Sucesos 11th enero 2019

A Audiencia condena a seis anos de cárcere a tres acusados de traficar con droga na Coruña

by Victor Lamela

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a seis anos de cárcere como autores dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de acusada nocividade e coa cualificación de notoria importancia a cada un dos tres acusados de traficar con droga na cidade entre marzo e outubro de 2017. Ademais, dous deles deberán aboar unha multa de 130.000 e o outro imputado, de 280.000 euros. O tribunal considera acreditado na resolución que os sospeitosos, aos que seguiron e vixiaron axentes da Policía Nacional, se reunían en descampados e adoptaban medidas de seguridade para evitar ser descubertos.

“Os tres acusados actuaban conxuntamente e con pleno coñecemento dos feitos para conseguir levar a efecto a distribución das substancias estupefacientes a terceiras persoas”, sinala a Audiencia. Os axentes detivéronos o 25 de outubro de 2017, cando un deles transportaba droga nun turismo e os outros dous viaxaban noutro coche con 3.960 euros en efectivo envoltos en papel filme. Os investigadores, ao día seguinte, rexistraron o domicilio dun dos imputados e comisaron substancias tóxicas, unha máquina de contar cartos e un perturbador de ondas para anular sinais telefónicos, entre outros obxectos.

Os maxistrados aseguran na sentenza que o total da droga intervida durante a operación alcanzaría un prezo de venda no mercado ilícito de 144.590 euros.

A %d blogueros les gusta esto: