Deportes 10/07/2019

A carreira 5K Leyma deste sábado colabora por primeira vez coa AECC

by Victor Lamela
  1. Esta mañá presentouse no concello a carreira 5K Leyma que terá lugar na cidade o vindeiro sábado 12 de outubro, con saída ás 11.00 h da categoría absoluta desde o monumento Breogán na Torre de Hércules.

    Á presentación da proba acudiron o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, o representante de ChampionChipNorte e organizador técnico da carreira, Javier Romay, o vicepresidente de Leyma Básquet Coruña, Juan Carlos Fernández Herrero, a presidenta do grupo Lence Torres (Leyma), Carmen Lence, e a vogal da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

  2.  

    Nesta 3.a edición da carreira colabórase por primeira vez coa AECC, seguindo o obxectivo da súa promoción como unha actividade popular e saudable, máis aínda cando estamos no mes dedicado ao cancro de mama. Leyma, a marca de produtos lácteos galega, corre cos gastos do evento e doaralle 2€ á asociación por cada inscrición.

    “Este sábado será un día para desfrutar en familia”, asegurou Borrego, quen tamén animou a cidadanía a inscribirse e a participar neste evento que por riba “ten un fin solidario ao colaborar coa AECC”.

As inscricións están abertas ata este mércores 9 de outubro ás doce da noite e poden realizarse a través das páxinas web www.ccnorte.com e www.c5k.es, esta última é a páxina oficial da carreira onde tamén se pode consultar toda a información relevante. Javier Romay detallou no acto de presentación desta mañá que ata o momento contan con máis de 700 inscricións e que nesta edición prevén chegar ás 1.400 persoas.

A proba absoluta disputarase sobre un percorrido de 5 quilómetros con saída desde a zona da Torre de Hércules ata a explanada do Pavillón de Deportes en Riazor. Pola súa banda, as carreiras menores desenvolveranse en Riazor, unha vez rematada a proba absoluta. A modalidade de andaina terá o mesmo percorrido que a proba absoluta.

Este ano, como novidade, haberá premios por grupos de empresa (feminino, masculino e mixto) e tamén na modalidade familiar ás tres primeiras familias. Ademais, agasallos e sorteos, camiseta técnica para todas as persoas participantes e as 1000 primeiras persoas en recoller o seu dorsal serán agasalladas cunha entrada con acompañante para o partido de básquet Leb Oro en #oFornodeRiazor. A organización tamén ofrecerá avituallamento final e duchas.

A %d blogueros les gusta esto: