Home » Noticias » Currently Reading:

O Concello abre o vindeiro 17 de abril o período para a solicitude de praza na Rede de Escolas Infantís Municipais

marzo 14, 2018 Noticias No Comments

O período para a solicitude dunha praza na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) para nenos e nenas ata os 3 anos estará aberto dende o 17 de abril ata o 4 de maio, ambos días incluídos. A Concellería de Xustiza Social e Coidados publica hoxe o calendario do proceso de admisión para o curso 2018-2019, que establece tamén entre o 3 e o 12 de abril o tempo de reserva de praza para os e as menores xa escolarizados nesta rede municipal.

Os novos ingresos serán para os nenos e as nenas nados nos anos 2016, 2017 e 2018, para quen se poderá solicitar praza nun máximo de dúas escolas infantís municipais. As vacantes dispoñibles nos 9 centros dependentes do Concello coñeceranse o 16 de abril, unha vez o alumnado actual remate a súa reserva de praza. Para acceder a estas escolas, é preciso que o ou a menor teñan cumpridos, como mínimo, os 3 meses de idade na data de comezo do curso e non ter 3 anos a 31 de decembro de 2018. Ademais, terán prioridade os nenos e nenas empadroados no Concello antes do pasado 1 de xaneiro.

A Concellería de Xustiza Social e Coidados valora criterios de renda e situación sociofamiliar e laboral á hora de puntuar as candidaturas. Deste xeito, as unidades familiares que teñan unha renda inferior ao 100% do IPREM (menos de 7.519,58 euros) obterán a puntuación máxima neste apartado, 4 puntos. No apartado da situación social e familiar teranse en conta diversidades funcionais dos e das menores e tamén da unidade familiar, a condición de familia numerosa, monoparental ou o número de persoas que conformen a unidade familiar e a presenza de irmás ou irmáns con praza no REIM. A situación de emprego ou desemprego da nai ou do pai tamén sumará puntos, que se multiplicarán por dous no caso das familias monoparentais.

A publicación dos listados provisionais das prazas adxudicadas será o 14 de maio, tras o que se abrirá un período de reclamacións. O 1 de xuño farase pública a lista definitiva e de agarda, e ese mesmo día abrirase o prazo de matrícula, que se pechará o día 14 de xuño.

A Rede de Escolas Infantís Municipais conta con 9 centros -A Caracola, Arela, Agra do Orzán, Carricanta, Os Rosais, Luís Seoane, Monte Alto, Os Cativos, Carmen Cervigón-, que ofertan 829 prazas. O Concello cubre o custo dun 2% das prazas ofertas, as que só poden optar nenos e nenas cuxas familias teñan uns ingresos per cápita inferiores ao 100% do IPREM, e tamén o das unidades familiares que teñan máis dun ou dunha menor matriculados nas escolas infantís municipais. As tarifas van dende os 5 euros ao mes para nos casos de ingresos per cápita inferiores ao 50% do IPREM ate un máximo de 105 euros para unidades familiares con ganancias superiores nun 200% ao IPREM. Existen tamén tarifas complementarias para o servizos como o comedor, almorzo, merenda ou ampliación de xornada.

Toda a información sobre o proceso de matrícula para a Rede de Escolas Infantís Municipal está dispoñible no portal web www.edu.coruna.es/ga/reim .

Comment on this Article:







*

Suscríbete a la web por email

Introduce tu correo electrónico para suscribirte a este web y recibir notificaciones de nuevas entradas.