Uncategorised 17/02/2021

A Asociación de Veciños de Mesoiro Vío As Xunqueira e a Asociación Veciñal de Novo Mesoiro solicitan ao Concello da Coruña a execución das resolucións do decreto da Área de Disciplina Urbanística nas que se ordena, como medida provisional, o cese inmediato da actividade da empresa Maderas Becerra SL

by Victor Lamela

A Asociación de Veciños de Mesoiro Vío As Xunqueira e a Asociación Veciñal de Novo Mesoiro solicitan ao Concello da Coruña a execución das resolucións do decreto da Área de Disciplina Urbanística nas que se ordena, como medida provisional, o cese inmediato da actividade da empresa Maderas Becerra SL.

Deste xeito, ambas asociacións fanse eco do Decreto emitido pola Área de Disciplina Urbanística o 2 de decembro do ano pasado, onde, despois de ter realizadas varias inspeccións, corroboraron que as actividades que se desenvolven na citada empresa non se corresponden coa licencia de actividade aprobada no seu día e que data do ano 1978.

Segundo puido constatar a policía local, e despois de diversas denuncias efectuadas ao longo de 2019 e 2020, a citada empresa almacena materias propios no exterior das súas instalacións incumprindo varias normas, tanto de ámbito autonómico como local, asemade de incumprir a propia licencia que da pé á actividade.

Amais, os entes veciñais entenden, ao igual que o Concello da Coruña, que na actualidade a empresa carece de título habilitante para o exercicio da actividade industrial que realiza na contorna dos barrios de Mesoiro e Novo Mesoiro e que a mesma non se axusta á licencia no seu día concedida.

Así mesmo, as asociacións advirten que o propio Decreto concedía un prazo de quince días para a presentación das alegacións oportunas contra das resolucións, mais era moi concreta ditaminando o “cese inmediato”, algo que non aconteceu, xa que logo segue a se realizar actividade industrial de cotiá, despois de máis de dous meses desde a comunicación do Decreto.

“A actividade industrial que realiza a empresa é incompatíbel coa contorna urbana existente hoxe en dia: o tratamento das madeiras, con distintos materiais químicos, conservantes e vernices, a expulsión e exposición ao exterior das instalacións de substancias derivadas da queima de refugallos, ou mesmo o transporte e almacenaxe exterior, na contorna dos nosos barrios, son propias de contornas industriais, mais acontecen nunha zona urbana habitada por 10.000 persoas. Entendemos que a empresa debe tomar todas as medidas aprobadas na lexislación actual para evitar o impacto medio ambiental que causa na actualidade e trasladar a súa actividade ao propio polígono de Pocomaco, a escasos 100 metros de onde ten actualmente as súas instalacións” sinalan desde as entidades veciñais.

Por último, tamén desde as directivas das asociacións lembran que xa no seu día, cando aínda non se construíra o barrio de Novo Mesoiro, a actividade de camións de grande tonelaxe provocou un accidente mortal. “Hoxe en día a densidade de movemento de peóns no camiño do Xeán, que conecta ambos barrios, é zona central do paso e descarga dos camións que transportan as grandes tonelaxes de madeira o que implica, xa de por si, unha adecuación das vías, que non están adaptadas, non teñen beirarrúas, non existen zonas delimitadas de carga e descarga, non teñen sinalización vertical e horizontal, e non están adaptadas á ordenanza de mobilidade nin as normas básicas da DXT”, conclúen desde as asociacións.

A %d blogueros les gusta esto: