durante o período de solicitude. A lista definitiva de nenos e nenas admitidas, así como a lista de agarda correspondente, darase a coñecer o 1 de xuño. Ese mesmo día comezará o prazo de matrícula nestes centros de educación infantil dependentes do Concello, que se estenderá ata o 14 de xuño.

Para acceder á Rede de Escolas Infantís Municipais no próximo curso é preciso que o ou a menor teña cumpridos, como mínimo, os 3 meses de idade na data de comezo do curso, previsto para o 5 de setembro, e non ter 3 anos a 31 de decembro de 2018. Ademais, teñen prioridade os nenos e nenas empadroados no Concello antes do pasado 1 de xaneiro.

Comment on this Article:







*