coruna 05/11/2015

A afluencia de tráfico na Avenida da Vedra descendeu nun 10% nos últimos cinco meses, con 27.014 vehículos menos de entrada e 25.624 de saída

by Victor Lamela

Os datos de tráfico da avenida da Vedra en canto a entrada e saída da Coruña mostran un descenso medio dun 10% no número de vehículos que empregan esta vía desde a entrada en funcionamento da Terceira Ronda. As cifras oficiais da DGT revelan que entre xuño e outubro deste ano, coincidindo co período que leva o novo Goberno en María Pita, o volume de tráfico na Avenida da Vedra, rebaixouse case un 10% (un 9,9% en tráfico de entrada á cidade e un 8,7% en saída). En concreto, entre os meses de xuño e outubro, por ese vial pasaron, en dirección acceso, un total de 244.640 vehículos, mentres que no mesmo período do ano anterior, a cifra foi de 271.654. En cinco meses, os e as usuarias que pasaron por esta estrada de acceso foron 27.014 menos que en 2014, co que se rexistrou unha diminución do 9,9%. Os datos de afluencia de vehículos na Avenida da Vedra dirección saída van na mesma liña. Entre xuño e outubro deste ano, a cifra rexistrada foi de 266.341, fronte aos 291.965 do ano anterior. En total, un descenso de 25.624 usuarios, un 8,7% menos.

Para o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, estes números “non veñen máis que a referendar a postura do Goberno local e mostrar que A Vedra, lonxe de estar colapsada, está baixando en intensidade de vehículos dende a apertura da Terceira Ronda”. O concelleiro pon o acento nos datos relativos ao mes de outubro, “un dos que ten máis intensidade media” e o que, como observa, representan a baixada máis notoria. Así, se no 2014 as cifras situábanse en 60.047 vehículos de saída e 53.327 de entrada, neste últimos outubro, os números descenderon ata os 54.438 (5.609 menos) de saída e 48.250 de entrada (5.077 menos). Neste sentido, o responsable municipal destaca tamén que a proposta do Goberno coruñés para a humanización de Alfonso Molina serve para “suturar a fenda” que supón a vía para barrios como Matogrande, Someso, Birloque, Elviña Castro ou o Ofimático, e tamén para o campus de Elviña, e subliña que é tamén “moito máis racional coa inversión, xa que ten un menor custo de execución, e mellora as condicións de seguridade do tránsito”, cunha nova sinalización. “Hai que romper coa idea de que A Vedra está colapsada e os datos van nesa dirección”, incide, para observar que o necesario non é ampliar a avenida senón “integrala” como unha máis da cidade.

Díaz Grandío insiste en que unha das causas da rebaixa do número de vehículos ten que ver coa posta en funcionamento de outros viais que dan cobertura tanto de acceso como de saída da cidade. En concreto, a AG­14 (Terceira Ronda) rexistrou nestes meses 46.592 vehículos en dirección saída da cidade e 50.470 de entrada.

A %d blogueros les gusta esto: