coruna 25/11/2016

A comisión de Facenda informa favorablemente dos tres modificativos de crédito que se debaterán no Pleno extraordinario deste luns

by Victor Lamela

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, informou á comisión municipal específica da súa área sobre os tres modificativos a aplicar nos Orzamentos deste exercicio que o grupo de Goberno levará a Pleno o vindeiro luns, nunha sesión de carácter extraordinario. En primeiro lugar, a área de Rexeneración Urbana propón destinar a partida inicialmente prevista para a adquisición de terreos da Estación Intermodal –que ascende a 700.000 euros– a dous obxectivos distintos, como son “afrontar o pago de expropiacións necesarias para levar a cabo procedementos urbanísticos clave”, así como para “a compra de solo destinado a aumentar o parque de vivenda municipal”. Á marxe deses dous modificativos, para os que só sería necesario mudar a denominación do anexo de investimentos, tamén se propón un terceiro para facer fronte a obrigas relativas ao transporte urbano. En concreto, tres facturas da Compañía de Tranvías por valor de 1,1 millóns de euros. A citada comisión de Facenda informou de forma favorable sobre as citadas modificacións, ao recibir as tres o voto positivo da concelleira Vieito, e a abstención dos e das representantes dos grupos municipais de BNG e PSOE. O PP, pola súa banda, abstívose no que atinxe aos dous primeiros modificativos, ligados ao orzamento destinado ao proxecto da Intermodal, e emitiu o seu voto favorable no relativo ao crédito para o pago á Compañía de Tranvías.

A titular de Facenda indicou que a previsión contida nos Orzamentos de 2016 para a adquisición de terreos destinados ao proxecto da Intermodal “perdeu neste momento o seu sentido ao ser preciso, previamente, realizar as modificacións de planeamento (xa iniciadas) que recollan os cambios negociados co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e a Xunta de Galicia.

Desta forma, o Goberno local propón destinar 320.000 euros desta contía para “adquirir terreos necesarios para acometer procedementos urbanísticos clave”. En concreto, as expropiacións contempladas servirían para levar a cabo a necesaria ampliación do campo de Eirís, así como construír un vial que una o Ofimático coa rúa Santa Teresa de Journet. A maiores, tamén se abordarían expropiacións de terreos no Lugar das Pedrerías, na Sardiñeira, en Monelos e nas Xubias.

Por outro lado, está previsto que o Pleno extraordinario deste luns tamén debata outra modificación do anexo de investimentos para destinar 382.757 euros (restantes da partida orixinariamente destinada á Intermodal) á “adquisión de solo que teña como destino aumentar o parque de vivenda municipal”.

O terceiro modificativo que se abordará na sesión plenaria, e que tamén foi debatido hoxe na Comisión de Facenda, consta dun crédito extraordinario para facer fronte a obrigas relativas ás subvencións municipais do transporte urbano. En concreto, con esta modificación orzamentaria compensaranse facturas pendentes da Compañía de Tranvías por valor de 1,1 millóns de euros. O financiamento das mesmas realizarase con cargo a 33 baixas de crédito en distintas aplicacións, que segundo os informes dos correspondentes servizos municipais podne minorarse sen ningunha contrapartida ou alteración no funcionamento dos mesmos.

Entre as baixas de crédito propostas figura, por exemplo, unha de 245.000 euros, que a Concellería de Emprego tiña reservados para realizar unha achega municipal aos programas Garantía Xuvenil Coruña e Rede Coruña Emprega III, programas que non foron convocados polas administracións competentes, polo que a aportación municipal terá que facerse, no seu momento e cando sexan convocadas, con cargos aos Orzamentos de 2017. Tamén se propoñen 25 baixas de crédito por importe de 200.000 euros en distintas aplicacións do capítulo 1 de gastos de persoal; outra de 100.000 euros dunha partida da Concellería de Mobilidade destinada á encomendas de xestión de multas con Emvsa, ao ser o gasto neste exercicio menor do previsto, e outra partida de máis de 427.000 euros que procede das cantidades reservadas polo Goberno local para afrontar gastos financeiros, ao existir sobrante nesta aplicación.

A %d blogueros les gusta esto: