coruna 03/11/2016

O Pleno aproba o expediente de modificación de ordenanzas reguladoras de prezos públicos “aplicando medidas democratizadoras no uso das instalacións municipais”

by Victor Lamela

O Pleno municipal da Coruña, co apoio do grupo de Goberno e a abstención do resto de grupos, deu o visto e prace este mércores á aprobación inicial do expediente de modificación de ordenanzas reguladoras de prezos públicos para 2017. A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, destacou que a proposta do Executivo local recolle “medidas de carácter democratizador que apostan por regular o uso das instalacións e servizos dos centros cívicos e museos”. “Nesa liña, configuraranse tarifas polo uso dos salóns de actos dos centros cívicos diferenciando entre xornada completa, media xornada, e por horas, favorecendo así o seu uso por parte da cidadanía”, apuntou a responsable política. “Tamén se variarán as tarifas dos talleres e actividades dos centros cívicos, e activaranse unha exención de tarifas nos casos nos que unha actividade conleve recadación económica con finalidade solidaria”, apuntou. Na mesma liña, a proposta levada a Pleno avoga por modificar a ordenanza fiscal número 16 coa finalidade de homoxeneizar os supostos de tarifas reducidas de acceso aos museos científicos e, incluirase unha ampliación de supostos de cota cero de entrada á Torre de Hércules e o Castelo de San Antón. “No caso das Bibliotecas Municipais tamén se procedería a modificar a ordenanza 41 que derivará na redución das tarifas por fotocopias nestes espazos”, explicou.

unnamed

Non obstante, e na busca de acadar un consenso que posibilite a súa aprobación, o grupo de Goberno retirou da orde do día do Pleno o debate do asunto número 2, relativo á aprobación inicial do expediente de modificación de ordenanzas fiscais para o exercicio 2017. Vieito recordou que o grupo de Goberno “leva dende agosto convocando ao resto de grupos a sentarse para tratar de chegar a un acordo sobre a aprobación das necesarias ordenanzas fiscais”. “O momento de negociar non é a comisión de facenda, que é o lugar a onde hai que levar as propostas consensuadas, o momento de negociar é antes”, dixo en relación ao grupo socialista. “Saben que os invitamos a negociar mil veces para poder sacar adiante unha proposta consensuada, pero preferían falar doutros asuntos”, comentou. En canto á retirada do asunto 2 da orde do día, Vieito amosou a súa sorpresa pola aposta de socialistas e populares de levar a cabo unha rebaixa no IBI, que suporía para o Concello deixar de ingresar cinco millóns de euros “que serían empregados precisamente, nestes momentos, para atender a todas aquelas persoas que se atopan en risco de exclusión e en situación de vulnerabilidade”. “Queremos deixar claro que nós nunca subimos o IBI, quen o subiu foi o Partido Popular, tanto no Concello como no Estado, do mesmo xeito que subiron os BICEs de características especiais ou os usos de ocio e hostalería. Agora, din, non obstante, que mediante a baixada de impostos se reactivará a economía. Todo isto despois de subir o IBI e reducir a inversión municipal e cando o señor Montoro está a indicar que para cumprir cos designios de Europa haberá que subir esta taxa de novo”, reflexionou Vieito.

Aprobación da Ordenanza de Rehabilitación de Inmobles

Por outro lado, o Cámara tamén aprobou inicialmente (cos votos a favor do grupo de Goberno, PSOE e BNG, e a abstención do PP) a modificación da ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles, co que se introducen na mesma medidas tendentes á redución do consumo enerxético no parque de vivenda privada da cidade a través da rehabilitación enerxética e, doutra banda. A medida serve tamén para impulsar a conservación dos núcleos rurais e tradicionais, a través do reforzo das axudas á rehabilitación de vivendas unifamiliares. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quixo salientar o calado destas modificacións, “que terán gran repercusión, xa que favorecerán a redución do consumo enerxético a través dunha maior eficiencia nas vivendas”.

En concreto, a primeira das modificacións que se introduce sirve para explicitar a posibilidade de axudas para intervencións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética en edificios e vivendas, como pode ser o illamento da fachada ou da cuberta ou cambios de carpintería, que se unen ás subvencións municipais xa contempladas en materia de supresión ou soterramento do cableado exterior, supresión de barreiras arquitectónicas ou adaptación do inmoble á normativa de accesibilidade, especialmente en canto á instalación ou adaptación de ascensores. Como fixo notar o concelleiro, o segundo dos supostos susceptibles de subvención que se introducen na ordenanza ten que ver coa rehabilitación, no que pasa a duplicarse a contía das axudas á rehabilitación nos casos das vivendas unifamiliares respecto dos pisos, para equilibrar a capacidade de realizar estas actuacións por parte das persoas propietarias “e propiciar así a conservación daqueles núcleos nos que perviven este tipo de edificacións”. “Estamos en contra dun modelo urbanístico depredador que estivo instaurado durante anos nesta cidade. Por iso, a maiores desta ordenanza, a nosa intención é a de abrir un proceso de reformulación máis ampla do modelo urbanístico da cidade para profundar en todas estas cuestións”, engadiu Varela.

Tamén recibiu o apoio necesario a supresión das cotas mínimas na ordenanza xeral de recadación do Concello no que atinxe ao Plan de Pago Personalizado, así como a conta xeral da Corporación do exercicio 2015, ascendendo o resultado consolidado (dereitos menos obrigas) a 22.276.864,64 euros a 31 de decembro do ano pasado. Por primeira vez, tal e como marca a lexislación actual, esta conta integra tanto os resultados do Consorcio para a Promoción da Música como o de Turismo. Neste debate, e a respecto da execución orzamentaria deste ano, a concelleira de Facenda indicou que “o nivel de execución orzamentaria a 3 de outubro de 2016 non é moi diferente ao doutras datas, superior ao do ano 2011, e moi semellante ao do ano 2012, ambos anos co Concello gobernado polo PP e con maioría absoluta”. “A execución de gastos financeiros, por exemplo, é máis baixa, precisamente pola refinanciación da débeda que levamos a cabo e porque presentamos unha reclamación fronte a un produto financeiro dos denominados tóxicos que vostedes contrataron”, comentou. “En canto aos investimentos, segundo os nosos estudos, temos claro que nin este nin outro grupo de Goberno podería ter a estas alturas de ano unha execución maior tendo aprobados os orzamentos en xullo, e debido en gran medida ás reticencias da oposición para levar a cabo a súa aprobación”, dixo a edil, quen quixo recordar que “os investimentos reais son incorporables ao Orzamento do vindeiro ano”.

Non obstante, o Pleno extraordinario celebrado este mércores impediu –debido ao acordo entre socialistas o populares, que aprobaron de forma conxunta un voto particular do PSOE– dar luz verde ao expediente de modificación da ordenanza fiscal número 7 reguladora da taxa pola prestación do servizo de alcantarillado e depuración de augas residuais, na que se propoñía un incremento na súa taxa fixa derivado da obriga de aplicar os acordos adoptados no Consello de Administración da Edar de Bens o pasado xuño, órgano de dirección no que están representandos, ademais do municipio coruñés, os de Culleredo, Oleiros, Cambre e Arteixo. A concelleira de Medio Ambiente, María García, lamentou fondamente “o bloqueo” de socialistas e populares. “Parécenos gravísimo que se bloquee esta medida que foi aprobada por todos os concellos, con representación de todos os grupos políticos, e que serviría para paliar o déficit na Edar”, indicou a responsable municipal. “O incremento da taxa de depuración, que xa están aplicando o resto dos concellos, suplirá o déficit que ten a depuradora pero, á vez, a nosa intención é aplicar medidas que palien este incremento de taxa fixa. Cando hai situacións de emerxencia social temos que contar cunha administración forte e unha política redistributiva, por iso cremos que é necesario que o que máis teña máis pague, e se poñan en marcha unhas bonificacións a través de Emalcsa para beneficiar o comsumo doméstico”, expuxo a concelleira. “Temos unha liña política baseada na redistribución das cargas fiscais e cremos que este incremento da taxa fixa, que vostedes apoiaban até o de agora e ao que votaron a favor do consello da Edar de Bens, era necesario”, censurou. “Non entendemos que o afán partidista os leve a votar en contra do que apoiaron no Consello da Administración da depuradora con outros catro concellos da comarca”, salientou.

A %d blogueros les gusta esto: