coruna 18/05/2016

A Concellería de Emprego remata a primeira acción formativa para praceiras e praceiros no mercado municipal Eusebio da Guarda “coa boa acollida e valoración dos e das participantes”

by Victor Lamela

A Concellería de Emprego e Economía Social, da que dependen o Servizo de Mercados e o Servizo de Consumo, vén de finalizar o primeiro curso impartido no mercado municipal Eusebio da Guarda (Praza de Lugo) dentro do programa de formación dirixido a praceiros e praceiras e que ten como obxectivo mellorar os seus coñecementos en canto aos dereitos e obrigas de cara ás persoas consumidoras, así como optimizar a xestión empresarial dos seus negocios. O concelleiro Alberto Lema destacou “a boa acollida” que tivo este primeiro curso, referido aos dereitos das persoas consumidoras, no que participaron máis de 60 traballadores e traballadoras destes espazos municipais. “A finalidade fundamental desta acción, totalmente gratuíta para as persoas que asistiron, así como do resto de actividades que levaremos a cabo na mesma liña, é servir e apoiar aos e ás profesionais, para que poidan potenciar ao máximo os seus negocios, ao mesmo tempo que coñecer os seus dereitos e obrigas como comerciantes, resolvendo dúbidas e carencias informativas para lograr unha excelencia na calidade ao servizo das persoas consumidoras”, comentou o responsable municipal titular de Emprego e Economía Social. Lema recordou que todas estas actividades están englobadas “dentro das accións que está a desenvolver este Goberno de cara a dinamizar e promocionar os mercados municipais da cidade”.

O primeiro módulo impartido entre abril e maio aos e ás praceiras do mercado municipal Eusebio da Guarda ­­e dirixido especialmente aos e ás vendedoras de peixe e carne­­ centrouse nos dereitos das persoas consumidoras, levándose a cabo diferentes charlas (en horarios adaptados ás necesidades das e dos profesionais) nas que se trataron temas como “o comercio polo miúdo e as persoas consumidoras”, as “actividades promocionais”, os “deberes dos e das comerciantes” e a “xestión de queixas e reclamacións”. De media, asistiron a este módulo unhas 60 praceiras e praceiros ­­repartidos en tres grupos diferentes segundo os productos que venden­­ que ao rematar a formación “valoraron de xeito moi positivo o contido e a utilidade da mesma”.

En concreto, e en base as enquisas realizadas aos e ás participantes do módulo de formación ao remate do mesmo, o curso obtivo unha puntuación de 3,6 puntos, sendo o máximo a outorgar de 4. Os e as vendedoras de peixe e carne destacaron, por medio dos inquéritos, a “utilidade” da actividade, así como a disposición de “medios para levar a cabo as actividades propostas” e a “claridade na exposición de contidos dos e das formadoras”.

“É moi importante coñecer a valoración que fan as e os profesionais deste tipo de comercio destas accións que desenvolvemos dende o Goberno local”, comentou Lema. “A nosa intención é axudalos a poder mellorar os seus coñecementos neste terreo, así como dinamizar os mercados, co obxectivo de que poidan atraer a máis xente. Non obstante, neste Goberno local apostamos pola participación, por ter sempre en conta a súa opinión para poder adaptar estas actividades as súas necesidades e dar resposta á formación que verdadeiramente demandan”, explicou.

A %d blogueros les gusta esto: