Home » Noticias » Currently Reading:

O goberno local amplía o Servizo Municipal de Canguraxe coa apertura dun novo espazo de atención á infancia en Palavea, “para favorecer a conciliación e a mellora da calidade de vida da veciñanza”

mayo 29, 2018 Noticias No Comments

O Concello da Coruña conta, desde esta semana, cun novo Espazo de Atención á Infancia (EAI). O novo lugar, localizado no centro cívico de Palavea proporcionará ás e aos menores de entre 4 e 12 anos acollemento e permitirá o desenvolvemento de actividades de carácter lúdico-educativas. A proposta forma parte do Servizo Municipal de Canguraxe, que vén de renovar os contratos tanto dos EAI e as Ludotecas Coeducativas, como da modalidade de Atención á Infancia a domicilio, por un total de ​263.445,63€ euros. O programa, que conta cunha maior dotación orzamentaria, favorece, ademais da creación do novo espazo en Palavea, a ampliación do horario de atención nos centros cívicos. A nova proposta da Concellería de Igualdade e Diversidade, área dirixida por Rocío Fraga, tamén aposta pola renovación de materiais ou o incremento de 400 horas para a atención de necesidades específicas de conciliación que precisen as mulleres vítimas de violencias machistas, ou que se atopen en risco de exclusión social.

Así, co EAI de Palavea, a área de Igualdade afonda na expansión do servizo de canguraxe en novos barrios da cidade, xa que se suma á rede de EAI e ludotecas municipais que se atopan nos centros cívicos de Labañou, Castrillón, Sagrada Familia, Mesoiro e Monte Alto. “Estes espazos, que presentan a actividade lúdica como un recurso educativo, de socialización e creativo no tempo de lecer das nenas e dos nenos, contribúen á conciliación da vida laboral e persoal das nosas veciñas, tanto as empadroadas no Concello como todas aquelas que teñan o seu posto de traballo, sexa por conta propia ou allea, no termo municipal”, apunta Fraga, quen engade que o alumnado que estea cursando estudos nun centro de ensino coruñés “tamén poderá participar das actividades do EAI”. “Estamos a falar dun servizo municipal que avoga por defender unha igualdade efectiva e que mellora a calidade de vida da veciñanza, á vez que ofrece un servizo cun destacado carácter metropolitano, xa que se amplía en Palavea nunha aposta por chegar tamén á cidadanía residente na contorna e que traballa acotío na Coruña”, engade a concelleira.

O novo EAI de Palavea abrirá, en período lectivo segundo indique o calendario escolar, entre as 16.00 e as 20.30 horas, mentres que no período non lectivo –vacacións de Nadal, Entroido, Semana Santa e o verán, ademais dos festivos autonómicos e locais– poderase utilizar entre as 08.00 e as 15.00 horas. As actividades que se ofertarán, ao igual que nos outros espazos municipais, organízanse en distintos bloques, como xogo libre, xogo dirixido –obradoiros e actividades de animación socio-cultural– e apoio ao estudo, que inclúe a realización de tarefas escolares ou a aprendizaxe de técnicas de estudo. “Os EAI achegan un conxunto organizado e integrado de actividades que promoven a educación para a igualdade, ben con carácter específico ou de xeito transversal, evitando a transmisión e reprodución de estereotipos de xénero”, lembra Rocío Fraga.

Cada menor poderá facer uso dos diferentes Espazos de Atención á Infancia ou ludotecas –ou combinación de ambos– até un máximo de 40 horas totais ao mes, coa finalidade de fomentar, na medida do posible, un tempo compartido entre as persoas responsables do ou da menor e as nenas e nenos. “En todo caso, as circunstancias persoais e familiares das distintas unidades familiares serán valoradas polo equipo do Servizo Municipal de Canguraxe”, apunta a concelleira. Durante o período non lectivo, non haberá un número máximo de horas de uso do servizo. ​Para poder acceder ao mesmo –así como a outros programas de canguraxe, como Ludotecas Coeducativas ou Atención á Infancia a domicilio–, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude por rexistro. O Centro de Información ás Mulleres (CIM) tramitará o acceso ao servizo municipal e verificará que as solicitantes cumpren os requisitos básicos para poder participar no programa.

Comment on this Article: