coruna 16th marzo 2019

A Audiencia da Coruña declara nulas as escoitas dunha das causas da operación Orquestra

by Victor Lamela

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acordou declarar a nulidade das intervencións telefónicas da peza da coñecida como operación Orquestra relacionada co Concello de Cee. As defensas do alcalde, un concelleiro, dous empresarios, un arquitecto e un axente de orquestras solicitaron o martes desta semana nas cuestións previas expostas no xuízo a nulidade das escoitas realizadas dentro da causa.

O tribunal, ante esa demanda, suspendeu a vista e, nun auto notificado hoxe, declarou nulas tanto as intervencións como as súas prórrogas. “Non constando nin como proba nin como medio de investigación os testemuños da causa matriz que permitisen valorar a lexitimidade das inxerencias alí adoptadas, a consecuencia, no presente procedemento, é declarar a nulidade por violación de dereitos fundamentais das intervencións telefónicas practicadas”, argumentan os maxistrados.

A Audiencia explica no auto que cando as intervencións telefónicas acordadas nun procedemento derivan das practicadas noutro procedemento distinto, como sucede neste caso, pode “xurdir a necesidade de analizar a validez das intervencións do primeiro procedemento para decidir sobre a validez das practicadas no segundo”. Esta circunstancia, segundo o tribunal, “obrigaría a incorporar ao segundo procedemento a totalidade dos autos de intervención telefónica ditados no primeiro, así como a totalidade dos oficios policiais nos que se apoian, posibilitando desta forma o seu estudo e análise”.

Na causa, segundo salienta a Audiencia, “non están incorporadas nin a solicitude inicial para a adopción da medida de intervención das comunicacións telefónicas adoptada nas dilixencias previas 536/2009, nin a resolución xudicial que acorda a intervención, nin as peticións e resolucións xudiciais de prórroga das intervencións recaídas no procedemento de orixe, así como o resultado concreto das dilixencias practicadas na causa matriz que fundamentou a apertura da causa derivada”.

“Deste xeito, furtóuselle a este tribunal a posibilidade de valorar os resultados de tales dilixencias neste procedemento, estando ausentes da causa os elementos de xuízo necesarios para valorar a lexitimidade das escoitas acordadas nas dilixencias previas 536/2009”, argumenta.

A Audiencia tamén declarou nulos, por conexión de antixuridicidade, todos os rexistros domiciliarios practicados. “Tendo en conta que as intervencións telefónicas que sucesivamente se foron acordando foron a fonte de información que á súa vez determinou os autos de entrada e rexistro domiciliarios, estes deben declararse igualmente nulos por conexión de antixuridicidade coa proba ilicitamente practicada”, explica no auto.

Contra a resolución, notificada hoxe, non cabe a interposición de recurso, se ben é posible a súa impugnación, de ser o caso, de modo conxunto coa sentenza que se dite no procedemento.

A %d blogueros les gusta esto: