Home » Sin categoría » Currently Reading:

O Concello outorga 1.641 bolsas comedor para o próximo ano escolar, o que supón 112 máis que o pasado curso

septiembre 11, 2018 Sin categoría No Comments

A Concellería de Xustiza Social e Coidados incrementou a 1.641 os nenos e as nenas beneficiarias das bolsas comedor municipais para o vindeiro curso 2018-2019, o que supón un 112 máis que no pasado ano escolar grazas á ampliación de crédito para este programa prevista polo goberno local “que continúa a liña dos últimos anos, nos que se duplicaron os fondos para esta iniciativa para que ningunha familia que cumpra os requisitos se quede fóra destas axudas”. Tal e como indica a responsable do departamento, Silvia Cameán, son 1.101 as familias e 1.641 alumnos e alumnas para as que foi concedida a bolsa, tal e como aprobará a xunta do goberno local extraordinaria que se celebra mañá e que dará luz verde á publicación do listado definitivo de persoas beneficiarias, así como a apertura dun mes de prazo para a presentación de recursos de reposición.

O Concello dedica este curso 1.500.000 euros ao programa –fronte aos 720.000 que foron orzamentados no ano escolar 2015-2016– dos que se gastarán máis de 1,3 millóns, segundo se deriva da listaxe de menores que terán unha bolsa comedor. Este gasto se divide en dúas partidas, unha para o ano 2018 (de setembro a decembro) de 387.235 euros e outra para o 2019 (xaneiro a xuño) de 913.250 euros. “O obxectivo deste goberno local é dar cobertura ao maior número de familias en situación de vulnerabilidade social, independentemente do centro onde se cursen os estudos, e faise cun compromiso no investimento pero tamén a través da modificación dos criterios de acceso, para crear igualdade de oportunidades e facilitar a vida das veciñas e veciños que máis o precisen”, afirma a responsable municipal. Así, este curso sumáronse dúas novidades para facer “máis sinxelo, áxil, inclusivo e xusto” o reparto destas axudas municipais, que están exentas de tributación, como son a renovación mediante declaración responsable para as familias que foron beneficiarias o pasado curso e para as que non variou a situación ou regular que a unidade de convivencia non teña en conta a todas as persoas maiores de idade para a valoración, se non as que que teñan relación directa cos e cas menores, “o que beneficia ás familias que viven con compatriotas ou nas que coexisten varias unidades de convivencia xuntas”.

Estas novidades avanzan no camiño xa iniciado en cursos anteriores pola Concellería de Xustiza Social e Coidados, que introduciu o criterio económico como o principal para a adxudicación das bolsas, así como outros relativos á saúde dos e das rapazas. Na valoración da situación familiar téñense en conta, ademais, tres factores diferenciais, como son a situación laboral, a situación económica das unidades familiares e a situación socio-familiar da ou do solicitante, na que se analizan situacións como a pertenza a unha familia numerosa e casos de discapacidade na unidade familiar e grao do mesmo.

As bolsas de axuda para o comedor do Concello están destinadas a unidades familiares de convivencia con menores ao cargo que estean escolarizados en centros de ensinanza sostidos con fondos públicos e se atopen no termo municipal e cuxa renda per cápita non supere os 6.000 euros anuais (ademais de axustarse ao baremo establecido). Este ano, ademais, para valorar a situación económica dos traballadores por conta allea tivéronse en conta os ingresos de todo 2017, e non xa das tres últimas nóminas ou dos dous últimos trimestres como se facía anteriormente, xa que se considera un criterio máis igualitario. A gratuidade da bolsa pode ser total para aqueles e aquelas menores que cursan estudos nun centro público que teña servizo de comedor, ou dun máximo de 80 euros ao mes no caso de alumnado matriculado nun centro sostido parcialmente con fondos públicos (concertado), unha contía que pode elevarse ata os 98 euros en casos excepcionais, atendendo á situación económica dos e das participantes.

Comment on this Article: