Home » CAMPAMENTOS » Currently Reading:

Oito centros escolares da cidade ofrecen este verán case un millar de prazas no programa municipal Campacole 2017, para favorecer a conciliación

junio 27, 2017 CAMPAMENTOS No Comments

Oito centros escolares da cidade ofrecerán ao longo deste verán e a través de tres quendas distintas 980 prazas para que alumnos e alumnas participen nas actividades que oferta o programa Campacole Verán 2017 que, posto en marcha polo Concello en base a un convenio coa Federación Provincial de ANPA, serve para favorecer a conciliación no ámbito persoal. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, destacou que “este programa, ao igual que moitos outros que este verán favorecerán a conciliación, ten en conta tamén criterios de renda, posibilitando que menores de familias con rendas baixas poidan acceder a todos os servizos que se ofertan sen ter que aboar nada”. En concreto, os Campacoles son programas de actividades cun formato de campamentos urbanos que se desenvolven nos CEIP Anxo da Garda, Curros Enríquez, Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Ramón de la Sagra, Sagrada Familia, San Pedro de Visma e Sanjurjo de Carricarte. Ademais de actividades lúdicas e formativas, a oferta complétase coa posibilidade de optar a servizo de almorzo e comedor (ademais de horario especial para ‘madrugadores’).

Está previsto, segundo as propias peticións feitas polas familias dos e das menores durante o período de inscrición, que durante a primeira quenda de Campacole , que vai dende o 26 ao 30 de xuño, participen un total de 349 escolares, dos e das cales 57 resultaron beneficiarios de bolsas. Na segunda quenda, do 3 ao 7 de xullo, prevese que acudan 327 escolares, sendo 56 perceptores de beca, mentres que a terceira quenda de actividades, do 10 ao 14 de xullo, contará con 308 escolares, 55 deles con bolsa. O Campacole non é o único programa posto en marcha por Xustiza Social este verán de cara a favorecer a conciliación. Entre o 3 de xullo e o 31 de agosto terán lugar os campamentos urbanos, que se desenvolverán nos centros cívicos da cidade e nos que se ofertarán prazas para un total de 2.751 menores.

“A nosa intención é ofrecer unha serie de programas que poidan ser complementarios, lúdicos e á vez formativos que sirvan para poder conciliar á vida persoal das familias coa laboral. Intentamos axustar o máis posible o prezo destas actividades aínda que, non obstante, existen bolsas que atenden ao nivel de renda das familias”, destacou Cameán, quen tamén incidiu en que “estas actividades buscan que ninguén quede atrás, polo que estes programas tamén están abertos a alumnado con necesidades especiais”, salientou. “O Goberno local da Coruña intenta dar respostas a toda a cidadanía preocupándose por cuestións que o PP obviouse sempre por completo. A conciliación non pode depender dos cartos dunha familia”, salientou.

Comment on this Article:







*

Suscríbete a la web por email

Introduce tu correo electrónico para suscribirte a este web y recibir notificaciones de nuevas entradas.