Home » PARQUES INFANTILES » Currently Reading:

O Concello amplía os equipamentos do parque de Visma coa construción dunha área de xogos ao lado da zona de biosaudables

octubre 14, 2018 PARQUES INFANTILES No Comments

A Concellería de Rexeneración Urbana, dirixida por Xiao Varela, está a acometer a construción dunha área de xogos infantil no parque de Visma. Cun orzamento de máis de 11.000 euros, cando estea rematado, este espazo contará con oito estruturas destinadas aos e ás máis pequenas entre as que se atopan randeeiras, redes de escalada, balancíns, tobogáns, estruturas para trepar ou un tren. O responsable municipal comentou que este conxunto de estruturas virá a ampliar o equipamento do parque, xa que se colocará preto das máquinas biosaludables e parte dunha reclamación da propia cidadanía do barrio, que demandaba un espazo adicado especialmente aos e ás máis pequenas co que, até o de agora, non contaba esta zona verde. “Agora contaremos cun espazo que completará a oferta de lecer no parque, cubrindo xa todos os rangos de idade ”, resumiu o edil.

Cunha superficie total de 235 metros cadrados, a área de xogos quedará delimitada cun valado de madeira, confinando un pavimento de area grosa. Neste momento, o departamento de Rexeneración Urbana está a acometer a escavación precisa para asentar a área de xogos e espera poder colocar as travesas delimitadoras ao longo da vindeira semana. “As nosas previsións son que este equipamento quede listo contra final de mes”, comentou o concelleiro Varela.

O titular de Rexeneración Urbana recordou que intención do goberno local de levar a cabo esta actuación de mellora xa foi trasladada á veciñanza de Visma o pasado xuño no marco dun dos encontros participativos coa veciñanza ​Dillo Ti​. Ao longo do pasado verán, o executivo municipal investiu preto de 225.000 euros en reformar de forma integral 23 áreas de xogos de centros de infantil e educación primaria da cidade.

Comment on this Article: