coruna 08/07/2020

A aceleradora BFAero lanza a súa terceira convocatoria para seleccionar sete novos proxectos con vehículos non tripulados

by Victor Lamela

A aceleradora Business Factory Aero (BFAero), que forma parte do Polo Aeroespacial de Galicia no marco da Civil UAVs Initiative (CUI) da Xunta de Galicia, vén de celebrar a presentación virtual de lanzamento da súa terceira convocatoria. O acto celebrado este luns contou coa benvida institucional do conselleiro de Economía, Emprego e Industria do goberno galego, Francisco Conde. BFAero consolida así por terceiro ano consecutivo a súa firme aposta pola captación de talento e o emprendemento no sector dos drons e os vehículos non tripulados en Galicia.

BFAero xa apoia doce proxectos chegados de centros tecnolóxicos, universidades e spin out empresariais: nove deles galegos e tres do resto de España. Nesta terceira convocatoria escollerá sete novas ideas, tres para o seu programa de incubación e catro para o de aceleración. Nas dúas primeiras convocatorias, un total de 94 candidaturas optaron ás doce prazas finais. Este ano o prazo de presentación de iniciativas estará aberto ata o 22 de outubro ás 14.00 horas. Como novidade con respecto ás dúas primeiras edicións, BFAero inclúe unha nova área temática para a presentación de proxectos: a de ideas innovadoras para combater a COVID-19 a través de solucións con vehículos non tripulados.

Tras unha breve presentación inicial por parte de Francisco Conde, o acto de presentación contou cun vídeo de lanzamento e dúas mesas redondas: unha coa participación das entidades tractoras de BFAero e outra con representantes dos proxectos seleccionados na primeira e na segunda edición, que falaron da súa propia experiencia na aceleradora.

As empresas e startups cunha idea innovadora para o uso de vehículos non tripulados (aéreos e mariños) teñen a oportunidade de presentarse a esta terceira convocatoria, que conta cun importante apoio de entidades públicas e empresas multinacionais de referencia como Indra e Babcock.

BFAero ofrece aos seus proxectos acelerados un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto no mercado local, nacional e internacional, cunha duración total de 12 meses tanto para a etapa de incubación como para a de aceleración. Así, as ideas que sexan seleccionadas terán á súa disposición titorías e mentorización con expertos no sector, ademáis de acceso ás instalacións do aeródromo de Rozas e aos equipos da Civil UAVS Initiative. Tamén contarán con oficina propia e espazos para realizar coworking e recibir una completa formación en todos os aspectos que afecten ao seu plan de negocio nas instalacións da Fundación CEL-iniciativas por Lugo, onde se atopa o equipo xestor de BFAero.

Os proxectos contarán asimesmo con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais, poderán dispoñer de UAVs de Indra e Babcock de forma gratuita, horas de voo bonificadas e a opción de obter a certificación de piloto de drons.

Importante apoio económico a fondo perdido

BFAero é a aceleradora do sector que prevé unha maior dotación de apoio económico por proxecto de toda a Unión Europea. As iniciativas escollidas disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento de ata 50.000 euros a fondo perdido tanto na fase de incubación como na de aceleración. Adicionalmente, optarán a un financiamento en forma de préstamos de INDRA (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de XesGalicia.

Todo isto fai de BFAero unha iniciativa de vangarda, non só polo seu equipo promotor líder no sector senón por ser un proxecto de equipo. Aos membros da Xunta, que inclúen a Igape, XesGalicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), súmanse empresas tractoras referentes como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e un ecosistema aberto do que forman parte as tres universidades galegas, centros tecnolóxicos e o Consorcio Aeronáutico de Galicia (CAG), que representa no Comité Executivo da aceleradora a todos os membros do mesmo, ademáis dunha rede de pequenas e medianas empresas que aportan valor ao programa.

 

Toda a información sobre el programa e as bases completas da terceira convocatoria de BFAero poden ser consultadas a través da web www.bfaero.es

A %d blogueros les gusta esto: