coruna 25/03/2020

A Comisión de Seguimento acorda unha redución do número de funcionarios/as en xulgados e tribunais

by Victor

A Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do TSXG acordou, na reunión mantida onte, dar o visto e prace á resolución que esta tarde publicará a Dirección Xeral de Xustiza pola que se modifican os servizos mínimos esenciais nos xulgados e tribunais galegos como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus. En atención á experiencia da primeira semana de confinamento e ao volume de traballo dos órganos xudiciais, considerouse factible e conveniente reducir o número de funcionarios/as que cada día teñen que acudir ao seu posto de traballo de forma presencial para atender as dilixencias consideradas urxentes.

A partir da publicación da orde, os xulgados de garda atenderán as causas con preso dos outros xulgados de instrución ou mixtos dese partido, de tal forma que xa non se necesitará a presenza de ningún funcionario/a nestes órganos. Pola urxencia e singularidade da súa función, os xulgados de Violencia sobre a Muller especializados (un en cada partido xudicial) manteñen un funcionario/a. Tamén os xulgados exclusivos nesta materia, os situados na Coruña e Vigo, manteñen os tres funcionarios/as cos que contaban ata o de agora e que se consideran necesarios para atender de forma correcta as súas necesidades.

No resto de xurisdicións redúcese o persoal funcionario e os xulgados quedarán atendidos da seguinte maneira:

-Nos xulgados do penal, un para cada dous ou fracción, e un auxilio para todos eles.

-Nos xulgados do contencioso-administrativo, primeira instancia e social haberá dous funcionarios/as en cada xurisdición. Con todo, nos especializados en dereito de familia, e tamén en atención ás necesidades que se están rexistrando, un funcionario/para para todos os da súa clase en cada partido.

-Nos rexistros civís exclusivos, situados na Coruña e Vigo, mantense o número de funcionarios, pero prescíndese dun do corpo de auxilio, e auméntase un tramitador/a ou xestor/a para dar saída ás licenzas de enterramento. A Comisión entendeu que a proposta da Dirección Xeral nese sentido axústase mellor ás necesidades detectadas.

-Tamén nas Audiencias Provinciais reducirase no posible o número de persoal.

 

Medidas de protección

A Consellería de Presidencia informou á Comisión de que están a repartir luvas e xel hidro alcohólico en todos os servizos que teñen atención ao público, en especial nos xulgados de garda. Tamén repartirán a partir de mañá preto de 700 máscaras lavables e confeccionadas en Galicia. Este material está destinado ás gardas, servizos comúns de notificacións e embargos, xulgados de paz, servizos de atención á vítima e rexistros civís.

Ademais, mañá recibirán estruturas de metacrilato que antes de que acabe a semana estarán colocadas nos rexistros civís dos 45 partidos xudiciais galegos para evitar o contacto entre traballadores e usuarios, segundo comunicou a Xunta á Comisión de Seguimento.

Nos xulgados e tribunais das sete cidades galegas, os que máis actividade están a ter, reforzouse o servizo de limpeza para proceder a unha correcta desinfección, especialmente das zonas comúns.

Na reunión da Comisión de Seguimento celebrada hoxe por videoconferencia volveuse a poñer de manifesto que, polo momento, nin ao TSXG nin á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta lles constan casos positivos confirmados entre xuíces/zas, fiscais, letrados/as da Administración de Xustiza ou funcionarios/as, polo que non existe razón algunha para o peche de ningún xulgado.

A %d blogueros les gusta esto: