coruna 10/12/2015

A concelleira de Igualdade destaca a necesidade “de investir na promoción real dos dereitos humanos”, e que o seu cumprimento sexa “unha prioridade política”

by Victor Lamela

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, fixo fincapé este mércores, véspera do Día Internacional dos Dereitos Humanos, na necesidade de que todas as institucións “invistan na promoción real dos dereitos humanos”. “Hai que facer do obxectivo ‘todas as persoas e todos os dereitos’, a base para as respostas institucionais e para marcar prioridades nas axendas políticas”, declarou a responsable municipal, que mañá xoves manterá unha reunión en Compostela coa secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.

A intención de Fraga é aproveitar a reunión con López Abella para solicitarlle “unha maior inversión da administración autonómica en todos aqueles servizos que garanten os dereitos humanos das mulleres, especialmente, a través do reforzo na dotación destinada aos programas que desenvolve o Centro de Información á Muller (CIM)”.

A concelleira destacou a decidida aposta do Goberno local e, en concreto, do seu departamento, no cumprimento dos dereitos humanos. “Todo o traballo que desenvolve esta área enmarcase no cumprimento dos dereitos de todos e todas. Ao poñer a inclusión da diversidade e da igualdade nas políticas municipais estamos a traballar polos dereitos de todas as persoas”, explicou.

Precisamente, dentro desa liña de traballo, a Concellería de Igualdade ten previsto facilitar unha instrución interna como ferramenta para todo o persoal dependente da administración local “que servirá para incluír, de xeito transversal, o principio de igualdade de xénero e o enfoque dos dereitos humanos en todos os programas e servizos de xestión municipal”.

A %d blogueros les gusta esto: